segunda-feira, 24 de fevereiro de 2014

Levouse á noite, versión antónima da cantiga de amigo Levouse á alba por Gabriel Fariña (3º A)

Levouse á noite, levouse fea
vai emporcar cabelos na fonte quente
triste dos amores, dos amores triste.
Levouse fea, levouse horrible
vai emporcar cabelos na fonte quente
triste dos amores, dos amores triste.
Vai emporcar cabelos, na fonte quente
non pasou seu amigo, o que ela non quería
triste dos amores, dos amores triste.
Vai emporcar cabelos na fonte quente,
non pasou o seu amigo, que ela non amaba
triste do s amores, dos amores triste.
Non pasou o seu amigo,que ela non quería
o cervo da cidade que auga non remexía
triste dos amores, dos amores triste.
Non pasa o seu amigo, o que ela non amaba
o cervo da cidades que auga non movía,
triste dos amores dos amores triste.

quinta-feira, 20 de fevereiro de 2014

A raíña sen piedade por Paula Lema (1º A)

Houbo unha vez unha raíña moi fachendosa. Ela estaba solteira, a pesar de que ela era a máis guapa, segundo ela mesma . A raíña chamada Clara, presumía das súas belezas, pero como ninguén lle facía caso empezou a falar cun espello.
-Espelliño, espelliño, quen é a máis fermosa?
Clara non sabía que ese espello podía falar ata que lle falou :
- No es ti, por suposto! A máis guapa do reino é unha rapaza granxeira que vive no teu reino!
Clara pensou que iso saía da súa cabeza ata que se decatou de que os espello seguía falando.
Por temor de que esa rapaza lle quitara ó seu amor, mandouna matar.
Os habitantes de todos os reinos xa recibiran a nova da faena da raíña. Os cabaleiros decidiron non achegarse a ela por matar a aquela pobre rapaza sen culpa algunha.
A raíña morreu soa e caéronlle os anos como unha madeira podre.

segunda-feira, 17 de fevereiro de 2014

Beauty, Eloy Mato Rial




Eses cadros en movemento prodúcenme sensación de beleza e terror.
Por unha parte está a beleza que para min abarca a parte do nacemento, a amizade, o lecer, a sexualidade e o pracer. Por outra parte, está o terror que abarca o sufrimento, o horror, a norte e finalmente a natureza morta.
Estas pinturas tamén expresan as diferentes etapas da vida dunha persoa, así como os diferentes obstáculos e percances da vida. Tamén expresa diferentes imaxes mitolóxicas da vida dos Deuses, ninfas, demos e demais personaxes deste tipo. Como por exemplo a imaxe de Saturno devorando aos fillos.
Pero estes cadros para min exprésanme primeiro os milagres e alegrías do nacemento. Despois, exprésanme o pracer da sexualidade, o lecer, o xogo e o divertimento. Tamén me expresa a xuventude dunha persoa. Logo,exprésame o terror, o medo, o horror e o sufrimento.
Nesta etapa é cando unha persoa ten os seus problemas na vida. Como por exemplo, o medo a alguén que te quere matar a sangue fría ou o medo a algo terrorífico. Despois da norte, estes cadros exprésanme como queda a natureza morta despois de tanto horror, terror, asasinatos sanguentos e sufrimento.

ELOY MATO RIAL (1º A)


Os primeiros cadros parécenme unha relaxación para os sentidos. Transmítenme tranquilidade, paz e sosego.
Ao mirar os cadros e ao escoitar a música sentes que te esqueces de todo e deixaste levar pola música. Nos seguintes transmítenme xuventude e sobre todo moita beleza espiritual. Séntese o cariño maternal e tamén a amizade.
Os últimos parécenme distintos, transmiten dor, morte e moito sufrimento.
Son menos agradables os sentidos porque séntese a dor e a traizón.

IVÁN MIRA (1º A)

Alcumes de Cabana recollidos polo alumnado de 1º B


Alcumes recollidos por Rocío Rodríguez Rivera e Laura Souto Mouzo:

• Os de Vilariño: Porque na súa taberna vendían moito viño.
• Os da Trota: Porque na súa casa tiñan unha morea de animais (cabalos, vacas...).
• Os de “Ouréns”: Porque os antepasados viñeron de Ourense.
• Os de Montes: Porque teñen moitos terreos e montes.
• Os do Xordo: Porque o home que vive na casa é xordo.
• Os de Asturiano: Porque a "Patroa" da casa veu de Asturias.
• Os de Salvador: Vén dos antepasados.
• Os da Fonte/Vila: Porque antigamente na súa casa tiñan unha fonte.
• Os do Riás: Porque de lado da súa casa está o río do Riás.
• Os do Rueiro: Porque antigamente aquilo era un rueiro.
• Os de Romero: Porque ao home da súa avoa chamábanlle Romero.
• Os de Pichas: Porque llo puxeron ao patrón da casa de mal nome, porque lle gustaba a festa, as mozas, etc.
• Os “d’A Vieira": Porque as súas casas están na costa, no alto.
• Os da Xaquina: Polo alcume de seu pai.
• Chencho: Porque llo puxo un sobriño político e quedoulle.
• Os de Palanca.
• Os de Mariñán.

Alcumes recollidos por Rubén Reigía Martínez:

Tarzán: porque vive no medio do monte e ten moitos animais.
• O Largo: porque descende dunha familia chamada “OS LARGOS”
• Patrón: porque anda e fala coma un vello
• Petroleiro: porque sempre anda coa man no nariz e pasándoche os mocos pola cara.
• Rantán: porque parece un mouro, ten moi poucos dentes e cústalle algo falar.
• Presidente: porque leva uns anos sendo o presidente dos delegados e o representante do alumnado.
• Daruma: porque se autoinventou o nome para aparentar máis macho.
• Covirán: (Covi) porque un día a avoa lle berrou “A ver rapar, vaime por chourizo e comida ao Covirán, ho”
• Coello (ou tamén Mirucho): porque ten os dentes cara fóra e come coma un coello.
• Xabarín: porque ten moito corpo e moita forza.

Alcumes recollidos por Iria Rivera Dourado:

• A casa do Capitán: a un antepasado da familia déuselle un día por poñer unha gorra de capitán da mariña, aínda que non o era, e quedoulle ese nome.
• A casa dos de Aboi: unha antepasada apelidábase Aboi e puxéronlle ese alcume.
• Besugo: ten uns ollos saltóns, unha cara característica que semella un besugo.
• A casa do Tutú: o home que vivía aí dicía constantemente "Oes tú?" e de tantas veces que dicía o de tú, quedoulle a casa do Tutú.
• A casa dos do Roxo: houbo un home que tiña o pelo de cor rubia.
• Dourado de Tella: porque naceu en Tella e apelídase así.

Alcumes recollidos por Claudia Taboada Cousillas:

• A do Fariñeiro: por que tiñan un muíño e eran panadeiros.
• O Garza: por que só ten una perna.
• O Neno: por que cando el tiña 13 anos andaban con el pola man.
• O Cabrera: por que era moi xusticieiro.
• Os de Pelos: por que tiñan unas cellas moi grandes.
• O das Zocas: por que un home que vivía alí sempre levaba zocas.

segunda-feira, 10 de fevereiro de 2014

A violencia machista e os medios de comunicación por Alicia Caamaño (4º ESO)

A violencia machista en España segue provocando un número moi elevado de vítimas, con 400.000 casos nun só ano, dos que tan só 135.000 son denunciados e 70 desas mulleres morren, é dicir, 700 mortes en dez anos. Destacar tamén, que, esas denuncias falsas das que fala Toni Cantó constitúen unicamente un 0,0018% das 135.000 denuncias anuais. Machistas e misóxinos acostuman darlle moita importancia a este ridículo porcentaxe, presentando como vítimas a estes poucos homes que se atopan na situación dunha acusación falsa, métense con esta minoría de mulleres que se aproveitan da situación. Con estes comentarios quítanlle protagonismo á gravidade dos verdadeiros actos violentos que atentan contra a dignidade da muller e as súas liberdades. Esta infravaloración da importancia das denuncias de violencia machista só consegue crear un obstáculo para que as afectadas denuncien o seu caso.

A diario podemos ver nas redes socias publicacións machistas e despreciativas cara a muller, tanto chistes, como opinións e comentarios que van totalmente en serio. O típico: “algo faría” , “se o teu home che pega é por algo, “que esperabas saíndo así vestida…” e tamén son moi comúns outras ocorrencias, moi "orixinais", facendo alusión aos estereotipos do rol que se lle impón as mulleres dende pequenas, da súa obriga como amas de casa e nais. Tales comentarios como “chega a wifi á cociña?”, “vai fregar!” “cala e prepárame un sándwich” xa son algo habitual que lles resulta gracioso a maioría dos homes e, desafortunadamente, tamén a moitas mulleres, que o xustifican dicindo que é unha simple broma, que non se pode tomar tan a peito. Pero non é tan difícil imaxinarse como estas frases son pronunciadas por un home na súa casa, esixíndolle á súa parella que cumpra con ese estereotipo do que tanto se fan chistes en Internet, que faga as tarefas da casa, que prepare a comida… E isto tamén pode vir seguido, en moitas ocasións, de berros ante unha negación por parte da muller, que pode ser consecuencia de empurróns, de insultos, de maltrato… Iso segue sendo tan gracioso como para facer comentarios e bromas? É dicir, todas esas publicacións machistas son un xeito de mofarse da situación actual da muller. En vez de intentar loitar por afastarse desa inconsciente ideoloxía patriarcal que se nos impón dende pequenos, empréganse estes prexuízos e estereotipos para atacar ó sexo feminino, cousa que dificulta calquera tipo de igualdade de xénero.

Xa deixando atrás o machismo nas redes sociais, tratemos o sexismo nun medio de comunicación que, en teoría, debería ser máis serio, que é o xornalismo. O primeiro que temos que ter en conta é que a xustificación do agresor, aínda que pareza un problema que xa quedou moi atrás segue estando presente e podémolo atopar nos xornais máis lidos do país. Agora isto ocorre con menos frecuencia, pero antes, era unha deshonra para a familia que a súa filla fose violada, xa que os motivos eran a vestimenta da muller, que estaba drogada, que se estaba “insinuando” ou que era prostituta, todas estas características eran algo inconcibíbel nunha muller e a miúdo ela levaba as culpas e na súa casa non permitían que denunciase por vergonza ou medo a deshonra da súa familia. Moitas mozas de agora seguen tendo inseguridades e séntense culpables da agresión. Isto moitas veces é culpa da constante crítica á vestimenta que utilizan as mulleres, é dicir, cando se di que viste “provocativa” (palabra que me parece absurda, xa que, a que se supón que “provoca”…? A unha violación…?) a mesma palabra fai que as adolescente que pensan que van vestidas como eles din ,“incitando ó home”, crean que a violación sexa por culpa diso. Cando non é así, as mulleres son violadas independentemente da súa forma de vestir, e unha non pode deixar de vestir como ela se sinta cómoda por medo á crítica, xa que a culpa é toda del, por moi curta que leve a saia, ningún home ten dereito a levantarlla sen o seu permiso. Un exemplo de como estas xustificacións e defensas ó agresor seguen sendo actuais é caso do xuíz Francisco Javier Paulí Collado, que ante a situación de Latifa Daghdagh, unha marroquí de 22 anos que foi vendida aos 14 ó seu marido e mandada a España para traballar, xustificou en certa medida ó agresor dicindo que non era propio nunha muller que sufrira varios meses o maltrato da súa parella, ir vestida moi “á moda”. Aseguraba que a demandante acudía ao xuízo "non só arreglada, senón vestida cada día diferente, con aneis, pulseiras e curiosos pendentes", o xuíz presentaba a historia da vítima como non crible por simples razóns estéticas. A agredida sufriu dobremente un maltrato machista, o do seu marido e o da sentenza do xuíz.

No caso da violación, tampouco é ningunha xustificación válida que a muller estea drogada, xa que seguiría sendo ter relacións sexuais sen o seu consentimento, polo tanto unha violación. Nin todos os violadores teñen problemas psicolóxicos, non é necesario que unha persoa estea enferma para que intente violar a alguén. Non hai un perfil típico de violador, o violador non sempre é un inmigrante, nin unha persoa pertencente á clase baixa. O agresor pode ser de calquera idade e poder ter calquera aspecto físico. Con respecto á súa forma de ser, non teñen porque ser persoa antipáticas nin desagradables. Que é o que pasa pola súa mente? Con respecto a isto publicouse un articulo en “El Espectador” onde un home que está sendo entrevistado xustificaba ao violador dicindo que o que de verdade sentía o violador era unha fantasía, só pensa no morbo que en realidade ten satisfacerse sexualmente a conta do sometemento da súa vítima. Nese momento non sente remordemento, o entrevistado dicía: "Vouche dar un exemplo que pode soar forte, pero é coma se estivésemos unha dieta, coidando da nosa figura, e chegas a un sitio e non pode soportar a tentación de comer unha bandexa prohibida. Cando estás comendo e apreciando o seu sabor, non estás a pensar en que vas perder a liña, en se vas engordar, ou se che pode dar indixestión. Simplemente gozas. O mesmo acontece con delincuentes sexuais: están pensando só en satisfacer a súa fantasía " É dicir, escusa ó violador dicindo que está dominado por esa necesidade de satisfacer a súa fantasía, pero máis que levar a cabo esa fantasía tamén pode ser que se aproveite da menor forza da muller ou da súa soidade, pensando que está por encima dela e que pode empregala para satisfacerse, esa satisfacción e ese morbo colócaos por diante do consentimento da muller, pero porque pensa que pode facelo, porque se cre superior, isto é violencia machista, non é só un problema psicolóxico dos seres humanos como aquí o describe, xa que se así fose, as mulleres tamén sufriríamos ese problema a miúdo e violaríamos tan frecuentemente como o fan os homes (xa que a desigualdade de forza non sempre se cumpre).

Moitas veces se escriben relatos nos xornais que son comprensivos cos agresores e mostran o maltrato como resultado da paixón e do amor. Cando o maltrato machista se dá nunha relación nunca debe ser xustificado con motivos de infidelidade, por parte da muller, nin dos ciúmes do home. Unha alianza non fai que a muller pase a ser da súa parella, ela segue sendo libre de facer o que queira e con quen queira, aínda que isto estea tan mal visto na nosa sociedade. Baixo ningún concepto a muller pode ser castigada porque o seu home se sinta enganado. Os ciúmes son algo moi perigoso e insán, xa que provocan inseguridade na persoa que pensa que a súa parella é da súa propiedade e se ve ameazada cando esta “propiedade” corre perigo, estes ciúmes son moitas veces paranoias creadas por alguén que ten moitos complexos de inferioridade. Nunca son unha manifestación do amor nin de cariño, xa que o amor non é crer que alguén che pertence, non hai amor se non hai liberdade. E parece que Salvador Sostres non pensa do mesmo xeito. En 2011 o xornalista escribiu o artigo “Un chico normal” para o xornal “El Mundo”, esta publicación foi retirada posteriormente polo mesmo director do xornal. No artigo de opinión, Salvador escribía sobre o caso dunha parella romanesa, o home mataba a súa muller embarazada despois de saber que esta lle fora infiel. El defendía ó agresor dicindo que “era normal que un rapaz de 21 anos que está namorado da súa moza embarazada, perda o corazón e a cabeza, o sentido e o mundo da visión, se un día chega a casa e a moza lle di que se vai e que ademais, o feto non é del”. De seguido dicía que: “Hai moitas formas de violencia, e é atroz a violencia que o mozo recibiu ao saber que ían a deixalo e que o neno que cría esperar non era seu. Non che causa a morte física, pero mátate por dentro e aquel día algo de ti morre para sempre” continuaba dicindo: “É un rapaz normal disparado ao centro do seu amor, arrincándolle ó mesmo tempo á noiva e o seu neno, sometido a unha violencia brutal que como non é física nunca se considera, pero que sufoca e esmaga o mesmo que calquera outro tipo de violencia.” O periodista describía a violencia como un acto de amor pola súa noiva, que ó esta serlle infiel el sentiuse moi enganado e desilusionado, a noticia fíxolle tanto dano que o rapaz “tivo” que matala. Se tan mal se sentise e tanto sufrimento lle causase a noticia recorrería ó suicidio, pero o que sentiu o rapaz foi rabia, de que a rapaza que pensaba que era da súa “propiedade” o enganase con outro e que agora xa non o quixese, sentiu ciúmes e impotencia. O único que podía facer para aliviar a súa rabia era acabar con ela (agora que xa non lle pertencía) e co feto que levaba no seu interior, despois de descubrir que non era o seu fillo. Cabe destacar que o escritor deste artigo sentiu compaixón polo agresor porque el mesmo é un machista e seguro que tería actuado do mesmo xeito. Salvador Sostres participou nun programa televisado, chamado “Alto y claro”, durante a pausa publicitaria, bromeou sobre o desfile de lencería de Victoria's Secret . A partir de aí, comezou a comparar ás mulleres maduras coas mozas e dixo: “as rapazas de 17, 18 y 19 aínda non olen a ácido úrico, están limpas, teñen un olor a santidade". Entón, a presentadora advirte a Sostres de que hai nenos no plató, el pregunta ao público de que colexios veñen, e eles contestan que son de Marrocos, Cataluña e Cádiz. O periodista segue falando e di "o punto máxico desas rapazas está nos 17, 18 y 19 anos, coa tensión da carne. Esta carne que rebota, xove. E ese entusiasmo que teñen, que che queren ensinar que están liberadas, que xa son maiores"o periodista non para de facer comentarios pedófilos cara elas. Despois engade que "o matrimonio é o sexo por obriga o sexo á forza: agora fódese". Por último, Isabel insiste coa frase "hai nenos, Salvador" o que el contesta: "Son de Rabat, non te preocupes, aí levan todo solto". Actualmente este xornalista segue publicando no xornal “El mundo”.
Neste mesmo xornal, tratouse en 2012 o caso de Mercedes M.G de xeito critico e sen darlle importancia, exculpando de todo ao acosador. A vítima, que vivía en Almería, chamou o día da súa morte ás 03.30 ao 112 para informar de que se atopaba perdida e desorientada entre a prisión e a localidade de Cuevas dos Medina, e que un home alto cun vehículo de empresa todoterreo de cor branca intentará violala. A frase “intentara violala” está escrita entre comas na publicación do artigo, é dicir, trata a vítima de mentireira. Finalmente o cadáver de Mercedes foi atopado aos pés dun precipicio de 40 metros de altura. O día que se publicou a noticia aínda non estaban realizadas as probas para asegurar se a agresión sexual fora certa ou non pero o título que recibiu no xornal foi “A muller morta caeu por un barranco de forma accidental”. É dicir, negando calquera tipo de actitude machista como se fose inexistente.

Este feito de tratar a violencia machista e de escusar os feminicidios nos medios de comunicación fai que se lle deixe de dar importancia á súa gravidade, atrasándonos na loita con este tipo de atentados contra a muller. Hai que acabar con este xornalismo machista e despreocupado pola situación, que trata os casos de violencia como se trataban hai 30 anos. Tamén hai que deixar de tolerar os comentarios sexistas e ofensivos nas redes sociais, denuncialos e conseguir acabar con eles.



Alicia Caamaño Vázquez
4ºESO

segunda-feira, 3 de fevereiro de 2014

Se chove, que chova

Este novo ano 2014 puidemos ver xa o sexto anuncio dos supermercados Gadis. Trátase dunha campaña etiquetada de “nacionalista” que presenta un novo anuncio cada 1 de xaneiro, facendo publicidade dos seus supermercados e empregando titulares e slogans moi optimistas como “Don’t worry que maloserá”, “Sairemos como galegOs” “Vivamos como galegOs”. E este último “Se chove, que chova”. Esta campaña leva tendo moito éxito dende que o seu comezo, a primeira que vez que se emitiu na televisión púxolle os pelos de punta a todos xs galegxs, foi un anuncio emotivo, optimista, e sobre todo, a novidade. Nun principio semellaba ter o obxectivo de animar a xente a tirar para diante, usando refráns típicos e frases galegas como “nunca choveu que non escampara”, “vaaas caaer”, “malo será”. Iso si, é surrealista e algo "cursi", para min non representa a verdadeira Galiza na súa totalidade e paréceme empalagoso. En todas as propagandas o tema central é a crise actual e a mensaxe de que sairemos desta.
O deste ano comeza cunhas señoras maiores falando no salón de peiteado, cómpre destacar que esta está chea, e todo o persoal e clientela está formado por mulleres, dando unha imaxe superficial e machista das nosas avoas, que se xuntan en locais de beleza para rexoubar e ler a prensa. Comezan a falar da situación actual do país e de como o tratan os medios de comunicación, tachando de pesimista, aí comeza o anuncio co seu enfoque, fronte á crise, pasotismo e sen darlle moita importancia. Procura que a xente sexa optimista e deixe de “amargarse a vida” como di unha das señoras mentres a peitean. Logo fan referencia ó tempo (como sempre, e por iso digo: repetitivos) sinalando que toda Galiza está nubrada, e que o “home” máis sabio do mundo era unha muller. Isto pode dotar o anuncio dun carácter feminista, aínda que se contradi con outros aspectos machistas do anuncio. Esta muller dilles que o único que non se nubra en Galiza é a nosa alegría, logo comeza a amosar paisaxes naturais fermosas, nas que presenta a natureza como a nosa forza que nos anima a seguir a diante, a forza da nosa terra que nos empuxa. Este optimismo esaxerado non lles fará moita graza ós gandeiros galegos que xa dende 2012 se levan mobilizando contra Gadis, xa que as marcas de leite pretenden pagarlles o leite moi por debaixo do seu custo á hora de vendelo, aproveitándose da necesidade destes traballadores, que como ben dicían nas súas pintadas reivindicativas “Venden o seu sangue”.
O anuncio segue coa chamada dunha empregada para que se emita a conversación das súas clientas pola radio, esta grava co seu teléfono móbil como as señoras falan de que os galegos temos que traballar moito como solución a todos os problemas, o que hai que facer é esforzarse para poder gozar. Estaría ben que saísen no anuncio, xs traballadorxs de Gadis manifestándose en contra do implante de máquinas de cobro automático na súa rede de tendas, tentando suplantalos polxs caixeirxs, xa que tanto din que hai que traballar.
A continuación, unha señora fala do seu fillo, supostamente, astronauta, que di que non hai que preocuparse tanto pola crise nin laiarse tanto, que a xente seguirá abrazándose, coñecéndose, rindo. Logo aparecen tamén imaxes sobre unha parella o día da súa voda, unha nai abrazando o seu fillo recén nacido (que se vexa ben o camiño que ten que seguir unha boa galega). A continuación a xente responde a todo isto que se escoita pola radio e ó berro de “VIVAMOS COMO GALEGOS” da señora que está na perrucaría. A xente dos bares salta de alegría, ao igual que as condutoras e condutores saen dos seus coches e as familias da casa berran arredor da radio. Todo felicidade e positividade. Finalmente as mulleres saen á rúa xa peiteadas e ven como chove, unha delas apresurase a poñerse debaixo da auga e berrar “se chove, que chova”. Esta frase podemos interpretala como un slogan optimista, ou podemos ir máis alá e ver que tras el se agocha unha mensaxe a favor da resignación, submisión e pasotismo dos galegos, é dicir: traballadores, non vos manifestedes contra os nosos supermercados, poñede boa cara e deixade que chova por vós, que hai que ser optimistas e tirar para diante.
Está moi ben a propaganda en galego e tamén a propaganda optimista, pero hai que ser realistas e menos hipócritas, sen sacar proveito do orgullo galego para quedar ben e facer que aumenten os seus clientes. Tamén estaría ben que Gadis empregase o galego non só nos anuncios, senón que o incluíran ademais nas etiquetas dos seus produtos. E por último o que máis me molestou do anuncio, o berro de: “VIVAMOS COMO GALEGOS” só como galegos, que mala sorte que as galegas sempre se lle esquezan.

Alicia Caamaño Vázquez (4ºA)

Vaiamos, amigas, vaiamos pasear, cantiga de amigo de Mariña Lema Blanco (3º A)



Vaiamos amigas, vaiamos pasear
Para co meu amigo me encontrar.
Ai, meu amado!
Vaiamos amigas, vaiamos cantar
Para co meu amigo poder bailar.
Ai, meu amado!
Para co meu amigo me encontrar
témonos amigas que engalanar.
Ai, meu amado!
Para co meu amigo poder bailar
Témonos amigas que arreglar.
Ai, meu amado!

Beauty, arte en movemento por Rino Stefano Tagliafierro, comentado por Paula Lema Dourado



O cadro produciume moitas sensacións distintas que nin tan sequera eu podo explicar ben. Amaneira en que estaban proxectados os cadros produciume as distintas sensacións, pero podo dicir que a min gustoume moito o vídeo..
Os primeiros cadros producíronme sensacións de alegres xa que proxectaban a infancia dunha persoa, a etapa que, polo xeral, soe ser bonita e perfecta. De seguido viñan os cadros referidos á adolescencia onde os cadros eran todos de persoas espidas, onde nalgún representaba o amor. Nestes cadros aparecían os anxos Cupidos e algúns deuses da mitoloxía grega e romana. De seguido viñan os cadros referidos maioritariamente á morte e ás desgrazas. A min algúns destes cadros produciume medo, xa que pouco a pouco os ollos das persoas iluminábanse e a cor da súa pel cambiaba. Ademais, tamén sentín noxo xa que aparecía sangue e tamén algún órgano que lle sacaban a unha persoa. Os últimos cadros representaban tan só a morte , onde aparecían cadáveres que flotaban polos ríos e cousas polo estilo. Cando se ía producir algún cambio aparecían cadros de paisaxes.
Algúns dos cadros que máis me impactaron foron os referidos aos deuses da mitoloxía grega e romana, pero o cadro que máis me impactou de todos foi o cadro onde aparece Saturno comendo aos seus fillos.

Paula Lema Dourado (1º A)

domingo, 2 de fevereiro de 2014

As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz



Alba está pescando con Xabier no peirao de Pontebranca, cando oe na radio dun turista, a noticia de que a 350 millas do cabo Fisterra, preto da Fosa Atlántica, varios barcos avistaran un forte resplandor.
Na Fosa Atlántica, ata hai poucos anos, estivéranse vertendo residuos radiactivos, e ninguén quería achegarse a aquela mancha, por mor de que fose algo radiactivo.
A mancha brillante, a que agora lle chamaban o misterio da Fosa Atlántica, e que seguía aumentando, puxo a todo o mundo en alerta.
Lois, o irmán de Alba, pertence a asociación ecoloxista ADEGA, e non para de falar por teléfono, a cousa parece grave.
Mentres o Consello do Alto Mando da OTAN, dirixido polo Xeneral Mc Logan, reúnese para tratar o asunto e organizan unha misión para observar e obter mostras da mancha, que se atopa acordoada por barcos da OTAN. O que encontran déixaos desconcertados, a mancha está formada por unha morea de flores de cor branca brillante, que teñen un cheiro moi intenso, que fai que todos os soldados que teñen contacto con elas teñan comportamentos pacifistas.
Lois e os seus compañeiros de ADEGA organizan unha expedición en segredo no barco Firrete. Na expedición, ademais de parte da tripulación, van ir membros de ADEGA e máis dous periodistas. Alba decide ir de polisón, pois sente que tamén ten que facer algo. Cando a encontran no barco seu irmán preocupase, pois aquilo pode ser perigoso.
Os de ADEGA achéganse á mancha pero non hai radioactividade, a mancha está rodeada por unha rede de contención con furados, para que os peixes poidan pasar. Só Alba por ser unha rapaza pode pasar por un dos furados. E cal foi a sorpresa de todos cando Alba volveu cunha rede chea de flores brancas que cheiraban moi ben, e que mandaron analizar.
Os resultados das análises foron comunicadas ao mundo polos de ADEGA xunto con Greenpeace, e outras organizacións pacifistas. Estes resultados viñan a dicir que o cheiro das flores cambiaba as persoas, que se volvían pacifistas.
Pola contra os da OTAN en vista de que se lles acababa o choio das guerras, deciden bombardear a Fosa Atlántica para destruíren as flores. O que non saben é que os de ADEGA e as outras organizacións están repartindo flores en todos aqueles sitios nos que hai guerras, para acabaren con elas.
Os da OTAN reúnense por última vez, para falaren do fin das guerras e das desercións dos soldados. Mentres falan óense voces no patio, e cando saen ver o que sucede, varios soldados tíranlles flores brancas. Aquel é o seu fin.
Alba está moi contenta, de ter axudado un pouco en todos aqueles cambios, que grazas ás flores, están ocorrendo no mundo.

-Gustoume este libro, sobre todo a viaxe e as dificultades que teñen que pasar os protagonistas para dar co misterio.

Diego Moreira Souto (2º B)

Irmán do vento de Manuel Lourenzo



Luís Meira é un arqueólogo que chega a Oriente Próximo para estudar as ruínas de Petra.
Nas ruínas de Nínive coñece a un neno de catro anos, que se chama Khaleb, quen o leva a xunto ao seu avó, Hadras, que é vendedor ambulante de antigüidades falsas.
Tras presentarse e falaren un anaco, Hadras convida a Meira a visitar a súa casa, na aldea de Qhissa Hanni. Meira acepta e durante a viaxe, Khaleb sorpréndeo coas súas apreciacións sobre a vida. Cando chegan a aldea coñece a toda a familia de Khaleb, que pertence a raza dos koblai.
Durante mes e medio queda na casa de Hadras, pero comeza a primeira guerra de Iraq e os estranxeiros teñen que saír do país, así que, Meira volve para Galicia e alí quedan Khaleb e a súa familia.
Seis anos despois, Meira decide volver ao Iraq e instalarse en Qhissa Hanni. Alí entérase, da morte do tío de Khaleb en combate, e da morte da nai do neno de gastroenterite por mor da falta de medicamentos. Meira aluga a casa do tío de Khaleb, e os habitantes comezaron a chamarlle
Al-Galego.
Anos máis tarde, no 2003, comeza a segunda guerra de Iraq, e todo se volve trastornar.
O primeiro de outubro, Khaleb comeza a escribir a primeira de moitas cartas, dirixidas a Alberte, o fillo de Meira, nun caderno que lle regala o seu pai, porque o seu mestre e o propio Meira, cren que debe practicar para ser contador de historias.
Nesa carta, Khaleb preséntalle a súa familia, e comeza a contarlle unha historia dun califa que ten unha filla moi guapa, da que se namora o coidador dos cabalos favoritos do califa.
Ao longo das cartas, coma se fose nun diario, Khaleb cóntalle a Alberte como foi a súa infancia, fálalle da morte da súa nai e de que o seu pai volvera casar cunha muller, coa que ía ter outro fillo. Tamén lle conte que está namorado de Amrah, a filla do alcalde.
Cando a guerra a Bagdad, e o seu pai alístase para defender o seu fogar, deixándoo ao cargo da familia. Ao principio reciben moitas cartas, pero un día chegou unha dicindo que o seu pai desaparecera.
Khaleb marcha ás agochadas nunha caravana de beduínos, familiares da súa nai, na procura do seu pai. De camiño a Bagdad pásanlle moitas aventuras e desventuras.
Cando por fin chega a Bagdad, e tras unha dificultosa busca, atopa o seu pai morto, e decide que ao prezo que sexa, levarao para a súa aldea para enterralo coa súa xente. Por iso, obriga a un piloto americano, a que o leve no seu helicóptero xunto co corpo do seu pai, a súa aldea.
O día do enterro do seu pai era o seu aniversario, facía dezaseis anos, e apareceu un gandeiro cun cabalo co que Khaleb levaba soñando dende pequeno, e que seu pai deixara encargado para que llo levasen ese día. Khaleb chamoulle “ Irmán do vento”.
Despois de darlle a Meira o caderno coas cartas, que fora escribindo aos poucos, para o seu suposto fillo, marchou no seu cabalo en busca da súa propia vida e da súa amada Amrah.´

- Gustoume moito, porque un pódese poñer na pel do protagonista con moita facilidade, grazas á forma de relatalo. Tamén me impresionou o que chega a facer o protagonista para recuperar o corpo do seu pai.

Diego Moreira Souto (2º B)




Valoración sobre a opinión de Ignacio Bosque sobre a linguaxe sexista por Lara Amado (4º A)

“(…)la verdadera lucha por la igualdad consiste en tratar de que esta se extienda por completo en las prácticas sociales y en la mentalidad de los ciudadanos. No creemos que tenga sentido forzar las estructuras lingüísticas para que constituyan un espejo de la realidad, impulsar políticas normativas que separen el lenguaje oficial del real, ahondar en las etimologías para descartar el uso actual de expresiones ya fosilizadas o pensar que las convenciones gramaticales nos impiden expresar en libertad nuestros pensamientos o interpretar los de los demás(…)”
‘Sexismo lingüístico y visibilidad de la mujer, ¿es machista nuestro lenguaje? ‘Autor: Ignacio Bosque (RAE).


Para o meu exemplo de noticia sexista, elixín esta reflexión de Ignacio Bosque, como voz do dicionario RAE.
Na totalidade do seu articulo publicado en 2012, intenta convencer aos emisores de que A linguaxe sexista non inflúe no machismo, na desigualdade entre sexos nin nada relacionado, intenta convencer de que o principal é comezar cambiando os comportamentos sociais.
Ignacio Bosque, a pesar de afirmar na súa totalidade a existencia do machismo na sociedade, propón a utilización da linguaxe sexista, xustificándose basicamente en que soa mal, e que non pode ser correcto.
Para o meu parecer, se afirma a existencia do machismo, e está totalmente de acordo en promover a igualdade entre sexos, debería de aceptar o emprego de linguaxe non sexista na lingua española,xa que se de verdade queremos unha eliminación do machismo, non debemos só comezar polos comportamentos sociais,senón que debemos comezar polo que poidamos, para que pouco a pouco se comece a tratar do mesmo modo aos homes e ás mulleres.
Con este tipo de comportamentos, como neste caso o de Ignacio Bosque, estamos nun claro caso de mentes paralizadas na antigüidade, non dispostas a cambiar, mentes que dificultan o avance da modernización da sociedade.

A cousificación da imaxe da muller na publicidade por Lara Amado (4º A)

Comezo a presentar a miña opinión persoal do vídeo Killing us softly comentando o título, que recibe o nome de “matándonos suavemente” , palabras que se nos fixamos definen perfectamente o que estamos a vivir, refírese a que co paso do tempo , a muller recibiu un estereotipo que se dá a coñecer como “muller perfecta” ,cunha extrema delgadez, sen enrugas, sen manchas, sen grans.., en definitiva , unha muller irreal, estereotipo absurdo que é a causa de enfermidades, trastornos alimenticios ou incluso mortes por querer parecerse a esa boneca.
Este estereotipo, difundiuse a partir do emprego da muller como un obxecto,como un xoguete, como, por exemplo, nas publicidades, onde o seu corpo é o principal foco de atención, cunhas curvas esaxeradas pola extrema delgadez ou caras irreais sen grans ou enrrugas, ambos retocados con programas fotográficos ,como este exemplo existen mil e non só en anuncios como os de cervexas, coches.. senón un exemplo claro son nas pasarelas de modelos, onde hoxe en día existen modelos con anorexia ou outros tipos de trastornos alimenticios debido a este estereotipo falado, e seguen desfilando ,”lucindo” as roupas dun grande deseñador ,como se non pasase nada por pesar dez ou menos quilos do que o corpo precisa.
Tendo claro o estereotipo da actualidade e o emprego da muller como un obxecto, reparamos no dano que provoca na sociedade,comentado xa no comezo. No vídeo comenta a vida que pode ter unha nena dende pequena, que non repara no seu físico ata a adolescencia , onde di que “choca contra unha parede” , xa que a come a sociedade polas rúas, con carteis de publicidades... , nas webs, nas tendas,na televisión, nas revistas...dende ese momento, a adolescente repara no seu aspecto físico, podendo chegar a enfermar ou incluso provocar a morte.
Con este vídeo tamén podemos comentar totalmente o machismo,onde se percibe que o home domina a muller, xa que as maiorías das publicidades onde se emprega a muller como un obxecto están ligadas aos produtos que aos homes en xeral máis lle soen compracer, como a cervexa ou os coches,sen importar o respecto das mulleres que tamén consomen ese tipos de produtos, sen igualdade entre sexos dos temas que estamos a falar, atopámonos nunha sociedade machista.
Con todo isto, creo que debemos estar a gusto con nós mesmas, porque unha muller ten curvas, pero non polo feito de estar extremadamente delgada, senón polo seu corpo normal, pola cadeira, o cu ou os peitos, a unha muller non lle pode importar ter grans, manchas ..ou chegado ao momento enrugas, porque nós somos nós, cada un é único e non nos temos que parecer a ninguén para conseguir a beleza.

A que lle sabe a amizade a Lara Amado (4º A)

A amizade sabe a algo inexplicable,
Doce pero amargo,
Suave pero picante,
A amizade sabe a zume de limón,
A pastel de chocolate,
A ruídos espantosos,
A unha longa viaxe,
A miradas eternas,
A incómodos silencios,
A noites de festa,
A días de tormenta,
A Colacao a culleradas,
A sorrisos contaxiosos,
A fríos pesadelos...
Aínda que a amizade ás veces saiba amarga,
Saiba doce,
Saiba suave ou picante,
Saiba estraña ou incómoda,
A amizade sabe ben.

Non só doen os golpes por Darío Abuín (3º A)


A utilización da imaxe da muller na publicidade é cada vez máis agraviante, xa que non son contratadas para representar o produto en venda, senón que as venden a elas, maquillándoas e retocándoas con Photoshop, facéndoas perfectas, pero crean unha perfección inexistente, unha perfección que non se vé día a día excepto na propaganda. Por exemplo, nos anuncios de perfumes non anuncian o ben que ole o produto, senón que se pasan o anuncio amosando contidos ‘eróticos’, poñendo a muller nun papel que se limita a desexar a un home que ten o poder de facer con elas o que quere.
Pero a cousa non acaba aí. Esa imaxe que se nos ofrece como perfecta crea inseguridade ás rapazas, que intentan estar máis e máis delgadas para asemellarse a ese concepto de beleza actual. Os casos máis graves poden acabar incluso en anorexia.
E por se iso fose pouco, están logo os machistas que non deixan de facerlles sufrir e provocarlles un ‘maltrato psicolóxico’ que a longo prazo pódelles provocar inseguridade, depresión e incluso intentar perder peso deixando de comer, o que pode provocar danos físicos por falta dalgún compoñente nutritivo.
Nin pensar quero no mal que o terán que pasar as rapazas que tenden a engordar nesta sociedade dominada polo machismo, porque elas nunca darán obtido eses resultados que se propoñen de convertirse en esqueletos andantes.
E que dicir das modelos? Pois pouco se pode contar de rapazas que acaban de cumprir os dezaoito anos e que padecen infrapeso. Todo o que lles provocou ver de pequenas a aquelas mulleres na tele tan ‘perfectas’ acáballes servindo para lucir vestidos de marca nos seus corpos esqueléticos en pasarelas de moda moi destacadas.
Pero eu penso que as mulleres son o suficientemente fortes para non sentirse afectadas polos comentarios machistas e a imaxe que empregan ‘delas’ nos anuncios. Porque estou seguro de que non son o único que non chegou a sentir mágoa por esas rapazas que intentan acadar a ‘perfección’. Non vivimos nunha sociedade tan avanzada? Non irá senda xa a hora de aceptar a xente tal e como é,deixar de xulgar ás persoas polo físico e valorar a súa personalidade?

A falsa imaxe da muller no Photoshop por Sofía Mato Varela (3º A)

No vídeo que vimos, fala da xente que está namorada da imaxe física das persoas, porque é no que se fixa a maioría do mundo. Gustaríame dicir que non todo está no exterior e que espero que ninguén cambie só porque uns llo din, senón por sentirse mellor consigo mesma. A razón disto é que moitas veces cando ves a unha muller co ideal de beleza nunha revista ou na televisión dis que queres ser coma ela, e non é así xa que utilizan quilos e quilos de maquillaxe para tapar a fermosa cara que poidas ter, só para crear outra totalmente diferente, para que che vexan máis guapa, e compren os produtos que intentan vender, ou que tamén usan o Photoshop, para que nalgunha foto quitar as enrugas, grans, cicatrices, ou incluso poñerte máis delgada. Porque desde a adolescencia intentan meterche na cabeza que existe un ideal de beleza perfecto, e non é así xa que non existe ninguén perfecto, aínda que o intente aparentar, todos temos algún defecto aínda que non nos guste admitilo. Desde pequenos xogamos con bonecas guapísimas, delgadas, altas, con ningún defecto, porque iso é o que intentan ensinarnos, xa que tamén podían fabricar bonecas sen pelo, para nenos con cancro, ou bonecas gordas, ou incluso bonecas con grans e engurras.
Fixádevos nas modelos, moitas morren de anorexia, véxoo normal, porque teñen que ser tan fracas? Pensan que a xente que ves pola rúa é así? Tan delgada? Non creo, nin case ningunha que vexas por ahí teñen as famosas medidas de 90 -60 -90 .
Gustaríame que as modelos pesasen máis que 50 quilos. Xa que as nenas pequenas de hoxe en día moitas pensan en ser modelos de maiores, e por iso intentan comer o mínimo posible, e iso deberían de cambiar.
No vídeo tamén fala de que usan as mulleres con bo corpo, é dicir, delgadas, altas e guapas, para vender coches, motos, colonias, ou calquera cousa, porque atraen máis e a xente que ve a publicidade tenta a comprar esos produtos.
A verdade é que non vexo moi normal o que pasa, xa que estamos no século XXI, e debería de haber algo máis de sentidiño neste mundo.
Así que xa sabedes se queredes cambiar, cambiade polo voso ben, por sentirvos mellor con vós mesmas, que ninguén vos diga o que tedes que facer.

Cantiga de amigo, Na beira do río fun pasear por Gabriel Fariña (3º A)



Na beira do río fun pasear,
Na beira do río funme lavar,
alí estaba o meu amigo
con gran porte home garrido.
Na beira do río fun camiñar,
Coa miña irmá sen deixar de falar,
puiden ver o meu amigo,
con gran porte home garrido.
Na beira do río funme lavar,
para ver ás aves voiar,
falei co meu amigo,
con gran porte home garrido.

Cantiga de amigo, Un xardín cheo de flores de Patricia Taboada (3º A)

Un xardín cheo de flores
Que ten diversas cores
E moitos ricos olores
Un xardín cheo de flores
Con moitos amores
E moitos ricos olores
Que ten diversas cores
Que relocen nas noites
E con moitos ricos olores
Con moitos amores
Con diferentes sabores
E moitos ricos olores