quarta-feira, 26 de setembro de 2012

A Rolda

A miña avoa contoume unha lenda que fala de que antigamente cando súa nai e as veciñas ían ao muíño de noite moer o millo para facer a broa vían uns espíritos. Durante unhas noites, vían uns espíritos que ían con luces e pasaban ao lado da xente e non lle falaban. Elas colleron moito medo e fuxiron correndo. Elas contárono na aldea pero xa outras persoas xa o viran tamén e dicían que era a Rolda ou a Santa Compaña. Os maiores da aldea dicían que eran espíritos que viñan do purgatorio para pedir unha misa para saír del. Despois de lle facer a misa, desaparecían. Pero miña avoa di que como daquela había tanta fame, que a xente vía espíritos e luces por todos lados. Ana Cancela Mato (3º ESO)

A lenda da furna dos Bolos

Entre a praia A Area das Vacas e a de Rebordelo está a Furna dos Bolos, unha cova que, segundo di a lenda, está ocupada por uns ananos chamados “os encantos”. Esta furna vai dende o mar ata un mosteiro de San Pedro, hoxe desaparecido, onde habitaban uns monxes da orde de San Bieito. Segundo estes monxes, os encantos ían tentalos. E segundo os “encantos” eran eles os que fuxían dos diaños. Os que quixeron adentrarse na furna, en busca dos “encantos”, non foron quen de velos, xa que ao chegar a un certo punto, apagábaselle a candea ou candil que levaban, e isto obrigábaos a volver atrás. Martiño Rivera (3º ESO)

A Santa Compaña en Sinde

A miña bisavoa contáballe a miña nai una lenda moi antiga e que súa avoa lle contara a ela; nas noites de inverno alá polo mes dos defuntos, os anciáns dicían que se podía oír e nalgunhas ocasións, incluso ver unha chea de luces no monte da capela de Sinde. Se o vento se dirixía cara Canduas podíase oír o son dunha campaíña,os anciáns dicían que anunciaba a morte dun ser querido para aqueles que oíran a campaíña, ou para algún dos que víran o ringleiro de luces que acompañaba o son da campaíña. Estas luces eran candeas que levaban ás ánimas dos mortos en pena e que acompañaban a una persoa víva que se atopaba con eles, e que levaba esta campaíña ata a hora da súa norte. A xente que oía, ou vía as luces comezaba a rezar para limpar ás súas almas por se eran eles os escollidos para a procesión dos defuntos ou por outra banda se lles chegara a hora da súa morte. Adrián Pose (3º ESO)