domingo, 24 de abril de 2016

África non ten medios para coidar da saúde dos seus poboadores, por Sandra López

Coñecemos África como un dos continentes máis fermosos polas súas impoñentes paisaxes, fauna, flora ou polos seus exóticos animais.
Pero realmente coñecemos a vida de boa parte da poboación africana?

A realidade africana é dramática, máis de trescentas millóns de persoas viven con menos dun dólar ao día, trinta millóns de nenos menores de cinco anos sofren desnutrición e o 43% da poboación non ten auga potable. Estas cifras sen dúbida son moi alarmantes, a pobreza en África está a aumentar máis rapidamente que noutras rexións do Terceiro Mundo, homes, mulleres e nenos completamente destruidos.

África ademais de ser a rexión máis pobre do mundo, sofre as consecuencias de ter os índices máis altos de contaxio do VIH, do total mundial de 30 millóns de persoas que vivían co VIH en 1997 unhas dúas terceiras partes viven en África ao sur do Sahara. A infección concéntrase nos grupos sociais con idades entre 15 e 45 anos, entre os cales o número de mulleres infectadas é un pouco maior que o dos homes.

Outro problema importante é a escaseza de auga, situación que se agrava coas fortes secas e a mala administración da auga. A seca trouxo moitas consecuencias para os poboadores, como as fames negras ou as millóns de enfermidades que afectan todos os días aos habitantes de África.

Isto é, África presenta unha longa lista de problemas, malas situacións ás que día a día os seus habitantes se deben enfrontar. África non ten medios para coidar da saúde dos seus poboadores e o resto do mundo fai caso omiso desto. As axudas que chegan son apenas unha mera situación incapaz de diminuír as enfermidades e a pobreza en que se desenvolve o país. Canta máis pobreza, peor é a saúde e isto inclúe que a pobreza aumente ao longo dos anos.

Sandra López (4º ESO)

sábado, 23 de abril de 2016

Obradoiro de poesía con Yolanda Castaño no Dolmen de Dombate


O Sábado 19 de Marzo realizouse un obradoiro de poesía con Yolanda Castaño. Esta foi unha experiencia única nun lugar marabilloso como é o dolmen. Foi unha boa maneira de aproveitar ben unha mañá de sábado primaveral na que non había moito que facer agás durmir. No obradoiro con Yolanda reflexionamos sobre o que significaba para nós a poesía, así como falar dos diferentes tipos de poesía existentes. Falamos tamén de que, cando pensabamos en poesía, o primeiro que se nos viña á cabeza era o romanticismo e os sentimentos apaixonados, pero que non necesariamente é así.
Descubrimos que na poesía existen diferentes formas de expresar outros sentimentos como odio, inspiración, reflexión…
Entre todos os asistentes elaboramos un poema sobre o Sol a partir de diferentes ideas que cada un iamos poñendo e ata os que mellor debuxaban fixeron uns debuxos para ilustrar o noso poema.

Ao final, foi unha forma divertida de aproveitar un sábado primaveral onde tamén aprendemos moito sobre poesía.

Eloy Mato Rial (3º ESO)

quarta-feira, 20 de abril de 2016

Ao mellor avó do mundo por Sabela Lema Rodríguez (2º ESO)





O meu avó naceu nunha casa sen moitos recursos. Fillo dun labrador que alugaba leiras para poder traballar máis, e dunha ama de casa.
Xa de cativo, buscou a vida cando ía cas ovellas para o monte. Alí namentras os outros rapaces coidaban das ovellas, el facía cestos de vimbio e regaláballe un ó que llas coidaba. Ademais sempre traia algún a maiores para poder, e así facía algunha peseta.
Xa de mozo, empezou a traballar nos asteleiros aprendendo a facer e facendo barcos de madeira. Ademáis estivo traballando de carreteiro, carretando madeira cun carro e unha parella de bois.
Aprendeu ben o oficio de carpinteiro de ribeira, e así pasou case toda a súa vida laboral, traballando en asteleiros tanto en Cabana como na Coruña.
Cando lle chegou a idade de retiro laboral dedicouse de cheo á súa paixón de rapaz. Non sei se foi para entreterse e pasar o tempo ou para volver á etapa de nenez, pero tomouno tanto en serio, que se puxo a facer un cestos que deixaban a todo o mundo coa boca aberta. Aquilo non era entretenemento, era arte. Así que empezou a conmover á xente. Púxose a expoñer as súas obras, facer cursillos de cestería, e a levar por medio mundo a súa arte. Pero o melllor de todo é que aínda lle quedaba tempo para todos os seus netos . E alí estaba eu.
Pd: Mágoa que non poidera pasar máis tempo contigo.
                                      
 QUÉROTE     

domingo, 3 de abril de 2016

Ninguén, crítica social aos controladores mundiais do comercio, Paula González Castro (3º ESO)

Esta canción é unha crítica social aos grandes controladores mundiais do comercio, aos que lles dan igual os perigos medioambientais que producen as actividades económicas, e que ademais enganan as persoas para que traballen ao seu servizo sen que se teña en conta o medio ambiente nin o seu salario, seguirán roubando a cidadanía mentres non se faga algo.

Un caso grave de contaminación é a planta de celulosa de Pontevedra, Ence, que contaminou a ría, por culpa diso mariscadores que vivían diso non poden porque o marisco está contaminado.

Tamén convén tratar o tema dos parques eólicos que hai por toda Galicia, que contaminan ao instalalos e é un impacto visual para a paisaxe galega.

A sobreexplotación forestal tamén é un grave problema medioambiental, xa que se talan moitas árbores, ben para fabricar papel ou para construír edificios que despois ningén ocupará. O uso masivo dos ríos para crear encoros e producir enerxía e os desastres que houbo estes últimos anos cos barcos que se afundían nas costas galegas e deixaban toda a auga contaminada polos residuos contaminantes, é un problema que se repite habitualmente na nosa terra. A sobreexplotación das terras para cultivos de alimentos ou ben por un incendio, que unha vez esgotados os seus recursos serán abandonadas e xamais volvéran a florecer, as persoas que compreron inmobles e as estafaron.

É por isto os galegos emigran a pesar de que en Galicia existen todos os recursos para que os galegos pouidesen vivir na súa terra, pero os gobernos non fan nada para mellorar a terra nin as condicións dos traballadores.

Paula González Castro 3ºA

Os Refuxiados, con maiúscula. Simón Collazo Lema (3º ESO)

Os Refuxiados. En maiúscula porque teñen os mesmo dereitos ca nós. E tratámolos coma cans e isto non pode ser.
Hai moitos e non facemos o suficiente. Hai persoas que pensan que nos están invadindo porque cada vez hai máis. E isto é culpa nosa porque, por exemplo, Estados Unidos vende armas a Siria non sei con que finalidade e así é normal que sigan coa guerra.

Se tiverades que percorrer un longo camiño de pode que máis de 1000 km para buscar unha menciña para curar o teu fillo ou filla, buscar un traballo... fariádelo? Penso que si. Pero este fenómeno dos Refuxiados non é só por iso.
Seguro que oístes falar dos terroristas e os rebeldes que arrasan con todo alí nas terras de Siria, tamén coñecidos como “yihadistas” xa que implantan a yihad por calquera lugar onde vaian.

Non me parece xusto que tras unha longa, que longa, longuísima camiñada e os Refuxiados cheguen cansos e con fame os Gobernos implanten reixas nas fronteiras do país para que non pasen. Claro, como eles teñen todo o que queren non fan nada ao respecto. Podían facer campamentos dentro no país para axudarlles, que xa os hai pero ao estar fóra están menos desprotexidos, e estando dentro da fronteira, están máis cerca dos servizos públicos, como os hospitais, e se ocorre algo teñen máis materiais para intentar curar a xente dentro que fóra da fronteira.

Cando os refuxiados chegan a lugares nos que está a xente que ten os servizos a súa man, nese momento, empeza a discriminación. Rinse deles por ser quen son ou por vir de onde veñen ou porque son de outra raza... Hai diversas razóns para que se produza esta causa. Non nos damos conta da sorte que temos ao estar vivindo nun lugar con desenvolvemento tecnolóxico, medicinal, etc. Neste caso, tiñámonos que por no seu lugar. Pero non queremos. Pensamos: “Se lles tocou esa vida que se fastidien”. Pero tamén hai xente no mundo que pensa totalmente ao contrario, pero hai moi pouca.

Hai persoas que queren axudar e non poden. Para iso se crearon as ONG e destaca ACNUR, que axuda os Refuxiados.

Nós temos que entender que as persoas que o están pasando mal necesitan un lugar onde vivir, comer e realizar outra funcións coma nós, dunha forma normal.
Os Refuxiados son un bo exemplo para explicar o que nos podería suceder a nós, e témoslle que dar as grazas nunha parte porque temos que aprender deles. O que están aguantando, o que están sufrindo... Todo non é suficiente para parar este desastre que xa se pode considerar mundial.


Simón Collazo Lema 3ºA ESO

Contaminación e sobreexplotación do medio, por Simón Collazo Lema (3º ESO)

O medioambiente estase a danar moitísimo por culpa das industrias. O que a canción de Deus ke te Crew e Quempallou, Ninguén, nos transmite é que nos estamos deixando levar ao querer conseguir o que nos propoñemos. Estanse a implantar fábricas nucleares, de celulosa, etc. E isto todo dana o medioambiente.

Ao final, se isto segue así, vai acabar moi mal. É bo ter enerxía solar, eléctrica, xeotérmica, poder obter celulosa… e tamén xerar moitos postos de traballo, o cal pode favorecer o comercio, pero non se pode pensar soamente niso. Hai que pensar en toda a natureza que estamos destruíndo, as rías que estamos contaminando, a fauna e a flora que está morrendo... Créanse recursos para destruír outros.

Seguro que se dan conta do que as fábricas nucleares contaminan pero obtense enerxía e non queren facer nada ao respecto. É un acto ilóxico.
Poderían seguir desenvolvendo enerxías renovables ou incluso intentar descubrir algunha outra.

O fume que se desprende das industrias, que conten moitos químicos contaminantes, poden chegar a danarnos e fannos morrer por enfermidades. Incluso pode estar tan mal que se poderían descubrir novos tipos de enfermidades. Implántanse centrais de enerxía eólica para gañarlle electricidade á forza do vento, pero para construílos hai que destruír vexetación e tamén dana  a paisaxe.

O goberno ten moito que ver nisto. Sempre promete cousas: que baixan impostos ou calquera reto que se queren propoñer. Pero só é para gañar votos. Despois non fan nada. Hoxe en día móntase a lea na ría de Pontevedra pola fábrica ENCE que causa a contaminación da ría. O goberno aínda concedeu máis tempo a fábrica para traballar alí coa celulosa. Este é un bo exemplo do que poderá ocorrer nun futuro; se agora se está contaminando esta ría haise que imaxinar o que poderá ocorrer en 60 anos máis!

Esta contaminación vai acabar cos alimentos que temos para sobrevivir, se se incrementa moito, e incluso pode acabar con postos de traballo, por exemplo, a pesca, se se contaminan os ríos.

A miña opinión é que se se contaminan os alimentos e todo o que necesitamos para sobrevivir, non vai haber xente en condicións para traballar, e se non hai xente en condicións para traballar, non se pode cobrar soldo, e se non se cobra soldo, o comercio non funciona. Se non se crearan centrais teriamos aínda o medioambiente san e teriamos máis tempo para crear postos de traballo. Estase a acabar o mundo e temos que facer algo para terminar con esta loucura.


Simón Collazo Lema 3º A ESO   

O alumnado do CPI As Revoltas estamos comprometidos coa loita contra a violencia de xénero, Laura García Eiroa (3º ESO)



A violencia de xénero é algo polo que sufren máis mulleres das que imaxinamos, calquera pode ser vítima diso. O problema xorde cando a maioría desas mulleres cala, non di nada. Iso é o que non se debe facer. Se se é vítima, o primeiro que hai que facer é chamar ao 016, ou incluso se debe facer se se é testemuña. Por desgraza hai moitos casos de violencia de xénero, e xuntos podemos loitar pola igualdade das persoas, xa que hoxe en día aínda segue habendo moito machismo. Nalgúns casos aínda se ve a muller inferior ao home, por exemplo, nas tarefas domésticas. A muller é a que fai a comida, a que pasa o ferro, a que limpa, a que coida dos nenos… Pero non todo é así, porque na xeración de agora moitos homes son os que realizan esas tarefas. Tanto a violencia de xénero como o sexismo son dous grandes problemas aos que se lles ten que poñer fin dunha vez por todas, xa que as mulleres non podemos seguir nesta situación. Algúns colexios, coma o noso o CPI As Revoltas ou o colexio de Malpica, fixemos un lipdub, é dicir, un vídeo sen cortes, gravado dunha soa vez. Nel, expuxemos carteis contra a violencia de xénero que nós mesmas escribimos, e participamos alumnado e profesorado gravando por todo o colexio.

Laura García Eiroa (3º ESO A)

Dios Ke Te Crew & Quempallou - Ninguém, reflexión sobre os efectos devastadores da industria na nosa paisaxe e na nosa economía de Cristina Álvarez Mourín (3º ESO A)



Esta canción é unha crítica ós empresarios que rouban, ás multinacionais que fixeron pechar moitos mercados locais, á fábrica de celulosa de pontevedra e SOGAMA por contaminar, ás eólicas de ENDESA que destrúen a nosa paisaxe, que Galicia é un dos maiores produtores de enerxía eléctrica cando en moitas casas do rural falta enerxía, que acaban coa natureza mediante eólicos, portos deportivos, encoros, edificios... Critica tamén os incendios que queiman a terra e contaminan os mares matando peixes, o capitalismo, unha nova central nuclear que ó dar postos de traballo dáselle menos importancia á contaminación, que os traballadores apenas teñen para comer, mentres, os empresarios, fórranse, e, tamén critica que obrigan os traballadores a emigrar pola mala xestión dos políticos.

Cristina Álvarez Mourín 3ºA

Documental "Lesbos, a illa que non flota" , comentado por Eloy Mato Rial (3º ESO)

Cada ano, cada mes, cada día, chegan a Lesbos, Grecia, miles de refuxiados procedentes de Turquía. Moitos proveñen de Siria, escapando desa terrible guerra civil.  Chegan en pequenas lanchas con síntomas de hipotermia e medo no corpo.
Arriscan a súa vida por escapar dun terrible mundo que deixan atrás.
Como vimos no documental, alí en Lesbos, os refuxiados destacan entre os turistas e as persoas de alí. Moitos refuxiados que alí chegan son persoas de estudos superiores, como quen nos narra que quere ser médico. Moitos probablemente morran antes de alcanzar a costa por posibles naufraxios.
Logo, en Europa, moitas veces, cérranselle fronteiras a estas persoas xa que algúns países lles negan o paso.
Neste documental vimos en moitas imaxes como se vive alí esta traxedia e o duro que pode ser viaxar nese tipo de condicións, sen dúbida, case inhumanas.
Eloy Mato Rial (3º ESO)

Os refuxiados sirios son cidadáns, Cristina Álvarez Mourín (3º A ESO)

Os refuxiados sirios son cidadáns que foxen das constantes loitas que se producen cada día no seu país. Ao teren que marchar moitos dos refuxiados van ós países veciños, aínda que moitos destes refuxiados soen morrer no intento ou mesmo na guerra.
O problema que se está producindo é que a maioría dos refuxiados veñen a Europa e os países europeos non lles deixan entrar polo que teñen que quedar nas fronteiras.
As condicións nas que están son pésimas xa que non teñen casas e dormen en tendas de campaña ou mesmo tapados por mantas ou chaquetas. Para comer, os voluntarios son os encargados, aínda que non é moito o que lles poden ofrecer e, ás veces, non chega para todos. Case tódolos nenos teñen algunha enfermidade e moitos morren, xa que non teñen suficientes recursos sanitarios.
A vida dun refuxiado é moi dura, coma no vídeo que vimos na clase, no que o protagonista era un home con formación que quería ser médico pero, dadas as circunstancias non puido conseguir o seu soño e, tivo que deixar todo, o seu lugar natal, amizades, familia... e viaxar en lancha non se sabe canto tempo sen un rumbo fixo (no que moitos morren por hipotermia) e cando chegaron a terra pois ter que vivir nesas pésimas condicións sen saber que vai ser agora da túa vida, agora que empezas de cero, que non tes nada... É moi duro pero a maior vergoña desta situación é o rexeitamento de Europa, xa que entre Estados Unidos e Europa proporcionaron as armas necesarias para a guerra que comezou en 2011 e inda segue.

Cristina Álvarez Mourín 3ºA

As empresas e o medio natural, Eloy Mato Rial (3º ESO)


As nosas empresas e industrias son importantes fontes de enerxía, economía e emprego. Crean moitos postos de traballo e reducen o paro e outros problemas económicos.
Así, aquí en Galicia temos industrias como Ence, a celulosa en Pontevedra, proxectos como a mina de Corcoesto, etc.
Todas estas industrias foron favorables para a nosa economía. Pero esquecémonos dunha parte importante, a ecoloxía.
Aínda que as empresas xeran postos de traballo e son un importante piar na economía do país, tamén supoñen unha gran fonte de contaminación, tanto acústica como medioambiental.
Industrias como Ence en Pontevedra son unha importante fonte de contaminación xa que destrúe a atmosfera e ademais destrúe ecosistemas porque degradou o marisco na ría de Pontevedra.  Por iso, é hora de que nos paremos a pensar e reflexionemos sobre os efectos secundarios destas industrias.


ELOY MATO RIAL
3º A ESO