domingo, 25 de decembro de 2011

Nova mensaxe por Laura García Devesa


“Querido tío Carlos:
Canto me alegro de que xa vaian chegar as vacacións de Nadal. Conto os días que quedan –quedan 3 días-. Pero o tempo non dá pasado, non vexo o momento de volver a verte. Teño tantas cousas que contarche! E unha gran sorpresa para ti! Ademais, por suposto, do teu regalo.
Por certo, os exames saíronme moi ben: non baixo do oito nas medias. Pero todo isto con suor e bágoas, porque o que dixo que 4º era repaso pois... Eu creo que saíu da escola en terceiro! Mira ata onde chega a cousa que son a única que aprobou todo! Mamá dixo que se as notas ían ben me daba 20€. Non é moito pero con iso xa teño dabondo para mercar a 3DS, jaja!!
Ah! E perdóame por deixarte a medias onte cando estabamos falando, pero o ordenador está bastante cascado xa e colgouse. Quixen mandarche unha mensaxe ao móbil ou chamarte, pero xa sabes que mamá non me deixa por iso de que ao ser internacional sae tan caro... E aínda non me explicaches por que tiveches que volver a Galicia tan de repente! Entendo iso da morriña e que as cabras tiran ao monte pero... BÓTOTE MOITO DE MENOS. Xa levamos sen vernos desde setembro, e eu que estaba acostumada a verte tódolos días!
E falando de non ver á xente: papá aínda non volveu. A el tamén o boto de menos, pero só levo sen velo tres semanas, non tres meses! E mamá está rara ultimamente, cando lle pregunto que lle pasa dime que nada. Ao mellor tamén vos pon en falta, ou tamén lle está afectando a morriña, quen sabe!
Mamá pídeme que che avise que papá non vai vir connosco, pero iso xa o supoñerías antes, cando che dixen que non volvera.
Eu estou desexando ir. Quero ir para verte e falar contigo, pero tamén para volver ver Galicia. Catro anos sen vela... Xa case nin a acordo! Antes tíñate a ti, que non parabas de falarme da casa e das túas trasnadas de cando eras novo. Aínda que diso non fai tanto! Só me levas dez anos (e medio) e xa falas coma un vello que recorda a xuventude coma un tesouro perdido. Que só tes 26 anos!!!
E sabes que? Xa lin os novos de Patrick Rothfuss e de Carlos Ruiz Zafón: ‘El Temor De Un Hombre Sabio’ e ‘El Prisionero Del Cielo’. Creo que esta vez che gañei! Se non os tes, eu vounos levar e non me importa deixarchos (xa sei que prefires as edicións en galego, pero desde aquí éme imposible). E, se podes, encárgame un par de libros de poesía galega nunha libraría da zona (os que ti queiras, sempre me gustan). GRAZAS!
Antes de que se me esqueza: sorte na entrevista de hoxe! Espero que leas isto antes de saír, pero coñecéndote seguramente saias dúas horas antes do necesario... Xa me contarás que tal che foi!
Teño que deixar de escribir, que xa logo me comeza a clase. Espero verte pronto e poder contarche un lote de cousas que non me gusta escribir por correo.
Desesperadamente, túa sobriña
SABELA ”


Carlos leu e releu o correo que lle chegara ao ordenador aquela mañá. Tal e como Sabela sospeitara, saíra da casa antes de ler aquela mensaxe, que databa das 9:12. Se o tivera lido antes, agora podería seguir sen traballo, pois non tería sido capaz de traizoar á súa sobriña tras ler as súas palabras.
Pero pronto deixou de pensar niso. Súa irmá, Beatriz, comentáralle o do seu home, e a el preocupáballe que Sabela seguise sen saber nada... Pero el non era quen para decidir sobre iso.
Notábase que Sabela intentara chamar a intención sobre a sorpresa que gardaba para seu tío, pero era o último no que el pensaba mentres preparaba os papeis para o seu primeiro día de traballo. Intentou esquecer o negativo. Ao día seguinte iría a encargarlle os libros para Sabela ao saír do traballo. Ademais, polo menos, xa sabía que regalarlle a Sabela!

Moi lonxe, a dous mil quilómetros de alí, unha muller chora mentres nas súas mans sostén unha foto que retrata a unha feliz parella cunha nena pequena no colo del. Ao sentir unha porta abrirse seca as bágoas e garda a foto. A nena de antes entra, xa feita unha moza. A muller adícalle un sorriso conciliador mentres a rapaza a mira con cara de estrañeza.

Laura García Devesa (4º ESO)

Ningún comentario:

Publicar un comentario