terça-feira, 31 de janeiro de 2017

A que chamamos Paz?, Lucía Suárez (2º ESO)

A que chamamos paz? Paz é unha situación de estabilidade ou un acordo entre dous ou máis estados despois de pasar por un período de guerra e enfrontamentos.
A situación contra á paz é a guerra, pero, a que chamamos guerra? Guerra é un enfrontamento entre países. Nesa batalla morre moita xente, destrúnse moitos edificios e iso dá lugar a unha situación de gran pobreza e fame. Volver a construír todo de novo é moi custoso. Unha pregunta moi interesante é por que se produce a guerra? A guerra prodúcese cando entre dous ou máis países, un deles quere o poder, entón comeza a guerra e quen quede en pé, goberna.
A paz elimina todo o problema anterior que está cheo de odio, rancor e maldade. O Día da Paz celébrase tódolos 30 de xaneiro. Nos colexios, celébrase a paz con todos os nenos con diferentes actividades como, por exemplo, ler frases sobre a paz que nos faga reflexionar e outras moitas cousas.
O símbolo da paz é unha pomba cunha ramiña de oliveira no bico. O significado dese símbolo é a paz, a liberdade, o sentimento, o cariño...

A Paz, Sarai Pose Fariña (2º ESO)

A paz é moito máis que a ausencia de guerra. Falar de paz é falar de igualdade de oportunidades para todas as persoas; de respecto dos dereitos e liberdades; de solidariedade e cooperación entre todas as persoas para crear un mundo de benestar compartido e de xustiza social.

Para que haxa paz no mundo teñen que darse unha serie de valores humanos. Algúns destes valores son: aceptación, calma, atención, comprensión, igualdade, respecto, honestidade, cooperación, solidariedade, etc. Co ensino e transmisión deste tipo de valores a toda a poboación debería ser posible a paz no mundo. Penso que para que a paz sexa posible no mundo ten que haber unha base educativa. Se educamos as persoas cos valores que citamos anteriormente, a violencia, as guerras, o acoso, as pelexas...non deberían existir.

No mundo convivimos moitas culturas con crenzas, valores e costumes diferentes pero penso que isto non debería ser unha barreira para que non haxa paz. Dende o respecto, a cooperación, a igualdade, etc entre todas as persoas deberíamos ser capaces de proclamar a paz.

Aínda que penso que é moi difícil chegar a alcanzar a paz mundial debido a que detrás de moitas guerras soe haber motivos económicos, creo que si loitamos por unha boa educación podemos chegar a que cada vez estas guerras se reduzan e nalgún momento chegue a existir a paz mundial.

sábado, 28 de janeiro de 2017

Castelao e os irmáns da liberdade


Inclúo aquó o documental para que poidades volver velo ou velo aqueles aos que a gripe vos impediu vir á clase esta semana.

Traslado a Galiza dos restos de Castelao


Podedes ver aquí un video de RTVE que recolle o momento do traslado dos restos de Castelao a Galiza no ano 1984.

Comentario de textos de Castelao.

Para o alumnado de 4º da ESO que está comezando cos comentarios literarios de textos de Castelao, déixovos aquí unhas cantas ligazóns interesantes que vos poden axudar na vosa tarefa.

Para comentar textos de Cousas

E estoutro filme sobre o autor, Castelao, biografía dun ilustre galego, creado na Arxentina entre os anos 1973 e 1976.

Nas seguintes entradas irei compartíndovos varios dos documentais que hai na rede para achegárdesvos un pouco máis á figura de Castelao.

Lingua de reis, lingua do pobo


Este video serviravos ao alumnado de 3º da ESO para entenderdes mellor a época histórica na que se ambientan as cantigas medievais que estamos lendo e estudando nas aulas.


Comentarios de textos de Castelao

Para o alumnado de 4º da ESO que está comezando cos comentarios literarios de textos de Castelao, déixovos aquí unhas cantas ligazóns interesantes que vos poden axudar na vosa tarefa.


E estoutro filme sobre o autor, Castelao, biografía dun ilustre galego, creado na Arxentina entre os anos 1973 e 1976.

Recensión de Tristes armas por María Paz Varela (2º ESO)

Tristes armas, escrito por Marina Mayoral, aborda un tema duro, como son as guerras. Neste caso a guerra civil de España.
As protagonistas desta historia, Harmonía e Rosa, son dúas irmás. Dúas nenas as que a guerra civil lles quitou a súa familia. O seu pai, Miguel, alistouse como soldado, e a súa nai, Carmiña, como enfermeira na guerra. Harmonía e Rosa pasaron moito tempo nun orfanato, ata que os seus pais decidiron que era conveniente que marchasen, coma moitos outros nenos, para Rusia. En Rusia, garantíaselles un futuro, uns estudos e unha boa vida, pero lonxe das súas familias. O día no que partiron para Rusia foi a última vez que viron ao seu pai xa que pouco tempo despois morreu loitando no fronte. A súa nai conseguiu escapar da guerra e fuxiu para os Estados Unidos, onde, moito tempo despois, se casou con un bo home. Ese mesmo día, o día de embarcar cara Rusia, Harmonía fixouse nun rapaz mais ou menos da súa idade, ao que ninguén viñera despedir. Non choraba, era o único que non choraba naquel triste día. Máis adiante descubriu que se chamaba León e que entre ambos había un cariño especial.
As nenas creceron rápido e era hora de elixir o seu futuro. Nun deses intentos Rosa descubriu que quería ser bailarina e traballou moi duro para conseguilo ata que foi admitida na escola de baile máis prestixiosa de Rusia. Isto permitíalle ver, moi de vez en cando, a súa nai que continuaba a vivir nos Estados Unidos. Harmonía e León tamén decidiron que querían facer na súa vida. León foi un importante enxeñeiro e Harmonía traballou coidando nenos que escapaban da guerra. Pero Harmonía e León estaban namorados polo que casaron e tiveron dous fillos. Moitos anos despois Rosa, Harmonía, León e toda a familia puideron volver a súa querida Galicia.
Persoalmente gustoume moito este libro xa que fala dun tema real e duro, como foi a guerra civil, dende distintos puntos de vista. Neste libro podemos ver como viviron a guerra tanto os soldados de ambos bandos e as enfermeiras que asistían na guerra como os nenos se vían sen familia nun país estranxeiro.

Escrita creativa: repetindo oracións, Lucía Sánchez Suárez (3º ESO)


A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. Unha fotografía tirada no chán. A porta do fondo entreabriuse. Unha fotografía tirada no chán. A porta do fondo entreabriuse deixando pasar algo de luz. Unha fotografía tirada no chán onde aparecía o frofesor Williams. A porta do fondo entreabriuse deixando pasar algo de luz. Unha fotografía tirada no chán onde aparecía o frofesor Williams. A porta do fondo entreabriuse deixando pasar algo de luz, acerqueime e vin unha fotografía tirada no chán onde aparecía o profeson Williams.

Instruccións para pintar a mona, Eloy Mato Rial

Para pintar ben a mona cómpre ser un mesmo. É dicir, actuar con naturalidade e simpleza, ademais de engadirlle un chisco de alegría e intentar rirse un pouco por todo. 
 
Tamén inflúe moito á hora de pintar ben a mona, se o teu día é alegre e bo. Tamén cómpre pintar a mona diante da xente para que deste xeito , vexan como realizas esta arte. 
 
Cando queira pintar a mona, achéguese, prefiriblemente, aos seus compañeiros ou amigos e sóltelles un chiste, broma ou burla. Deste xeito, e se a broma está ben realizada, os seus amigos rirán a cachón. 
 
Tamén pode pintar a mona facéndose pasar por ignorante ou mediocre, dicindo cousas sen lóxica nin sentido. 
 
Outra forma de pintar a mona, é facerse pasar por bébedo e dicindo cousas sen sentido de maneira que pareza que leva unhas copas de máis.

sexta-feira, 27 de janeiro de 2017

É preciso máis cautela? Comentario sobre a violencia de Claudia Taboada Cousillas (4º ESO A)

Nun artigo do Correo Gallego, Manuel Molares do Val redactou a súa opinión sobre a primeira vítima da violencia doméstica deste ano. Nese mesmo artigo, o escritor culpa ás vítimas dos abusos de homes, xa que, dende o seu punto de vista, as mulleres xa saben que os homes son violentos e que poden violalas.
No texto utiliza diferentes palabras e expresións para nomear a mulleres maltratadas, como pode ser “escravas sexuais” ao “soamente buscar pracer sexual” na súa parella. Tamén presenta ás mulleres que son vítimas de abusos sexuais ou de violencia doméstica como “yihadistas suicidas”. Ademais nomea a Zeus e a cultura grega como fonte para fiarse dos feitos que este deus representou, como matar a mulleres “estúpidas”.
En xeral, este artigo critica como as mulleres son supostamente culpables de todos os abusos e a violencia que reciben e que elas mesmas deberían ser máis responsables dos seus actos para non ser violadas ou matadas por unha parella. En cambio, na miña opinión, a culpa de todo maltrato contra as mulleres e dos culpables dese mesmo crime. A muller que foi matada ou violada non tivo opción pero o home que o fixo puido parar un segundo e poñerse no seu lugar para entender a súa situación e deixaría de facer estas cousas a dita muller ou mulleres. O artigo suxire que as mulleres sexan máis cautelosas das súas accións, pero que tal se os homes son mais empáticos e deixan de violar as mulleres?

Polémico artigo sobre a violencia de xénero, Alba Lema (4º ESO A)

'Víctimas de su sexismo' é o título que o xornalista Manuel Molares lle poñía a unha artigo que causou bastante polémica.O porqué da polémica foi como tratou o tema da violencia de xénero.

Na noticia deixaba a imaxe da muller nun nivel moi baixo, xa que dicía que nos casos da violencia de xénero a culpa era das mulleres por permanecer ao lado dos homes.

O xornalista fai referencia a que as mulleres non fan caso aos consellos de afastarse dos homes que as maltratan pero que non o fan porque os 'machos violentos' son máis pracenteiros. Fai referencia ao primeiro caso de violencia machista en España culpando a muller de permanecer ao lado do maltratador. El di que ás mulleres non lles importa que as maltraten porque o que de verdade lles importa é que o maltratador lles dea pracer sexual.

Segundo o que conta nun xuízo a sentenza que ditaminada un xuíz ou xuiza non debería ser en contra do home senón da muller porque se están entregando voluntariamente a ser asasinadas, ou, como el as define, son 'yihadistas suicidas'.

Ao final da noticia fai unha referencia ao deus Zeus que maltrataba as mulleres estúpidas, chamando a todas as mulleres mortas por causas de violencia de xénero "estúpidas".

Hoxe en día estamos nunha sociedade que intenta que as mulleres teñan os mesmos dereitos que os homes e apoialas sen que pareza que só valen para estar na casa coidando dos homes e dos fillos. As mulleres hai que tratalas ben e non abusar delas nin insultalas con noticias como estas.

En desacordo co artigo "Víctimas de su sexismo", Tania Amado Pose (4º ESO A)


Estou totalmente en desacordo con este artigo, xa que trata as mulleres de parvas ou algo así. Xa empeza dicindo que “hay mujeres que se entregan voluntariamente a hombres violentos”, a palabra “entregan” non é a correcta xa que non somos escravas nin xoguetes. 

Segue dicindo: “sabiendo que pueden matarlas”, eu penso que sabendo iso non estarían con eles ou pensarían que podían facerlles cambiar de parecer.

Despois di que case sempre o home é o “chungo e malote” como di neste artigo e a muller é atractiva e sofisticada. E subliña que aínda por riba a muller dóbralle a idade ó home. Segue dicindo que tras unha orde de afastamento a muller volve vivir con el. Eu penso que o fai ou porque ten medo, ou el a ameaza (neste caso, non estou xeralizando) ou simplemente por amor pero é o menos probable. O que xa non vexo nada normal é cando di que está con el só polo pracer físico que lle proporciona. Está tratando a muller como unha prostituta ou algo así. Por último di que a muller é unha "yihadista suicida" e fai referencia ó deus Zeus que mataba as mulleres “estúpidas”. Penso que as mulleres tamen poden mandar nelas mesmas e non estar baixo as ordes do home, como di este fragmento.

Pareceume moi ben que borraran esta noticia do periódico xa que a xente non debería ler cousas así.

Vítimas do sexismo, Cristina Álvarez Mourín (4º ESO A)

O día 11 de Xaneiro, xoves, de 2017, Manuel Molares colaborador do xornal 'El correo gallego' escribiu un artigo titulado 'Víctimas de su sexismo' no que defendía as seguintes cuestións.

Segundo Molares, os medios informativos omiten que hai mulleres que se entregan a homes violentos sabendo que poden chegar a matalas. Tamén di que as mulleres convértense en escravas sexuais que seguen ós homes polo pracer físico que lles dan. Para el, esas mulleres son unhas "yihadistas suicidas", "uns soldados voluntarios na primeira liña de lume". Tamén compara o caso coa mitoloxía grega, na que Zeus viola a moitas mulleres segundo Molares, "estúpidas".

Respecto a este tema, a miña opinión é moi sinxela, ningunha muller conscientemente se achegaría a un violador/asasino. Se acontecen estes casos é por persuasión, ameazas e actos violentos por parte do home, e o medo da muller a que lle faga algo.

O problema nestes casos é o estado mental dos homes, a maioría son psicópatas e outros demasiado violentos, que non saben cando parar. A raíz do problema está na sociedade: dende sempre a muller foi vista como un ser inferior a un home, non se recoñecía como persoa, sempre foron posesión de homes, dos pais ou dos seus maridos, e estes trataban a muller coma unha posesión deles e de ninguén máis. 
 
Tardamos moito en conseguir dereitos para as mulleres, como o dereito ó voto, que diferenza hai entre as opinións políticas dun home e unha muller?
Ou un caso máis recente, a lei do aborto, aprobada en España no 2010, no que daban o dereito ás mulleres de poder decidir se ter o fillo ou non, nun período de 14 semanas. Antes diso, se unha muller era violada e quedaba embarazada, era repudiada, criticada, estaba mal visto e ela mesma tiña que criar un fillo indeseado que lle recordaría sempre a aquel horrible acto.

O que temos que facer é educar á sociedade na igualdade, todos merecemos o mesmo respecto, e pouco a pouco disminuirán os casos de violación.

Traballando a igualdade, Daniel Mouzo Rioboo (2º ESO)

A igualdade é a ausencia de discriminación entre os seres humanos. Hoxe en día moita xente discrimina a outra doutro lugar, sexa polo seu acento, pola súa roupa, polos seus costumes, pola súa relixion, pola súa cor, polas cousas que fixeron xente do seu lugar de nacemento ou relixion etc.

Eu creo que non todos somos iguais, pero non temos por que discriminar a xente. Cando ao noso pais vén alguén de fóra soemos facer case todos o mesmo, sempre lles damos un trato de inferiodidade. A xente debería ter máis empatía porque se seguimos así non chegamos a ningún lado, porque a xente pode ter problemas e estámonos rindo ou mofándonos dela. A nós non nos gustaría que se risen de nós por gustarnos persoas do mesmo sexo ou por ter problemas de obesidade, moita xente suicidouse por estas “pequenas” cousas e sempre hai unha frase para isto “non fagas o que a ti non che gustaria que cho fixeran”, así que a próxima vez pensa antes de falar, porque unha palabra pode facer moito dano, e podes ser ti o seguinte, non todos somos perfectos.

Escrita creativa continuando a oración A porta do fondo entreabriuse, Álex Urquiza Martínez (3º ESO)

    A porta do fondo entreabriuse, eran as catro da mañá cando ía á cama pero, de repente, oín un chío da porta e fun mirar que pasaba alí, de repente, atacoume un home de estatura media e deixoume inconsciente. Espertei nunha cama coas mans atadas, vía todo tuberías e chegamos ata un corredor con dúas habitacións, as dúas baleiras, deixoume nunha delas e vin a súa cara. Era calvo, duns 30 anos. Cando me deixou na habitación, púxome unha rosa de ouro na cama como se fora moi importante para el. Ao momento empecei a mirar polo burato da porta e vin unha muller e berrei se me podía axudar. Entrou, pero cando empezaba a cruzar a porta era el vestido de muller, empezoume a falar como se fora unha muller. Pasou un día, espertei, aparecieu de novo pero vestido de neno e pregunteille cantos anos tiña pola súa actitude e díxome que 9 anos. Funlle mentindo dicindo que tiña que ir cos meus pais, ao final conseguín escaparme e ata hoxe non sei nada máis del.












Exercicio de escrita creativa repetindo oracións, Ana Nantón Castro (3º ESO)

A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. A porta do fondo entreabriuse. Unha muller lía un libro. A porta do fondo entreabriuse. Unha muller lía un libro. A porta do fondo entreabriuse e entrou un neno. Unha muller lía un libro sentada nun sofá. A porta do fondo entreabriuse e entrou un neno. Unha muller lía un libro sentada no sofá e levantou a vista. A porta do fondo entreabriuse e entrou un neno, xa empezaba a facer frío e a escurecer. Unha muller lía un libro sentada nun sofá e levantou a vista, estaba cansa. A porta do fondo entreabriuse e entrou un neno, xa empezaba a facer frío e a escurecer era hora de ir cear. Unha muller lía un libro sentada nun sofá e levantou a vista estaba cansa, daríase unha ducha. Estaba anoitecendo, os días do inverno son pequenos.

Análise dun artigo sobre a violencia de xénero, María Sánchez (4º ESO A)

Esta entrada que escribiu Molares é unha ofensa as mulleres, insinuando que as mulleres non pensamos e que nos matan porque queremos. 
 
Acusa as mulleres de “yihadistas suicidas”, unha palabra que non me parece normal para definir as mulleres. Nós non somos as culpables de que un home ao que se lle cruzan os cables mate a súa parella por diversos motivos que son paranoias del. 
 
Iguala a violencia de xénero coa mitoloxía grega, xa que di que había deuses que mandaban e facían o que querían, e que a sociedade era moi desigual.

A violencia de xénero está moi presente, e aínda que parece que está a concienciarse a xente dela, con eses comentarios non se pode acabar, xa que pode chegar a incitar aos homes a cometer máis asasinatos, porque dá a entender que a culpa téñena as mulleres e non os homes, e iso pode facer que se confíen e poden matar aínda máis.

quarta-feira, 25 de janeiro de 2017

Varias formas de discriminación, Sara Rivera Bernárdez (2º ESO)

RESPECTAR ÓS DEMAIS
O respecto é un valor mediante o cal una persoa ten consideración e aprezo a outra sen importar a súa relixión, a súa situación económica, o seu físico, a súa orientación sexual etc.
Pero en moitos casos isto non se leva a cabo.
BULLYING” OU ACOSO ESCOLAR
Ao falar de “bullying” estamos facendo referencia ao acoso escolar. Este acoso é o maltrato psicolóxico e físico cara os estudantes por parte dos seus compañeiros.
Sóese dar a cabo manipulacións, ameazas, agresións, exclusións e bloqueo social...
En calquera acoso dáse a repetición destes abusos. Moitos rapaces tiveron que marchar da escola por casos de acoso coma este.
DISCRIMINACIÓN RELIXIOSA
Esta discriminación por relixión consiste en tratar a unha persoa de maneira irrespectuosa polas súas crenzas relixiosas.
Este acoso inclúe comentarios ofensivos sobre as prácticas e crenzas relixiosas das persoas.
Por exemplo: o acoso e exclusión ós ateos.
En países cristiáns e islámicos, os ateos enfrontáronse a unha discriminación onde se inclúen as penas de morte, cadea perpetua e bloqueo social, educativo e médico...
DISCRIMINACIÓN DE XÉNERO
Esta discriminación fai referencia á diferenza entre xéneros. Hai moito tempo pensábase que as mulleres eran inferiores ós homes. Críase que non tiñan os mesmos dereitos económicos e laborais. Nos últimos anos incorporouse a muller á sociedade, pero aínda así algúns dos salarios son máis baixos ca os dos homes.

Respectar o diferente, Mari Luz Varela Martínez (2º ESO)

Hoxe en día, hai persoas que non respectan as ideas, as relixións, as culturas etc. dos demais, é dicir, se ven na rúa un home moreno xa dín que é negro ou que a súa relixión non vale nada.
Non podemos seguir así, a este paso imos ter que separar o mundo en dous, nun lado as boas persoas e noutro lado as persoas que se dedican a amargarlles a vida ás persoas que de verdade non son así.
Temoas que darnos conta de que así non imos a ningures, que discriminando as persoas por ter diferente cor de pel, diferente relixión e diferentes ideas, esas persoas xa non valen nada.
Non podemos ir pola rúa dicindo que todos os musulmáns son terroristas, que todos os cataláns son tacaños, etc
Neste mundo, as únicas malas persoas somos nós, porque acusamos a xente como se de verdade foran elas as que fixeron todo o que nós dicimos, por exemplo, no telexornal non din as cousas boas dos musulmáns, só din que son terroristas e que o que tamén deberiamos facer é ter máis empatía cos demais. Todos deberíamos empatizar coa persoa á que lle podemos estar facendo dano co que lle dicimos, deberiamos ter amigos por todo o mundo, para aprender a respectar outras relixións, costumes, que nos enriquecemos moito máis ca andar meténdonos coa xente diferente a nós.


terça-feira, 24 de janeiro de 2017

Vítimas de violencia machista, Sheila Fariña Amado (4º A ESO)

A primeira morte por violencia machista deste novo ano 2017 ocorreu o un de xaneiro a vinte quilómetros da cidade de Madrid, un home colombiano duns vinte anos matába a súa amante de corenta, esta xa lle puxera unha orde de alonxamento por maltrato, pero cando conseguiu a orde volveu convivir con el.
Manuel Molares escribiu un artigo no cal facía referencia a este caso, e dicía que unha muller se entrega voluntariamente a homes violentos e que sabe que a poden matar, dando a entender sobre este acontecemento do 1 de xaneiro que, cando unha muller é asasinada por violencia machista, provocouno de maneira voluntaria, xa que estaba cun home agresivo. No artigo tamén di que desta maneira esas mulleres se converten voluntariamente en escravas sexuais dos seus posibles asasinos, e que botan a perder os consellos que lles proporcionan os psicólogos tras denunciar as súas parellas.
Discrepo ante a súa idea de que as mulleres se entregan voluntariamente a homes violentos que lles farán dano, xa que en moitos dos casos de violencia machista a muller estaba separada do home e xa non eran parella. Tamén hai casos nos que aínda mantiñan o matrimonio,pero aínda con iso en ningún momento unha muller morre de maneira voluntaria.
E tampouco podemos dicir que se converte en escrava sexual do seu posible asasino, xa que non sabemos os motivos polos que volveu convivir con el, e sen uns datos básicos non podemos opinar sobre algo porque non teriamos argumento (como é este o caso).
Estes casos na actualidade están moi castigados pero algúns aínda non o están o suficiente xa que, en moitos dos casos o culpable do asasinato ingresa seis meses no cárcere e pasado este tempo, sae sen ningún outro castigo.

sábado, 21 de janeiro de 2017

Reflexións sobre o racismo, os prexuízos e o bullying de Brais Martínez Lema (2º ESO)

Nestes tempos, viven nas mesmas cidades e barrios, persoas de diferentes culturas.

Ainda que a maioría das persoas conviven pacificamente sen ningún problema, segue habendo prexuízos cara ás persoas dalgúns lugares.

Só porque un personaxe dese lugar fixese alguna cousa mala, ou tivese malos costumes, xa se toma a todos os habitantes polo mesmo.

Algúns exemplos son:
Dicir que todos os cataláns son tacaños, só porque haxa alguén tacaño.
Dicir que todos os vascos son terroristas, só porque houbera un grupo terrorista.
Dicir que todos os musulmáns son yihadistas, só porque haxa persoas que o son.

Estes prexuízos, poden resultar prexudiciais para a xente da que se fala, xa que poden pensar que o que se di é verdade e facelo só porque lle comen a cabeza. Estes rumores, deberían ser castigados pola lei, xa que se tiveramos empatía, e nos puxeramos no seu lugar, non nos gustaría nada que nos dixeran isto.

Pero en realidade, os prexuízos entre as persoas, non é só entre adultos, senón que tamén os sofren nenos e nenas, do mesmo país que o das persoas que lles imponen os prexuízos. Un dos exemplos mais coñecidos e recente é o bullying.

O bullying, é que un rapaz sexa acosado por outros compañeiros. Pode ser maltratado físicamente, psicoloxicamente…E isto sófreno, sobre todo, rapaces que destacan en puntuación nos exames, rapaces débiles…E os agresores son, sobre todo, rapaces con problemas cos pais. Pero o máis sorprendente de sufrir bullying é que os que o sofren, poden incluso coller unha segunda personalidade e provocalo eles.

Dende o meu punto de vista, tanto as diferenzas entre persoas coma o bullying son cousas moi malas xa que actuamos sen motivos, e sen coñecer esa xente que se cadra son boísimas persoas, pero non o queremos admitir.



Respecto, racismo ou prexuízos por Nuria Varela Rioboo (2º ESO)

Hai que terlles respecto* a todas as persoas, sexan de cor, brancas ou doutro país. Hai prexuízos de moitos tipos pero o máis importante é non terlle respecto a unha persoa por algo que non nos gusta, por exemplo: se unha rapaza é musulmá e está nunha clase todos pensan que os musulmáns son terroristas, eses rapaces non terían corazón xa que non lles gustaria que as persoas doutros países dixeran que todos somos exportadores de droga...
 
Por outro lado tamén existen prexuízos polo cor da pel. Estes prexuízos xa xorden dende xa hai, e isto chámase racismo*. O racismo pasa cando a unha persoa (normalmente branca) non lle gustan as persoas que son doutra cor e empézaos a insultar sen ter porque, sen coñecelo sen saber se é boa persoa ou mala. Unha inxustiza!
 
Tamén hai prexuízos linguísticos que é o que estamos a estudar este ano no colexio. Un prexuízo lingüístico é cando se empezan a dicir cousas sobre unha lingua que non son verdade e que se van expandindo por todos os lugares e recunchos. Como: "o galego é lingua de pobres". Iso non é verdade! Que eu saiba nós non somos pobres e falamos galego, unha lingua moi bonita. 
 

Como conclusión penso que  hai que terlle respecto a todas as persoas: cáiannos mal ou ben ou sexan doutra cor, raza ou cultura.

DEFINICIÓNS:
Respecto: actitude ou sentimento que fai que sexa tratada con consideración unha persoa ou cousa.
Racismo: teoría que sostén a superioridade dunha raza e o seu dereito a dominar as outras razas.

Comentario dun artigo absurdo e machista por Laura García Eiroa (4º A)

O artigo “Víctimas de su sexismo” escrito por Manuel Molares do Val é completamente absurdo. Con ese comentario o único que está a facer son referencias machistas que ofenden a calquera muller e que poden chegar a ferir.
Non ten sentido ningún falar de que as mulleres que sofren violencia de xénero son vítimas polo simple feito de que elas queren que así sexa, senón porque non teñen ningunha maneira de evitar ser maltratadas. Unhas veces ocorre porque non se dan conta de que son vítimas de violencia machista, e outras incluso por temor, por medo a contalo e que as súas parellas, amantes, ou o que sexan, se dean conta.
Por desgraza hoxe en día hai un gran número de mulleres que sofren este tipo de violencia, con agresións físicas e psicolóxicas; o número de vítimas aumenta cada vez máis, a pesar de que estamos no século XXI e as cousas xa deberían de ter cambiado.
O único que demostra Molares nese artigo é a gran mentalidade machista que ten por dicir que as mulleres son maltratadas porque se deixan e porque lles dá a gana só por pracer, non ten sentido. Persoas coma el son a causa de que a sociedade siga pensando igual que hai cen anos.
Por iso deberiamos prestar máis atención á cantidade de casos de violencia de xénero que se producen día tras día e facer algo para remedialo. As mulleres non merecen ser tratadas dese xeito, porque son iguais aos homes. Poden facer as mesmas cousas ca os homes e os homes as mesmas que as mulleres, aínda que por sorte hoxe en día xa hai moitos casos así.
Calquera muller que sufra maltrato debería contalo a tempo e sen medo, xa que ás veces pode ser demasiado tarde.

domingo, 15 de janeiro de 2017

Análise do tratamento na prensa dunha noticia sobre violencia de xénero, Paula González Castro 4ºA

Nesta noticia de Manuel Molares do Val, co título "Víctimas de su sexismo", publicada o 10 de xaneiro no xornal El correo gallego, e que xerou unha grande polémica, está dicindo que as mulleres cunha parella violenta, se expoñen conscientemente á violencia que esa persoa lle poida causar.
Recorrendo ao 1º caso de violencia machista do 2017, unha profesora de universidade de 40 anos que denunciara a súa exparella de 20 anos cunha orde de afastamento. Na teoría deste periodísta, esta muller expúxose voluntariamente a que a puideran asasinar, converténdose nunha escrava sexual dun asasino, e continuaba a ser a súa parella polo pracer físico.
O periodista aclara que as mulleres ignoran os consellos de alonxarse deses homes violentos, pero non o fan porque os "machos violentos", como el di, son máis pracenteiros.
Se seguimos as ideas do periodista, por exemplo, nun xuízo de asasinato con violencia de xénero, na que un home matou a sua parella, o xuíz ou xuíza tería que repartir a pena entre o asasino e a vítima, xa que ela se expuxo a que a asasinaran por abusar do pracer sexual. O que determinaría que o home non fora ao cárcere por asasinato, e que a culpa tamén fora da muller.
Na sociedade actual estase intentando a igualdade entre homes e mulleres, pero con artigos así nos que di que a muller é unha "yihadista suicida", a valoración da muller cae en picado. En lugar de dicirlles ás mulleres que teñan coidado con que elixen de parella, xa que poden sufrir violencia machista, non estaría mal que fora a inversa, ensinarlles aos homes que as mulleres son iguais que os homes e hai que respectalas, e non violalas nin pegarlles.




O bullying ou maltrato escolar, Sarai Pose Fariña 2º ESO

 
O maltrato escolar ou tamén chamado bullying é unha das cousas graves que está a pasar moito nos colexios, tanto nas escolas públicas coma nas privadas. Segundo estudos estes ocorren xa que o maltratador ten problemas na familia e para sacar o enfado e a tensión, pégalles a nenos/as que non teñen culpa de nada. Estes teñen medo a dicir a verdade e entón levan a cabo a segunda opción, o suicidio. O maltrato escolar pode ser de varias maneiras, tanto psicoloxicamente, verbalmente ou fisicamente.
Unha das cousas relacionadas co bullying son os prexuízos sobreo diferente, como por exemplo, din que os alemáns son uns brutos, tan só polo seu acento, o que se relaciona cos prexuízos lingüísticos. Ou ao contrario, din que os ingleses son uns refinados, tamén polo seu acento.
Agora, por exemplo, unha persoa musulmá fixo un atentado e a xente xa pensa que todos os musulmáns son terroristas, e iso non é verdade.
Outras destas cousas coas que está relacionado o bullying é cando ofendes a unha persoa, que non sabías que tiña ese “problema”, voume explicar mellor: igual estás falando con amigos que fixeches novos hai uns días e, de repente, ves que un está a falar dos vascos, por exemplo, e ti vas de gracioso e dis “ eses son terroristas”, todos se rin menos esa persoa. E o que ti non sabías era que esa persoa tiña familiares vascos e nese momento que dis iso, a el oféndelo moitísimo, ou sexa, que non debes falar mal de ninguén porque pode que as persoas do teu redor se ofendan.
Esas persoas non saben o que é a empatía, en ambos casos, non se lles ocorreu poñerse no lugar dos ofendidos.



O medo ao descoñecido, María Paz Varela (2º ESO)

Ninguén pode dicir que nunca soltou unha risa cando alguén dicía un comentario ofensivo cara outra persoa que non é igual que nós, ben sexa polas súas crenzas relixiosas, a súa etnia, a súa orientación sexual ou os seus gustos en todos os campos. Ninguén pode dicir que non insultou, en maior ou menor rango, a unha persoa que non coñecemos, ou catalogamos como “diferente”, aínda que, todos somos diferentes.
Por desgraza tomamos como costume xulgar a un conxunto por unha soa persoa, por exemplo: os galegos son todos moi brutos, os musulmáns son todos terroristas. Acaso cando nace un neno galego lle poñen como condición ser bruto? Ou cando unha persoa practica o Islam lle obrigan a ser terrorista? Entón, por que seguimos xulgando as persoas pola súas crenzas ou aparencia en lugar de facelo polo que demostran ser?
En só unha clase podemos darnos de conta de que se a un neno non lle gusta o fútbol, ou non fai un comentario cando ve aparecer un peito non pode ser un neno. De que se unha nena non quere vestir con pantalóns pitillos e os zapatos de moda non pode ser unha nena.
Isto sucede en parte porque temos medo ao que non coñecemos, temos medo a aquilo que se sae do que estamos acostumados a ver dende pequenos, a aquilo que non vivimos en primeira persoa e por iso, en lugar de tentar poñernos na pel do outro o criticamos. Sen outra razón que o descoñecemento.
Pero…. E se o noso medo é que nos poida gustar o que non coñecemos e por iso non queremos entendelo?