sábado, 23 de novembro de 2013

A misteriosa casa abandonada de Don Modesto por Eloy Mato Rial (1º A)

O sábado 12 fun ensilar o millo co meu veciño “ O Marroco “ . Non me refiro con isto a ir a riba do silo axudar a estendelo. Non. Refírome a ir dentro dos tractores que veñen ensilar.
Pero antes de ir fun dar unha volta na bicicleta ata a fonte de Dombate, unha vella fonte que está preto do monte. Alí, ao carón da fonte, está unha vella casa abandonada. É a casa de Don Modesto. Don Modesto era un home vello que morreu nesa casa por cousas que ata agora se descoñecen xusto antes de eu nacer. Nunca me adentrei nesa casa pero aquel sábado picoume a curiosidade por saber o que alí había.

Deixei a bici xunto á fonte e achegueime á casa. É unha casa sen pintar e sen recebar que ao lado ten un cabanote de cemento. A porta non foi difícil de abrila. Estaba medio atrancada pero fun capaz de forzala.

A casa por dentro era normaliña. Coma outra calquera. Só que estaba medio gastada co paso dos anos. Fun vendo cada un dos departamentos da casa ata chegar ao faiado. Cando me dispuña a subir oín un ruído no piso de abaixo. Entón baixei e non había ninguén. Que raro! Xuraba que era un ruído forte. Saín da casa e xa empecei a oír o bruído dos tractores.

Fun nos tractores ata o mediodía. Despois xantei e collín unha lanterna para volver de novo á casa. Deixei outra vez a bici xunto á fonte e entrei na casa.

Pareceume oír o chirriar dos freos doutra bici. Entón fun fora e a bicicleta xa non estaba. Que estraño! Primeiro oio un ruído na casa e logo róubanme a bici. Quen será o bromista ?

Continuei a miña expedición e desta vez metinme nun corredor secundario da casa. Había unha porta entreaberta da cal saía un forte resplandor de luz artificial. Alí xunto á porta había rastros de sangue e tamén un estraño po branco. Asusteime e quixen marchar pero un home coa cara cuberta ameazoume cunha pistola. Era unha pistola Beretta das boas. Notábase que o tipo era un home de negocios. Levoume ata
o faiado da casa e alí atoume. Estiven media hora atado. Calculeino por un reloxo que había no faiado. Detrás miña había unha mesa e na mesa había un coitelo. Collino con dous dedos e cortei as cordas. Agocheime. Cando veu outra vez o home collín unha estaca e golpeeino na cabeza. Ateino e baixei outra vez á porta onde estaba o sangue e o po branco. Collín unha pequena mostra de cada un e marchei de alí a escape.

Cando cheguei á casa, bebín algo e fun xunto do Marroco contarlle o sucedido. Fun xunta el porque ten un analizador do leite das vacas e entón pensei que me podería servir para analizar o sangue e o po. O Marroco analizouno e díxome que o sangue era humano e o po era droga . Quedei sorprendido. Ao Marroco conteille toda a historia da casa e el díxome que a fin de semana seguinte iría comigo a dentro da casa.

Así que a fin de semana que vén collerei unha lanterna, a escopeta do meu pai e adentrareime de novo co Marroco na casa, así que ¡desexádeme sorte!.

Ningún comentario:

Publicar un comentario