terça-feira, 19 de novembro de 2013

O meu peor pesadelo por Irene Sánchez Suárez (2º B)



A pasada noite tiven un pesadelo horrible; un deses que cando espertas, estás taquicárdico e che custa horrores respirar; un deses que aínda que intentas por todos os medios afastar da túa mente, non es capaz de facelo e, unha e outra vez, volve para torturarte.
Unha noite de Samaín, estabamos  un grupo de amigos no cemiterio da vila, intentando que a noite dos mortos viventes fose o máis divertida posible: iamos todos disfrazados de momias, de esqueletes, de bruxas, fantasmas, vampiros, zombis... Esa mesma tarde estiveramos poñendo cabazas decoradas por todo o cemiterio, e o ambiente era o máis terrorífico posible. Un empezou a contar historias de medo mentres os demais comiamos larpeiradas arredor dunha cachela, que encenderamos para non pasar frío naquela noite de xeada. No máis interesante da historia escoitamos un ruído ás nosas costas pero intentamos non poñernos nerviosos e non fixemos caso. Pero outro ruído, máis forte, aos poucos minutos fixo que nos xirásemos para comprobar a que se debía; detrás de nós había unha morea de zombis que se achegaban cos brazos estendidos e facendo uns sons arrepiantes. Empezamos todos a correr todo o rápido que podiamos pero eles eran máis e acurraláronnos e rodeáronnos de xeito que non tiñamos escapatoria.
Achegábanse cada vez máis, e os nosos corazóns non daban feito do medo que estabamos pasando. Un de nós intentou distraelos para que os demais puideramos escapar, e así o fixemos. Agora só faltaba que el tamén lograra esquivalos pero, como?
Cada vez estaban máis cerca e con máis ansia de comerlle as entrañas ao noso amigo e, cando estaban a piques de alcanzalo... espertei cun berro e un salto na miña cama. Que mal o pasei!

Sem comentários:

Enviar um comentário