mércores, 13 de xuño de 2012

A banda sen futuro de Marilar Aleixandre

Esta novela está protagonizada por Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que vai contando a través do seu diario as súas experiencias e emocións ao longo de dous meses. Ten que afacerse a unha cidade nova á que acaba de mudarse coa súa familia polo traballo do seu pai, e ao comezo do curso nun instituto novo. Ademais, Carlota le unha mala noticia no xornal: a morte de Poch, un cantante ao cal admiraba. A rapaza relaciona esta noticia co resto de cousas que lle están a suceder e séntese parte dunha banda sen futuro porque cre que os acontecementos que lle agardan non son bos. Recorta a foto do xornal e suxéitaa con chatolas no taboleiro do seu cuarto e dende ese momento o cantante convértese no confidente dos seus pensamentos máis íntimos e das súas preocupacións. A causa fundamental do malestar de Carlota é o seu aspecto físico, xa que por culpa dun eccema ten que rapar a cabeza ao cero. Culpa aos seus pais por obrigala a asistir a clase cun pano na cabeza e teme ter que enfrontarse ás olladas e preguntas indiscretas. Nestes primeiros días, Carlota pásao mal e non se relaciona con ninguén.

Séntese soa e con medo aos demais, ata que un día na clase de inglés Miguel, un dos seus compañeiros, deféndea do insulto doutro rapaz e a partir de aí fíxase nel e comeza a sentir algo especial ainda que non o queira recoñecer, xa que pensa que ningún rapaz se fixará nela mentres estea rapada. Ao longo dos días, Carlota vaise integrando cos seus compañeiros porque teñen que solucionar un problema coa de debuxo e tamén realizar unha obra de teatro para lingua española, na cal Carlota conseguira un papel. A preparación do papel fai que se mergulle en si mesma e consiga achegarse a Miguel, que lle regala unha cinta de U2 e lle dá un bico na meixela. Sente que está namorada, pero tamén comeza a coñecer a Moncho, descubrindo que comparten algunhas afeccions e que poden falar de temas como o futuro, que tanto preocupa a Carlota. Axiña descubre que a súa única amiga,Paulina, está saindo con Miguel e séntese mal, pero o apoio de Moncho e a noticia de que a súa avoa está moi enferma fan que cambie de actitude; decátase de que o do seu cabelo é unha das cousas que o tempo arranxa mentres que co da avoa o tempo xoga en contra e debe aproveitar os momentos que lle quedan con ela. Finalmente, Moncho decláraselle e de súpeto todo cambia para ela; ten a Moncho, comeza a ter amigos e por fin pode deixar medrar o cabelo, xa que as análises están ben.

Esta novela gustome moito,porque é entretida e ao tratar sobre unha adolescente faise fácil de ler e de entender.

Laura Rodríguez Domínguez (4º ESO)

Ningún comentario:

Publicar un comentario