segunda-feira, 21 de novembro de 2011

Conxugador de verbos en galego


Nesta ligazón podedes atopar o Conxugador de verbos en galego. Introducindo o infinitivo, podedes obter a conxugación de todo o paradigma verbal.

Permite conxugar calquera verbo (mesmo inventados) ou escoller só aqueles infinitivos que forman parte do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG).

Cilenis Conxugador é software libre e pode ser implementado en aplicacións e sistemas externos. Foi desenvolvido por Cilenis con base no sistema de código aberto conshuga.

Cilenis tamén disponibiliza un conxugador verbal para a lingua portuguesa: Cilenis Conjugador.

sábado, 12 de novembro de 2011

O Lago por Laura Lorenzo Castro


Había unha casona nos arredores dunha vila. Nela ninguén quería traballar, nin vivir alí, nin nada parecido. Os seus donos tampouco vivían alí, pero naquela casona sempre había o cartel de que se buscaba empregado.
Pero, un día, un home inmigrante dalgún país europeo, ofreceuse para traballar alí. El non sabía nada nin ninguén lle dixera o ocorrido había tempo.
Os donos viñeran á vila para saber quen ía facerse cargo da súa casona. O home inmigrante, chamado Dimitri, non tivo problema para conseguir o posto, no que tiña que arranxar o xardín e manter limpa e ordenada a casa, pero notaba nos seus xefes moita présa por marchar daquel lugar, pero non lle fixo maior caso.

A casona era realmente bonita e maxestuosa, aínda que estaba algo deteriorada por fóra. Nos seus arredores, había un gran xardín con froiteiras e todos tipos de árbores e plantas, pero tiña unha morea de herbas malas e facíalle falta algunha poda as árbores. Dimitri pensou que para iso estaba alí e que tiña que comezar canto antes, aínda que estaba todo o solo cun manto branco de neve.
El non facía vida na casona, senón que vivía nunha casiña da servidume que se atopaba na parte traseira desta, onde ao seu carón se estendía un pequeno lago, na que a súa superficie se atopaba completamente xeado.

O primeiro día non fixo nada xa que estivo todo o día trasladando os seus enseres para a súa nova vivenda. Había moito frío, en parte porque era inverno e estaba nevando, pero había unha leve brisa, cousa rara xa que estaban todas as ventás pechadas e o tellado estaba en boas condicións. Aquela noite xa empezaron a pasar cousas estrañas. Fórase a luz en toda a vila e Dimitri tivera que buscar unha vela para poder ver algo. En canto a encendía, a chama comezaba a oscilar e apagábase. Xa anoxado, comezo a palpar polos caixóns das mesiñas de noite e atopou unha lanterna. Colocou o seu dedo polgar no interruptor e acendeuna. De maneira súbita, apareceu e desapareceu, en cuestión de poucos segundos, a imaxe fantasmagórica dunha moza vestida de criada e que se atopaba toda mollada cos cabelos revoltos. Esa noite, Dimitri non pegou ollo en toda a noite, aínda que xa volvera a luz, pero non se lle borrou da cabeza esa muller.

Estivo toda unha semana cos cinco sentidos postos, pero a moza non se lle volveu aparecer máis. Dimitri xa estaba máis confiado, pero un día estaba amañando un pouco o xardín e notou o alento de alguén na súa caluga. Xirouse ao momento pero o único que viu foi o lago ocupar a maioría da súa visión.
Ese mesmo día pola tarde, Dimitri tiña pensado ir limpar un pouco o po da casona, e así foi. Nada máis entrar pola porta principal da mansión, o que máis impresionaba eran as escaleiras, que eran dúas e que nun punto se xuntaban. Dimitri subiu as escaleiras, co ruxido da madeiras destas e o eco dos pasos detrás del, e comezou polas habitacións para acabar polo largo corredor. Neste corredor había un toucador de madeira de caoba cun espello, e na superficie do toucador estaba pousado un xarrón de rosas vermellas. Limpando no moble, a auga do xarrón comezou a evaporarse e o espello cubriuse de bafo. Dimitri asustouse e mentres lle caía o plumeiro na chan, no espello empezou a perfilarse unha palabra cun dedo invisible. Nel poñía: “Axúdanos”. Dimitri quedou mirando para ela, mirou aos lados e despois xirouse 180º. Enfronte estaban as escaleiras e ao final, diante da porta apareceu de novo a moza. Dimitri quedou paralizado e pestanexou, pero cando abriu os ollos, a moza estaba a uns centímetros del. Dimitri pechou os ollos con moita forza e berrou:

- Pero, que queres de min? Eu non fixen nada malo, eu só quero vivir a miña vida, por favor, non me fagas dano.
- Quero que nos axude- dixo con voz de ultratumba.- Non che imos facer, dano. Só queremos que nos axudes, e ao mesmo tempo estarémoste axudando a ti.
- Pero, que pasa? Cal é o problema?- Dimitri continuaba cos ollos pechados e coas mans por diante da cara.
- Os donos desta casa son uns asasinos.
- Pero, qué estás a dicir?
- O que acabas de oír. Os donos desta casona matáronnos a nós e aos meus compañeiros.
- E logo porque ían facer iso?
- O diñeiro. O diñeiro sempre é o problema. O que acaba con todo. Os meus xefes, sí, os meus xefes, eu traballaba aquí, igual que os meus compañeiros. Non nos quixeron pagar, matáronnos pouco a pouco e tiráronnos ao lago.
- E que queres que faga eu?
- Aínda non rematei. Nós somos inmigrantes. Eles querían inmigrantes para non pagarnos e despois matábannos para non dar problemas. A escusa que eles poñían era que marchabamos para os nosos países e como nos tiñamos familia aquí ninguén nos botaba en falta.
- Eu son o seguinte?
- Se non fas nada ao respecto, si.

Daquela, Dimitri abriu os ollos e a moza xa non lle parecía tan malvada como lle parecía antes. Era loura e de ollos azuis, probablemente sería do seu mesmo país. Os dous idearon un plan cando, ao fin de mes, chegaran os donos da casona.

Unha semana despois, chegaron os xefes de Dimitri. Viñan bastantes serios e Dimitri púxose algo nervioso. Xa era á tardiña, e Dimitri foilles ensinando o xardín, seguindo o plan ata chegar ao lago, que curiosamente xa non estaba xeado.
De súpeto, o ceo púxose completamente escuro e os raios cruzaban o ceo. Os donos comezaron a sentir temor, xa que eles sabían o que fixeran. A moza, que se chamaba Irina, apareceu dun momento a outro diante dos donos da casona que estaban ao carón de Dimitri, pero este, desta vez, xa non se asustou. Irina foise indo cara atrás, e detrás dela foi saíndo do lago un completo exército de espíritos, que foran criados da casona e que asasinaran os donos desta, anos e anos atrás. Todos eles xuntaron as súas forzas e provocaron un gran furacán, que colleu aos donos e os levou ao medio do lago e alí os afundiu, onde, minutos despois, acabarían afogando, coma fixeran eles cos criados logo da súa corta estadía na casa. Ao momento, o lago formou unha capa de xeo na súa superficie, na que se podía ver como a dona da casa petaba nel e ía pouco a pouco quedando sen aire e a pel se ía volvendo cada vez máis azul.
Os espíritos déronlle as grazas a Dimitri, e el aos espíritos, xa que eles tamén o salvaran dun futuro pouco esperanzador. Pouco a pouco, os espíritos foron desapareceron e Dimitri, que estaba moi sorprendido, volveu para a casa da servidume para poder durmir, xa que ao día seguinte tería un longo día de mudanza.

Laura Lorenzo Castro 4º ESO
Relato gañador no Concurso de Relatos de Terror

quinta-feira, 10 de novembro de 2011

Medo por Laura García Devesa


Saio da casa e entro na rúa, noutro mundo completamente diferente e paralelo, un mundo que nunca adiviñaría que a noite anterior ocorreu algo do que nada se pode dicir, pois non existen palabras, non existe ningún son nin ningún xesto que poidan describilo nin achegarse tan sequera, pois só se pode explicar con unha imaxe, esa imaxe que martela na miña cabeza constantemente. Esa imaxe que non me dará pesadelos, senón que mos quitará xunto co sono que nunca máis recuperarei.
Comeza a chover. A auga salpica hoxe na miña cara como onte salpicaba o sangue.
O ruído das frías gotas caendo recórdame ao crepitar do lume, que quedou gravado nos meus oídos desde que escoitei como quentaba o inferno da fría noite pasada. Unha música tranquilizadora que acompañaba á desesperación de preguntarse que viría despois e como acabaría todo.
A auga éntrame nos zapatos, comezo a sentir o frío líquido nos pés. Frío? Non, iso non é frío. O frío non é un vento do norte nin a auga do mar en decembro. O frío só o podes ter cando sentes que o sangue non chega ás extremidades, que se perde no camiño ao atopar un corte polo que saír cara á liberdade e deixarte nas mans da morte. Iso é frío... E iso é morte... desesperación... e, sobre todo, iso é medo.
O sol, aínda baixo, decide erguerse e sae da súa cama de nubes. Decide, regalarme o seu primeiro raio, intentando compensarme pola escuridade da noite anterior. Pero o agasallo non é ben recibido polos meus ollos, que deciden, por non aceptalo, deixar de ver para ignoralo. Aínda así, hoxe sei que a luz volverá nuns momentos, que verei algo máis que a tenue luz dunha chama que só consegue proxectar algunhas sombras, e sei que, mentres dure a escuridade, non correrei ningún perigo maior que tropezar e raspar os xeonllos. Pódeselle chamar perigo a iso? O perigo é agocharse nunha sombra para que non te atope a escuridade. Si, a escuridade, non ten outro nome, pois a escuridade é a ausencia de luz, e esa persoa (persoa non, monstro) perdera a súa luz, se algunha vez a tivo.
A luz do sol tamén vai desaparecendo dos meus ollos, como onte desapareceu deles tamén a luz de alegría, de esperanza, de soños, de natureza... De vida.
Porque calquera me podería dicir, coma en tantos outros casos, iso de que “a vida segue”. Pero iso é mentira: a morte non chegou, pero a vida xa rematou. Non tes vida cando che latexa o corazón, tes vida cando queres que latexe. Pero a min xa non me importa se o corazón fala ou queda calado, pois o meu corazón agora é de pedra.
Pero a pregunta é: se non estou viva e morte non veu por min, como se supón que estou?
A resposta eu xa a coñezo: estou no recuncho daquela fría casa de pedra, anicada en silencio, cuberta de sangue e morta dun frío que non era quen a sentir, aprendendo o que de verdade é o medo e o que é esperar a morte sen poder facer nada por evitalo.
Sinto algo ás miñas costas, unha man que me agarra o ombro. Deixo de respirar e fállanme as pernas. Doume a volta asustada. Vexo unha cara familiar, dun amigo cuxa cara non sitúo e cuxo nome non recordo, pero que me inspira tranquilidade e confianza, rememorando como, unhas horas antes, aquel mesmo momento fora de desesperación, de dor, de medo... de moito medo.
Un sorriso loita por chegar á miña cara, pero só chego a disimular malamente a miña cara de susto e sorpresa. Pero non o podo evitar: os xeonllos afróuxanseme e caio ao chan. Unha man amiga ofréceme axuda, unha man maldita arrástrame polo chan.
Xa non podo máis. Derrúbome. As lágrimas caen dos meus ollos e esvaran polas miñas meixelas para unirse ás gotas de choiva. Pero non podo dicir nada, non me sinto capaz, ao igual que non me sinto capaz de recordar como logrei escapar aquela noite pois, a parte do xa contado, só recordo negrura, e arrastrarme sen forzas ata a miña casa. Onde esta mañá me levantei, limpei a sangue do meu corpo e saín a ese mundo paralelo onde nada pasou. E aquí estou agora, escribindo isto, non para asustar ao lector, senón para poder liberarme da carga do silencio, que me oprime o peito e me esmaga o pensamento.

Laura García Devesa (4º ESO)
1º Accésit do Concurso de Relatos de Terror

segunda-feira, 7 de novembro de 2011

Os símbolos nas cantigas de amigo

Para estudar os símbolos nas cantigas de amigo, podedes ver esta presentación con exemplos tirados de diferentes cantigas medievais.


Unha selección de cantigas tédelas no Portal Galego da Língua. Nesta páxina podedes ler moitas cantigas tanto profanas como as relixiosas Cantigas de Santa María e atopar información sobre os seus autores.

No blogue Son de Poetas podedes escoitar como soaban estas cantigas medievais.

A literatura medieval

Para repasar algúns aspectos do contexto histórico da literatura medieval galega e mais das cantigas de amor, podedes consultar estas presentacións que recolle con imaxes e textos as características formais e temáticas dos tres xéneros líricos profanos (cantiga de amor, cantiga de amigo e cantiga de escarnio e maldicir), das Cantigas de Santa María, dos xéneros menores e mais da escasa prosa galega deste período.



domingo, 6 de novembro de 2011

O aniversario por Laura Rodríguez Domínguez

Unha noite normal Martín e Uxía deitáronse como de costume,eran marido e muller.Martín un home de sono profundo caeu durmido sen darse de conta sequera,mentres que Uxía que tiña un sono máis lixeiro,tras non conseguir durmir comezou a escoitar unhas estrañas rabuñaduras.

Uxía estaba paralizada por causa do medo e o primeiro que pensou foi que entraran a roubar,sen encender a luz espertou o seu marido dicíndolle que revisara por se había algo fóra do normal. Martín espertou,sen ganas de levantarse,pero escoitou o mesmo ruído e dixo:
-Será o can.

Logo de encender a luz,os dous percatáronse de que o can estaba durmindo aos pés da cama,volveron apagar a luz e ao momento volveron a escoitarse as rabuñaduras,que cada vez parecían máis fortes e daba a impresión de que eran na porta dese mesmo cuarto.

Despois de escoitar varias veces o mesmo ruído,Martín e Uxía foron en silencio ata a cociña, ela seguía todos os pasos de Martín pero sen saber como,notou como algo a agarraba por detrás, comezou a berrar pero era como se non fixera nada xa que non saía o máis mínimo son pola súa boca. Martín ao darse de conta de que ela non o seguía comezou a buscar por toda a casa ata que a atopou no salón,xusto diante dunha fotografía dos dous coa nai de Uxía,xa morta. Estaba soa, pero non se podía mover e Martín non era capaz de achegarse a ela. Uxía sentiu unha forte dor no seu peito e con todas as forzas que tiña berrou de súpeto:
- Hoxe é o aniversario da morte de miña nai!

Logo de dicir iso,caeu no chan e xa nada a tiña retida,Martín correu a abrazala e a preguntarlle se estaba ben.Ela contestoulle:
-Á parte do susto,estou perfectamente. Prometo non olvidarme nunca deste día.

Laura Rodríguez Domínguez (4º ESO)

Concurso de Relatos de Terror


Houbo bastante participación do alumnado da ESO no Concurso de Relatos de Terror de Samaín,organizado polo EDLG e mais a biblioteca do cole. Aínda están por decidir as persoas gañadoras, xa que até o martes día 8 de novembro, día da celebración do Magosto, non se saberá. Mais mentres tanto, podedes gozar da lectura dalgúns deles neste blogue.

4 de novembro, Día da Ciencia en Galego


O venres 4 de novembro no cole houbo actividades para conmemorar a celebración do Día da Ciencia en Galego. Mónica do Departamento de Física e Química organizou a exposición de Mulleres Galegas Científicas, elaborada polo alumnado de 3º e 4º da ESO e que podedes visitar no corredor do segundo ciclo de Secundaria.
Á parte disto María, do Departamento de Ciencias acompañou o alumnado de 4º da ESO á videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e impartida desde Natal (Brasil) polo profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC. A conferencia tivo por título APLICACIÓNS DA INVESTIGACIÓN XENÉTICA: O SEU USO NA PRÁCTICA POLICIAL. Unha introdución sobre o ADN foi o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial.

Puideron asistir á videoconferencia máis de 6000 alumnos de toda Galicia, repartidos en case 100 centros. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que participaron tiveron a posibilidade de interaccionar co conferenciante vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.

Déixovos aquí ademais este video na que diferentes científicos e investigadores galegos falan da necesidade de empregar a lingua galega no ámbito divulgativo e de facer normal o seu uso nos diferentes eidos de investigación científica.

quinta-feira, 3 de novembro de 2011

Pelos na lingua de Talía Teatro


A obra de teatro PELOS NA LINGUA foi interpretada o día 25 de outubro no Auditorio Municipal De Cabana de Bergantiños pola compañía TALÍA TEATRO para os rapaces de 3º e 4º da ESO do CPI AS REVOLTAS e mais alumnado do IES PONTECESO.

A obra ten un reperto de tres actores, nótase que son actores de primeira categoría, a súa presentación, a desenvoltura no escenario, e que manteñen unha estabilidade nos cambios de personaxe, a gran cantidade de texto e os obxectos usados no escenario de maneira que fan moi bo enlace.


O tema é sobre o tratamento da lingua galega, sobre que pode pasar con ela no seu futuro, xunto cunha constante metáfora nos seus diálogos.

Outra das cousas que me gustaría destacar desta obra é a comunicación co público, os actores establecen uns vínculos moi amenos, e iso nunha obra de teatro de humor axuda moito. Loxicamente está dirixido a un publico de entre 14 e 99 anos!


Yago Espasandín Lista 4ºESO