sábado, 16 de novembro de 2013

A noite de Halloween por Silvia Oliveira Santamaría (3º A)

Había unha vez,hai moitos anos en Irlanda,unha familia que foi asasinada polo fillo máis pequeno,Filip.
Resulta  que había unha familia moi feliz,os Manrew,que habitaba nunha mansión preciosa no medio da cidade. Destacaba entre todas as demais xa que o tamaño e a cor eran incomparables ás demais vivendas da rúa.
Conork Manrew,o pai de 39 anos,tiña dúas fillas e dous fillos. Lara Manrew de 10 anos, Alice Manrew de 15 anos,Paul Manrew de 16 anos e Filip Manrew de tan só 6 anos. A súa muller,Michelle Manrew,de apelido real Dilan,tiña 36 anos.
Era unha familia rica e feliz a pesar das típicas desputas familiares que sempre acababan arranxando. Celebraban todas as festas alegremente deixando que os seus fillos trouxeran aos seus amigos a cear e pasar a noite.
Sempre o pasaban ben até que en Halloween de 1972, ocorreu algo imposible de imaxinar que ninguén se esperaba que pasara.
O fillo menor, Filip, estaba raro,coma agresivo ata cos demais nenos. A nai non comprendía o comportamento do seu fillo, sempre fora o que mellor se portaba, e aquel día parecía ser outro distinto. Conork e Michelle falaron sobre o tema e decidiron non darlle importancia, pois supuxeron que sería un pequeno enfado que se lle pasaría á  noite á hora de disfrazarse e ir buscar caramelos á casa doutros veciños. Pero non foi así. O neno seguía con carácter agresivo e non semellaba un pequeno enfado, senón que aparentaba estar posuído. Filip acompañou aos demais nenos polas casas sen dirixir a palabra pero con aquela mirada de asasino que che producía calafríos ao vela.
Cando volveron todos á casa,a nai preguntoulle a Filip que lle pasaba, mais el nin a mirou e dirixiuse cara á habitación. Nin sequera falou cos amigos aos que invitara a durmir esa noite. Simplemente foise deitar. Conork calmou a Michelle intuíndo que á mañá seguinte todo seguiría coma sempre. Finalizou dicindo que o pequeno Filip só tivera un mal día. Pero o que Conork non sabía, era que ningún dos Manrew que habitaban nesa casa terían mañá seguinte.
Todos se foron deitar coa tranquilidade de que Filip ao día seguinte estaría mellor,coma o doce e educado neno que sempre fora. Pero estaban equivocados. O neno agardou a que todos durmisen para levantarse sixilosamente e ir por un coitelo á cociña. Comezou por Michelle e Conork ata rematar por Paul. Foi matando un a un a todos os  membros da súa familia deixando aos invitados intactos. Tan pronto rematou lavou o coitelo, secouno e enterrouno no xardín baixo unha das árbores que había.
De seguido foise deitar á cama e quedou durmido tan pronto como pechou os ollos.
Á mañá seguinte, Filip espertou a canda os outros nenos,que tan pronto viron o sague no corredor comezaron a alporizarse e a poñerse nerviosos. Os maiores chamaron a todos os pais dos nenos para que viñeran por eles canto antes. Tamén chamaron a policía e a ambulancia. Non comprendían o sucedido,era todo moi estraño. Cada pai levou ao seu fillo para casa para tratar de tranquilizalos mentres que a Filip o levaron a un orfanato.
Ninguén dou nunca co asasino,e moito menos sospeitaron do pequeno Filip que nin sequera lle dirixiu a palabra aos axentes que o levaron ao orfanato.
A partir dese día,cada Halloween cunde o pánico na cidade co medo de que volva suceder tal desgraza. Mais a mansion dos Manrew nunca máis foi habitada,xa que se dicía que cada noite se escoitaban as voces e se vían os espíritos dos Manrew merodeando por ela.

Hai que saber cando deixar de insistir por Yolanda Rama Cousillas (2º B)

Ana, Marta e Paula eran amigas desde sempre. Tiñan todas 15 anos e vivían practicamente ao lado unhas das outras.
Un día mentres estaban todas na casa de Marta, Ana encontrou algo en internet : parecía ser que aquela casa abandonada situada no monte, que tanto medo lles daba ás rapazas fora o escenario de catro mortes.
Dicían os maiores da aldea que alí morrera toda unha familia , e que se pensaba  que o asasino fora o fantasma da nena maior da familia, que desaparecera misteriosamente  días antes , e que supostamente a mataran os seus irmáns tirándoa ao pozo que había no xardín.
Paula era a mais curiosa , así que rapidamente se lle ocorreu a idea de ir a explorar a casa. As outras duas rapazas opuxéronse , pero tiveron que resignarse a ir ante a insistencia da súa amiga, así que, ao dia seguinte, ao atardecer colleron as súas mochilas e marcharon cara o monte. Andaron e andaron e por fin chegaron á casa. Nada máis arrimarse xa había unha reixa cun cartel que poñía "Non pasar. Perigo." Todas se asustaron pero aínda así, ante a insitencia de Paula, non tiveron outro remedio que saltar a reixa. Ao entrar, o primeiro que se vía era o enorme xardín cun cabaz , unha lareira e un pozo. Ao ver o pozo, Paula decidiu acercarse a el. Estaba taponado! Todas se aliviaron menos ela, que decidiu que non ía marchar antes de ver que era o que había dentro dese pozo. Colleu a pedra máis afiada que encontrou e empezou a picar nas táboas ata que conseguiu rompelas. Ana e Marta estaban moi nerviosas e non paraban de repetirlle a Paula que querían marchar, e que o deixase, pero non, ela seguiu insistindo. Cando Paula se acercou ao pozo viu que só era iso, un pozo e empezou a dicir que aquela historia era un conto, que as súas amigas eran unhas medosas e que os fantasmas non existían. Foron as suas últimas palabras antes de que un brazo esqueletico do que parecia ser unha nena pequena  arrastrara as súas amigas ao pozo.
Paula saiu correndo e saltou a reixa cunha velocidade case irreal.

Non pasou moito tempo entre  que Paula avisara aos seus pais do que pasara e que  os pais de Marta , de Ana e de Paula estiveran reunidos ao lado do pozo.Debían de ser as 6 da mañá cando chegaron todos e o que alí se vía era totalmente macabro.Estaban alí , dous corpos secos tirados no chan e escrito con sangue nunha parede poñía "Hai que saber cando deixar de insistir ".

O año endiañado por Álex López Souto (2º A)


Contoume o meu pai que o meu bisavó, que en paz descanse, pois eu, non tiven oportunidade de coñecelo, era un home moi fachendoso.Ben, pois o caso é que viña el unha vez do mar para a casa, e nuns herbais atopou un año só, tal e como se estivera abandonado. Eran tempos máis difíciles que os que corren. Sen pensalo dúas veces, colleuno polas patas dianteiras e botouno ás costas, e cargou co animal polo camiño que era moi costento. Non as tiña todas xa consigo.

-Abofé que, a cada paso pésasme máis, recoiro.

Dicía el co seu xenio, e de feito non lle faltaba razón ningunha. O cabrito,ou o que fose, soltou unha risada desas de mal gusto.

O paisano, que xa ía moi canso co maldito becho ás costas, empezouse a cabrear e a cagarse en cantos hai.

-Condenado becho, ou eu son parvo, ou pésasme máis, recoiro. E a non ser que engordes polo camiño, non vexo como pesas tanto.

Xa non podía case andar do canso que ía cando se parou e dixo con voz afónica:

-Meu deus, pesas un demo,condenado becho!

Nun intre o cabrito botoulle unha mexada por el abaixo que o deixou feito un pito, ao mesmo tempo que lle facía burla ríndose coa lingua fóra mentres o bisavó, abraiado, afastouse del e dixo moi enfadado:

-Tiñas que ser ti, oh, demo, tiñas que ser.


E así foi como o meu bisavó Manuel, que así se chamaba, cargou coa burla do mesmo diaño, que se lle aparecera como cabrito. Nada menos ca iso.           

mércores, 13 de novembro de 2013

A casa abandonada por Iván Mira Varela (1º ESO)

Érase unha vez un neno chamado Xosé que quería ir visitar unha casa abandonada. Pero non a quería ir visitar un día calquera, senón que quería ir visitala o día de Halloween.

Cando ese día chegou o neno foi entusiasmado cara a casa. Non quería esperar máis e quería ir só. Entrou naquela casa e había de todo menos cousas normais.

Había sabas polo chan, pistolas moi raras, ordenadores enormes...Cando se dispuxo a subir escoitou un ruído na parte de arriba, pero el seguiu sen medo. Observou o piso medio, indo a todas a salas que alí había pero todo estaba baleiro. Dispúxose a subir de todo e volveu a sentir o ruído coma se houbese alguén máis na casa ca el, e sen pensalo dúas veces ascendeu para ver o que era.

Cando chegou arriba de todo, había dous homes con escopetas apuntando cara el. O neno quixo correr para abaixo pero non puido saír da casa.

Ata agora non se sabe nada del.

Iván Mira Varela (1º ESO)

A serea do Montebranco por Adrián Bermúdez Varela (3º ESO)

Conta unha lenda non tan antiga, nunha noite de febreiro, a unhas millas da Tiñosa, nunha lancha onde entraba auga e saía libremente, estaban dous pescadores, tentando pescar os poucos muxos que había para deter a fame na súa familia.

Pasaron as eternas horas, e a noite converteuse en mañá cos raios do sol a punto de saír e os pobres pescadores, mortos de sono só tiñan dous muxos e unha robaliza.

Xa era hora de levar áncoras e volver para casa, onde lles quedaba moito por facer. Pero decidiron botar as redes unha vez máis ao mar. Pasaron uns minutos e empezaron a tirar da rede, cando, de repente ¡ZASH! A rede empeza a tirar cunha forza sobrehumana, tanto que a barca empeza a coller velocidade. Os pescadores tiraban e tiraban pensando que esta vez levaron o bote.

De tanto tirar conseguiron levar a rede á superficie e, viron como dentro da rede había un ser mariño con metade do corpo humano e metade peixe, cunha cara embaucadora e uns cabelos louros que brillaban a canda os cálidos raios do sol que acababan de saír de entre as montañas.

Os pescadores quedaron aparvados ollando cara o ser que daba voltas na rede en busca dunha saída. A criatura mira para eles, e estes recuperan o sentido. 

Aterrados polo que están vendo, os pescadores cren que é o demo, así que como única arma colleron os remos e achegáronse á criatura. Esta, vendo o que ía a acontecer, abriu as súas fauces e tentando falar o seu idioma dixo:

“¡Por favor, non me matedes! Que de min nesta ría un pelo ha de quedar, que de sete en sete anos unha persoa ha de afogar.”

Os pescadores, ignorando o que dicía, aporrearon sen piedade a criatura cos remos. Os berros da criatura espertaron a todos os lugareños da costa.

Cando viron que a criatura non se movía, cortaron as redes e lanzárona ao mar e voltaron para casa. Pero nunca chegaron.

Non se sabe se esta lenda é lenda ou realidade pero de feito, cada uns cantos anos unha persoa sempre afoga.

Adrián Bermúdez Varela (3º A)

martes, 12 de novembro de 2013

Unha noite de verdadeiro medo por Kendra Varela Figueiras (2º B)

Non sei como chegamos a esta situación, pero isto non pintaba nada ben, isto pásanos por meter os narices onde non nos chaman.
Todo comezara a noite anterior á do Día de Defuntos. Xoán, Miguel, Sara e eu estabamos a facer os plans para a noite do día seguinte,cando, de súpeto, chegou Raúl, e entrou pola porta cun estraño libro na man .
O libro era de cor marrón e notábase que era antigo.
-Raúl! Xa pensabamos que non ías vir – dixo Sara algo molesta -.
-Perdoa, é que estaba na casa e subín ao trasteiro a por unhas cousas para a miña nai e encontreime con este estraño libro.
-E de que trata?- preguntou Miguel con curiosidade-.
-É un libro de maxia- respondeu Raúl-.
-Ha, ha, ha, non me fagas rir- dixo Xoán,quen sempre pasaba de todo -.Esas cousas non son certas,son tan só caralladas para meterlle medo aos cativos.
-Pois eu creo que funciona.
-Boh,non digas parvadas! Xa es maiorciño pra crer nesas cousas.
-Pois mañá na noite de defuntos probamos, xa verás como funciona!
-Trato feito, xa estou impaciente por verte mañá facendo o ridículo.
-Por favor, rapaces, parade de pelexar!-gritou Sara-.
-Sara ten razón -dixen eu- parecedes rapaces pequenos.
-Bueh, eu teño que marchar vémonos mañá á noite.
-De acordo, Xoán. Quedamos ás doce da noite na igrexa abandonada que hai ás aforas.
-Vale, vémonos mañá entón.
-Nós tamén marchamos. Abur!
-Chao!
 A noite de defuntos chegou rapidamente.
Eu marchei da casa ás once e media para non chegar tarde.Os meus amigos xa estaban alí, e no medio da igrexa había unha pintada xigantesca.
-A ver, empeza xa a facer ``maxia´´ que me quero rir un cacho.
-De acordo, comezarei, pero non creo que te rías despois.
Raúl comezou a ler un texto noutro idioma, e de repente, do medio do círculo que había no chan da igrexa empezou a aparecer un fume e apareceu un ser estraño que viña cara nós.
Nos asustámonos e empezamos a berrar.
Todo pasou moi rápido, os meus amigos e eu escondémonos nun armario que había alí. O ser púxose en fronte do armario, parado, buscándonos coa mirada, nós oïamos a súa respiración e rezabamos para que non nos oíse. De repente, démonos conta de que Raúl non estaba alí.
Abrimos un pouco a porta do armario e vimos que Raúl estaba emborronando a pintada do chan, e cando a pintada quedou destrozada, aquel estraño ser desapareceu pegando un berro. Saímos do armario e fomos xunto de Raúl, abrazámolo,queimamos o libro e marchamos para a casa.
Non pensabamos que pasaría algo así,pero desde logo, ninguén se riu ese día.

domingo, 10 de novembro de 2013

A manada por Diego Moreira Souto (2º B)

Xacobe cando era novo, traballaba na mina de Volframio de Barilongo en Santa Comba.

El e máis o seu amigo Quintín tiñan que atravesar o monte de Pico de Meda sempre de noite pecha, tanto ao amencer cando ían, como á noite cando viñan.

Un día, cando volvían da mina, xa ben entrada a noite, escoitaron ouvear os lobos na cima do monte e seica agarraron algo de medo. Entón, decidiron que ao día seguinte levarían a escopeta, por se os lobos tentaban atacalos.

Á noite seguinte, cando volvían os dous falando da mina, á mesma hora do día anterior, volveron
escoitar os ouveos pero moito máis cerca, así que, prepararon as escopetas. Entón, do medio das
árbores saíu unha manada de lobos!

Un deles era máis grande ca os demais e tiña unha pel de cor moi negra e uns ollos azuis que
reflectían no medio da escuridade, e regañaba os dentes amosándolles uns cairos que metían medo.

— Xacobe! Ti cres que nos van atacar?

— Non o sei, Quintín, pero o mellor vai ser que lles disparemos para que collan medo.

De modo que, Xacobe e o seu amigo disparáronlles e mataron aquel lobo negro. Os outros lobos
desapareceron e eles seguiron camiño da casa levando o lobo con eles para amosárllelo aos veciños.

Mais ao día seguinte pola noite, os lobos volveron ouvear, pero esta vez estaban moi preto e
Quintín e Xacobe prepararon as escopetas, pero … , só se vían sombras que se esvaecían na negra
escuridade!

Así fixeron todo o camiño ata a casa, disparando de vez en cando pero sen matar ningún lobo.
Os ouveos seguiron toda a noite ás portas das casas do lugar, ata o amencer. Pola mañá os veciños
decidiron facer unha batida polo monte pero non atoparon ningún lobo, ninguén entendía nada!

Á noite volveron os lobos ao lugar, pero non satisfeitos con ouvear ás portas das casas, algúns
subíronse aos tellados. Os ouveos soaban como se estiveran dentro das casas e algúns veciños
pensando que lles entraran os lobos na casa, saíron para fóra arrepiados co medo e nunca máis se
volveu saber deles.

Ao amencer volveron cesar os ouveos e os veciños, tremendo co medo, e sen saber que facer,
reuníronse na praza. Algúns querían subir ao monte polo día e matalos, pero outros pensaban que
eran espíritos e contra iso non se podía facer nada. De súpeto, unha vella do lugar, á que todos lle
tiñan moito respecto, pois dicían que era unha meiga, díxolles:

— Veñen buscar o seu xefe!— todos ficaron ollando para ela.

— Levade o lobo que matastes ao monte, e deitade o corpo nunha cama de fieitos onde lle dea a luz
da lúa — díxolles a Xacobe e a Quintín.

Entón eles fixeron o que a vella lles dixo, mentres os demais se preparaban para pasar outra noite de
medo.

Aquela noite, brillou unha abraiante lúa chea!. E volvéronse a oír os ouveos pero xa fóra do lugar, no
medio do monte, onde deixaran o lobo morto.

 Os lobos rendíanlle e derradeira homenaxe a quen fora o seu xefe!

Ao saír o sol remataron os ouveos e os veciños non viron nunca máis a manada. Aínda que … nas
noites de lúa chea, óense os seus ouveos, e algúns afirman que ao feitizo da luz da lúa pódese ver a
manada, co seu xefe de ollos azuis escintilantes á cabeza.

Diego Moreira Souto (2º B)