domingo, 11 de decembro de 2011

Hora de comezar por Laura García Devesa


Aínda só se comezaba a albiscar unha raíña de luz sobre un mar calmo que quería amencer gris cando Carlos xa estaba erguido e envolto nas súas mellores galas disposto a comerse o mundo enteiro dun só bocado. Isto sería porque aínda non almorzara, pero tiña a cociña e o peto baleiros, e esta era a primeira oportunidade que tiña de cambiar a súa situación dende a súa chegada a Galicia.
A oferta non era máis que un traballo de oficina polo que gañaría unha miseria e traballaría máis horas das que ten o día enterrado entre papeis e sentado nunha cadeira que ben podería estar feita de pedra. Pero Carlos o único que quería era conseguir un traballo antes da chegada do Nadal para poder ter aínda que só fose un pequeno detalle para a súa sobriña Sabela. Perdería todos os cartos pero nunca faltaría á súa palabra, isto era unha das poucas cousas que naquel momento tiña claras, e non a pensaba ignorar.

Como se levantara moi cedo tivo un longo anaco que esperar ata que o reloxo marcara ás nove. Ao final, canso de esperar, saíu máis de media hora antes do pensado. Chegou á Coruña cando apenas deran as nove pero, tal como esperaba, atopar o lugar levoulle case tanto tempo como a viaxe pola autoestrada.
Aínda así, podes parecer un pouco adiantado, e con isto quero dicir desesperado, se te presentas ás nove e media cando estás citado para ás once. Carlos pensara que chegando cedo daría boa impresión, pero ao chegar alí deuse de conta de que había unha fina liña entre chegar cedo e quedar ben, e chegar hora e media antes e parecer un pobre desesperado sen nada máis que facer, e non lle conviña cruzala xunto coa entrada do edificio.
Con esta decepción cravada na súa cabeza, pensou na posibilidade de esperar na cafetaría do lado, pero volveuno a pensar despois de mirar o contido da súa carteira, e decidiu que sería mellor comezar a coller confianza coa xente dos arredores cando tivese o traballo. Non quería coñecer a esas encantadoras persoas e que a decepción de non volver a velas se puidese sumar á de non ter traballo (e á de ter gastado alí os poucos cartos que lle quedaban) no caso de ser rexeitado. E como o feito de estar sen traballo xa lle pareceu o suficientemente decepcionante, decidiu quedar no coche e rematar de ordenar os papeis mentres oía a música da radio sen escoitala, alleo a todo aquilo e pensando só no que diría durante a entrevista de traballo que probablemente decidiría moito sobre o seu futuro.

O home de gran bigote e compostura que o miraba desde o outro lado da mesa escoitou co rostro inexpresivo o discurso que Carlos levaba preparado de memoria. Carlos, que por dentro tiña os nervios tan tensos que bastaría cun roce para rompelos, finxía tranquilidade e formalidade, e repetía as palabras coma un robot preparado para conseguir o traballo que máis odiaba.
Mentres falaba, só podía pensar en Sabela, que sempre o animara a seguir os seus soños. Por ela estudara Literatura Galega e non Dereito, pero agora todo aquilo servíalle só para falar diante de persoas ataviadas coma pingüíns e soltarlles charlas mecánicas coma aquela. “Síntoo... Decepcioneite.. Síntoo...”, era o único que se escoitaba na súa cabeza mentres os seus beizos se movían e a súa garganta profería uns sons que lle resultaban incribles.

-Señor Romero, o que vostede me dixo podía eu lelo nos informes que me entregou –dixo o home do outro lado da mesa, cravando mil agullas no peito de Carlos, cando este calou sinalando a finalización do seu discurso-. Agora dígame, e sexa sincero: por que quere vostede traballar aquí?
-Porque, aínda que pareza un traballo simple, poderíame abrir ás portas a...
-Sinceridade, Romero- cortou o empresario-.
A Carlos custoulle apagar a maquinaria e pensar por si mesmo.
-Pois.. Supoño que estou aquí porque... –unha gota de suor esvarou pola súa cara- Porque, para min é hora de comezar.
-Comezar?
-Si. Comezar a vivir na realidade. Comezar a esquecer os soños imposibles. Comezar a entender que a vida non é como eu quero. Comezar a darme de conta de que debo defraudar a algúns dos meus seres queridos e a min mesmo para seguir adiante. Hora de comezar a... Vivir.
O pingüín con bigote quedou mirándoo un anaco antes de responder:
-Parabéns, Romero. O posto é seu.

Carlos, pese a ser aceptado, saíu da oficina máis apesarado do que pensou que estaría se lle negaban o posto, pois o que confesara alí dentro non só fora unha revelación para o seu novo xefe: tamén o fora para el e, nalgún momento, Sabela daríase de conta de que o seu tío a defraudara.

Laura García Devesa
4º ESO

Ningún comentario:

Publicar un comentario