sexta-feira, 26 de outubro de 2018

Dieta antirratos!!


Helena e Inés de 2º da ESO dramatizan neste vídeo o conto que Inés escribiu para lle recomendar ao gato unha dieta alternativa.

O rato mocoso

Neste vídeo creado por Antía Suárez de 2º da ESO podedes ver a Lara e Antía dramatizando a historia deste rato mocoso!!


Xonás e Pepe


Este conto de Noé Souto de 2º ESO foi dramatizado por Brais, por Nico e Jonathan e narrado coa voz en off do seu propio autor. Están feitos uns artistas estes rapaces!!

O rato Pepote



Este conto de Tania González Carabel de 2º ESO foi dramatizado por Antía, pola propia autora e coa voz en off de Cristian. Que boas rimas fai o rato Pepote!!

O diario vermello de Flanagan, Inés Eiroa (2º ESO)

Resultado de imaxes para DIARIO VERMELLO DE FLANAGANFlanagan coñece a Carlota, unha rapaza da súa mesma idade, á saída do metro e, xuntos, deciden facer un diario sobre sexo e todo o relacionado con el. Desta forma, Flanagan, mediante consultas a un médico, búsquedas en Internet, enciclopedias, conversas e entrevistas aos seus compañeiros; redacta un diario moi informativo sobre o tema.  Tamén reflicte nel as súas experiencias co sexo e a relación que vai xurdindo con Carlota... todo iso dende un punto de vista dun rapaz de 17 anos.
 
Entre Flanagan e Carlota vai xurdindo unha relación que pasa do enamoramento á ruptura e que remata cunha boa amizade.

Opinión persoal: 

Gustoume moito, e está bastante ben.  Prefiro este libro ao "O diario vermello de Carlota", que conta a mesma historia pero dende o punto de vista de Carlota.

terça-feira, 23 de outubro de 2018

desfacendo as mentiras das menciñas químicas e naturais, cristina pastoriza maroñas (3º eso)


Os remedios que utilizamos hoxe en día que son recomendados polos médicos serán bos ou terán algo escondido que non nos queren contar? Pois diso tratará este texto de mirar como de bos son os medicamentos e se son mellores os remedios naturais ou os químicos.

Todo o mundo cando lle doe algo o que fai é tomar unha aspirina pensando que o que están a facer é bo pero o que non saben é que repetir esa acción moito tempo seguido pode ser máis mala do que pensan.

En primeiro lugar a revolucionaria medicina química é a que máis consumimos e que se fai a través de investigacións e experimentos para tratar a doenza e producir un alivio case ao instante ou en moi pouco tempo. A medicina natural xa se leva utilizando desde toda a vida aínda que agora está a perder a popularidade faise con plantas, raíces... das cales se preparan as pastillas, locións e unha ampla variedade de produtos. A natureza ofrécenos gran cantidade de produtos que nós non sabemos aproveitar. Ambas son boas opcións para empregar en caso de doenza pero hai que saber os efectos de cada unha xa que aínda que a química che cure o problema rapidamente ten efectos secundarios que poden danar outros órganos do teu corpo en cambio as naturais aínda que tarden máis non teñen efectos secundarios.

Algúns médicos explican que a menciña natural ten excelentes remedios para curar enfermidades tales como a diabetes, a hipertensión e o colesterol alto.

E ata aquí o que eu podo comentarvos sobre estes tipos de curacións espero que o leades e recapacitedes sobre as cousas que estades a facer mal relacionadas co que eu escribín.

domingo, 21 de outubro de 2018

As Revoltas e o seu "Goberno por azar?", gañadores na fase nacional da Incubadora de sondaxes e experimentos


Tras gañar a fase rexional do concurso Incubadora de sondaxes e experimentos co traballo “Goberno por azar?”, puxémonos rumbo a Asturias, co fin de presentar o noso proxecto durante a fase nacional, que foi celebrada os días 27, 28 e 29 do pasado xuño.
O primeiro día comezou cunha visita a Santillana del Mar, que nos serviu un pouco para calmar os nervios, e digo un pouco porque a mañá seguinte apareceron aínda con máis forza. A hora de subirnos ao escenario e ensinarlles a todos o traballo que involucrou a todo un centro durante un ano acercábase, e queríamos estar a altura. (Aínda que temos que dicir, que non éramos os únicos nerviosos, a nosa titora, Mila Diéguez, estábao case tanto ou máis ca nós.) Unha vez rematamos a presentación, puidemos por fin relaxarnos e desfrutar do que quedaba de viaxe.
A mañá seguinte dirixímonos a Santander, e despois dunha visita rápida pola cidade, dirixímonos a onde sería a entrega de premios. Vaia sorpresa tan boa levamos cando resultamos gañadores! 

María Paz Varela (4º ESO)

Plantas medicinais e menciñas químicas, Laura Torrado Pérez (3º ESO)

Resultado de imaxes para PLANTAS MEDICINAIS EN GALEGO As plantas medicinais e os medicamentos son dúas cousas totalmente distintas pero que ao fin e a o cabo veñen desempeñando a mesma función, que é tratar unha enfermidade ou problema.
Os medicamentos son compostos químicos que se utilizan para curar, deter ou previr enfermidades. Tamén serven para aliviar síntomas ou para axudar a diagnosticar algunha doenza. Os medicamentos poden aparecer como líquidos, gotas, cremas, inhaladores, parches, pastillas ou inxeccións. Moitos medicamentos son a única cura que pode ter unha enfermidade como por exemplo o cancro, a diabetes ou os problemas de corazón, cos que só se utilizan fármacos. Aínda así un uso incorrecto de calquera medicina pode causar a morte.
Por outro lado as plantas medicinais son un recurso natural que leva utilizando o ser humano dende antes de que se inventara a escritura, é dicir, máis de 5500 anos. Estas plantas pódense utilizar como cremas, pomadas, elixir ou infusión. Na actualidade estase a poñer de moda volver a tomar estas menciñas as cales se toman sobre todo para os efectos secundarios dos medicamentos receitados. Estas son relativamente seguras sempre que se trate de produtos regulados ou que sexan prescritos por profesionais. De todas maneiras algo que as desfavorece dos medicamentos é o feito de non saber cales poden ser os efectos secundarios das herbas. Un punto positivo é que teñen un custo menor que os medicamentos.
En definitiva cada un ten os seus puntos a favor e en contra e ninguén sabería dicir con certeza que é máis recomendable tomar, o que si hai que ter claro é o perigo do consumo de calquera dos produtos e non tomalo en caso de que non sexa necesario ou que o médico non cho recomendara.

Medicina química ou natural?, Aroa Castro Nantón (2º ESO)

Resultado de imaxes para medicina química o natural
A medicina natural é unha práctica terapéutica que pretende conseguir o alivio ou a curación das enfermidades pero por medio dos produtos que veñen directamente da natureza, esta era utilizada antes de que aparecera a ciencia.
Esta utiliza principalmente produtos vexetais ou tamén minerais. Na actualidade, coñécense máis de 3000 plantas medicinais pero o número de vexetais da natureza é moito maior.
As medicinas químicas, tamén chamadas a química medicinal ou a química farmacéutica, son medicamentos formados por compostos químicos, que se utilizan para curar ou previr enfermidades e son fabricados en laboratorios. Estes avances nos medicamentos fan posible que os médicos curen a moitas persoas e salven moitas vidas.
A min paréceme que calquera das dúas medicinas poden ofrecer propostas para sanar unha persoa. Pero cando nos pasa algo a calquera de nós pasamos dos remedios naturais e imos ao médico onde nos dan medicina química. Moita xente di que fai isto porque a curación con este tipo de medicinas é moito mais rápida.


sábado, 20 de outubro de 2018

Aire negro de Agustín Fernández Paz, recensión de Tania González Carabel (2º ESO)

Resultado de imaxes para AIRE NEGROO doutor Moldes acaba de licenciarse en psicoloxía e comezou a traballar nunha clínica chamada Beira Verde, que era unha clínica mental moi famosa, onde a súa primeira paciente fora Laura Novo. Despois de ler o seu historial, descobre que padecía unha especie de autismo, e o único que fixo foi escribir o seu nome obrigadamente.
Era experto na súa profesión de periodista e un afeccionado á lectura, comezou a súa terapia afundíndoa no mundo da literatura para tranquilizala e así descubriu o seu pasado e os seus medos. Pouco a pouco, Laura foi experimentando asombrosas mellorías, e decidiu comezar a recordar a súa vida anterior, a vida na que o feito atormentouna para sempre.
Ela contou sobre unha relación sen futuro en Madrid e decidiu mudarse a Galicia, a unha casa de turismo rural dirixida por Carlos, que era un anterior profesor dela, no que na súa xuventude estaba namorada. Alí descubriu de novo a felicidade que tiña por Carlos. Tamén descubriu unha das lendas de Galicia máis máxicas, o da Gran Besta, que trata sobre o mesmo demo que descansa nunha cova de montes de San Simón. A curiosidade xogoulle unha mala pasada e a vista de Laura á cova, viuse envolta nunha espiral de medo, angustia e terror que rematou coa visión da propia besta e o seu ingreso no psiquiátrico. O doutor, tentou verificar o testemuño de Laura visitou a cova da suposta besta e tamén foi o Porto, onde residía Carlos, despois de intentar fuxir do pasado. O doutor non sabía que a súa visita a cova serviulle a besta para localizar a Laura e levouna con el para sempre. Despois disto, Moldes descubriu que todo aquel no que cría na ciencia e na psicoloxía, perderon totalmente os seus fundamentos ante un suceso paranormal, que supuxo a súa propia perdición, sobre a culpabilidade e na angustia para o resto da súa vida.
Opinión persoal:
O personaxe que máis me gustou foi Laura Novo porque a súa vida, tanto os comezos en Madrid como o regreso de Galicia interior, e ao mesmo tempo, o terrible segredo que agachan as súas entrañas. Coa desaparición de Laura, a novela rematou de xeito aberto e frustrante, xa que acaba sendo vítima da maldición.

A noite de Samaín de Pepe Carreiro, recensión de Noé Souto Pose (2º ESO)

Esta historia transcorre nunha noite, pero non é unha noite calquera, era a noite de Samaín. Os barbanzos eran os habitantes do castro de Baroña e como tiñan moito medo facían sempre unha fogueira porque crían en seres fantásticos coma Orcabella. Esa noite quedaron sen leña e tocoulle a Bar ir buscar teixo. Como non atopaba leña foina roubar ao castro de Neixón. Cando chegou ao seu castro, varias persoas secuestraron a Bar e todos pensaron que era Orcabella. Os habitantes de Baroña foron en busca de Bar, polo monte atóparonse cuns fenicios que lles dixeron que Orcabella non existía. Así que os de Baroña pensaron que Bar estaría secuestrado polos veciños do castro de Neixón. Chegaron alí e recuperaron a Bar. Cando voltaron a Baroña estaba ardendo o castro, porque os de Neixón tiñan envexa deles.
A xente do castro de Baroña decidiu reconstruír o castro pero desta vez con cousas novas que lles recomendaron os fenicios.
Gustoume moito porque era unha historia divertida e transcorre nun lugar que fun visitar hai uns meses.
Recomendo esta banda deseñada porque é entretida e gústame moito os debuxos de Pepe Carreiro.

sexta-feira, 19 de outubro de 2018

A medicina na actualidade: verde ou química?, Lucía Moreira Souto (3º ESO)

Resultado de imaxes para medicina verde
A principal diferenza entre a medicina verde e a química é a súa creación, sendo a verde derivada de plantas e produtos naturais e a química a creada en laboratorio.
Por unha parte, a medicina verde é mellor con respecto aos efectos secundarios. Non carece deles en xeral, mais son moito máis leves e menos significativos. En cambio, os medicamentos químicos teñen moitos máis efectos secundarios, actúen ben ou non.
Por outra banda, a medicina química ten unha gama máis ampla de medicamentos para máis enfermidades debido a que se fan especialmente con ese fin. En cambio, a medicina verde, ao valerse de medicamentos xa existentes e que dependen estreitamente das plantas, teñen un abano máis limitado de enfermidades que poden curar, como por exemplo o cancro, por agora imposible de curar con remedios naturais pero non con químicos.
Aínda así, ambas están moi comercializas, pero de distintas maneiras. A medicina verde, a pesar de estar menos desenvolta, comercializouse de tal modo que moitos dos que a practican enganan e menten sobre os seus coñecementos só polo beneficio económico, poñendo en perigo a vida da xente que acode a eles. En cambio, a medicina química está moito máis desenvolvida no amplo abano de enfermidades que nos afectan, polo que as farmacéuticas recorren a trucos para aumentar as súas ganancias, como a falsa diagnosticación de enfermidades, especialmente mentais, ou chegando incluso a inventar algunhas enfermidades.
Por iso, á hora de decantarse por unha ou outra hai que ter clara a opinión respecto a ambas e sobre todo ter en conta a posibilidade de acceso a uns ou a outros.

Medicina tradicional vs alternativa, Elena Pose Núñez (3º ESO)

A práctica médica está abandonando o concepto segundo o cal a saúde non é máis ca o tratamento e a prevención da enfermidade para adoptar unhas novas perspectivas máis amplas que subliñan a responsabilidade das persoas con respecto ao seu propio benestar.


Corpo san, mente san, aconséllase agora e sempre, dende os primeiros tempos uns homes aconsellaron a maneira na que cada un pode lograr unha vida máis sa e demostra que conseguir e manter unha boa forma física axuda e pode ser divertido.
Resultado de imaxes para medicina alternativa vs tradicional No pasado, os médicos advertían e prescribían medicamentos químicos para todo e a xente tomábaos sen dicir nada, era o que tocaba. Coidado co tabaco, co alcol, cos excesos na comida, pero claro se se chagaba a iso a única solución era a medicina tradicional ou convencional. Non se coñecía outra. Chegouse a un tempo en que os excesos de medicamentos e a présa das farmacéuticas por sacar outros novos foi tal que moitos deles non se probaron como era debido e a curto prazo produciron efectos secundarios peores ca enfermidades que querían combater. A forma de vida que levamos eliminou moitos dos factores de risco contra a saúde, pero a natureza introduciu outro. Cada vez son máis raras as enfermidades e a súa solución.
As persoas agora mesmo buscan a saída fácil, píldoras para todo, cirurxía para mellorar a aparencia... todo e menciñas e máis menciñas e sobre todo química, ás veces sen saber con seguridade o que se toma.
Nestes últimos anos empezou a darse a coñecer outro tipo de medicina, a que usaban os pobos anteriormente, case esquecida, pero polo visto volve estar en auxe, xa que todo o que é natural parece ser a mellor cousa.
Os nosos antepasados vían que a natureza era sabia e dicían que ela dábanos todo o que necesitabamos, non o nego, pero de aí a curar todas as enfermidades, non o creo. As enfermidades actuais non están producidas pola natureza, senón por nós mesmos dentro de laboratorios que liberan o mundo toda clase de causas. Para iso non creo que a natureza teña a solución. Ben pode ser que outros tipos de medicina axuden o noso corpo a levar os síntomas que provoquen estas enfermidades.
Por todo isto, a medicina convencional tería que fixarse en métodos naturais para aquelas cousas sinxelas nas que non fose necesario o resto dos laboratorios e as outras menciñas terían que usarse sempre que se puidese pero sen poñer en perigo a vida dos seus pacientes.
Pois todo tipo de medicina debería de ter como fin a cura das enfermidades e o logro dunha sociedade sa e non o ser mellor ou peor solución para unha determinada doenza.
Ámbalos dous tipos de medicina tiñan que traballar xuntas para acadar un mundo máis san.


Accidente no Marisquiño, Sarai Pose Fariña (4º ESO)