mércores, 11 de xaneiro de 2012

CERTAME DE POESÍA SOBRE OS FAROS DA COSTA DA MORTE


O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) convoca o “Certame de Poesía sobre os Faros da Costa da Morte” para poñer en valor a riqueza paisaxística e turística que teñen estes sinais luminosos da nosa costa, e máis concretamente da Costa da Morte, é dicir aquela que abrangue dende as illas Sisargas ata o Monte Louro. A razón da escolla dun certame de poesía é a de continuar o labor de grandes escritores galegos que se viron inspirados nestes senlleiros edificios, como foi o caso de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Antón Zapata García ou Miro Villar.
A realización deste certame ten lugar grazas ao Proxecto Singular “Percorrendo Vieiros da Costa da Morte” aprobado pola Deputación da Coruña.

As bases polas que se rexerá o Certame son as seguintes:

1. Establécense tres categorías: na primeira poderán participar os nenos e nenas que teñan ata 12 anos; a segunda vai dirixida a rapaces de entre 13 e 16 anos; e a terceira a todos aqueles autores maiores de 16 anos. A idade contémplase con data de 1 de xaneiro de 2011.
2. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega, e terán como temática os Faros da Costa da Morte (das Sisargas ao Monte Louro). Cada persoa poderá presentar os traballos que quixer.
3. Non é requisito imprescindible que cada traballo conste dun único poema, mais si que teñan no seu conxunto unha relación. Non hai límite na súa extensión (malia todo, recoméndase que non supere os 200 versos).
4. O SEMESCOM establece para este Certame tres premios en cada categoría, coa seguinte dotación económica: a) Para a 1ª categoría, un vale para mercar libros ou xogos cuxo importe é distribuído do seguinte xeito: 1º premio: 75 euros; 2º premio: 50 euros; 3º premio: 25 euros. b) Para a 2ª categoría, un vale para mercar libros ou xogos cuxo importe é distibuído do seguinte xeito:1º premio: 100 euros, 2º premio 75 euros e 3º premio 50 euros c) Para a 3ª categoría establécense as seguintes cantidades: 1º premio: 500 euros; 2º premio: 350 euros; 3º premio: 200 euros.
5. Os traballos enviaranse ao seguinte enderezo: Seminario de Estudos Comarcais, Rúa Vilar,12 2º esq. 15.129 VIMIANZO. De cada traballo entregaranse 3 (tres) copias mecanografadas, escritas por unha soa cara, e grampadas ou encadernadas. Deberanse presentar nun sobre sen remitente indicando: PARA O “CERTAME DE POESÍA SOBRE OS FAROS DA COSTA DA MORTE” e a categoría na que participa. Dentro, acompañando o traballo, debe figurar un sobre pechado no que conste: no exterior, o lema do autor (que figurará tamén na primeira folla do traballo); e no interior, o nome e apelidos do autor, o NIF, o enderezo, o número de teléfono e o correo electrónico.
6. O prazo de admisión de orixinais rematará o 30 de decembro de 2011.
7. O xurado estará composto por tres membros: Presidirao o presidente do SEMESCOM, ou persoa na que delegue, e dúas persoas máis de recoñecido presitixio no ámbito literario. A súa composición farase pública unha vez se peche o prazo de entrega dos orixinais.
8. Se o xurado estima que a calidade dos traballos así o require, pode declarar desertos un, dous ou os tres premios en calquera das categorías.
9. As deliberacións do xurado son secretas e delas estenderase acta correspondente. O xurado fará público o resultado a través dos medios de comunicación no día no que se falle o premio. Tamén se lles comunicará aos gañadores, quen se comprometerán a acudir a recibir o premio.
10. A concesión do premio non supoñerá a perda dos dereitos do autor do traballo. Non obstante, o SEMESCOM resérvase o dereito a publicar os traballos premiados.
11. Calquera incidencia non prevista nestas bases será resolta polo xurado.
12. O feito de participar supón a aceptación destas bases.

luns, 9 de xaneiro de 2012

Uxío Novoneyra

Para que coñezades a vida de Uxío Novoneyra e as imaxes da paisaxe courelá á que dedicou boa parte dos seus poemas, podedes ver a seguinte presentación.