martes, 17 de decembro de 2013

Xiana por Patricia Varela Rioboo (4º ESO)

Camiñaba lentamente arrastrando os pés pola dura terra, indiferente das pozas polas que pasaban provocando varias ondas. A súa man acariñaba as pólas das árbores co cariño co que se acaricia a un recén nacido. Chovía moito e o vento ameazaba con partir as pólas das árbores en calquera momento. Para el, todo iso lle era indiferente, limitouse a encollerse e camiñar polo escuro sendeiro á casa. Na súa mente repetía as palabras que lle dixera dous anos antes "non volvas, nunca vai ser normal". Recorda esas duras palabras do seu pai, do seu querido pai. En algo tiña razón, nunca sería normal, aquel mesmo día marchara coas poucas posesións que tiña da súa nai, ningún aldeán preguntou por el, Xoán esvaecerase da pequena aldea de Vigo. Diso había dous anos, Xoán era un cativo de dezaseis anos fillo dun labrador que tiña fama de ser na súa vida anterior, un gran marqués. Todo iso esvaecerase cando Xoán nacera, a ovella negra da familia, o pequeno que con tan só sete anos provocara un incendio na súa casa provocando a morte da súa irmá. Dende aquel día, Xoán levara una marca no brazo feita co lume que acabara coa vida da súa irmá. Unha pequena x que os aldeáns temían. Agora, con dezaoito anos, volverá á casa de onde o seu pai o botara, coa intención de cumprir o seu propósito. Nunha man, colgaba una longa espada, noutra unha pistola. Abre a porta da gran casa, todo está como o recordaba, salvo que nos retratos de familia o seu rostro esvaecerase, como por arte de maxia. Un arrepío percorre a súa espalda ao tocar o retrato da súa irmá Xiana. Non pode perdoarse, sempre a leva na súa mente. Ás veces óea falar, gritar axuda mentres a consomen as lapas. Pero o que ninguén sabe é que o causante do lume tamén fora o seu pai. No entanto, el fora o marcado para sempre. Por iso está na casa, para levar o seu pai onda Xiana, e se é necesario acompañalo, facerlle dicir quen foi o causante da súa morte. Sobe as escaleiras con présa, entra no cuarto do seu pai, pero o que ve fai que tira as armas e se quede mudo. Na cama, cos ollos abertos e cunha expresión de medo, atópase o corpo xa sen vida do seu pai. O brillo dos seus verdes ollos esvaecerase, tan só quedan as pupilas negras. Xoán achégase a el, non é tan maior para morrer por causas naturais, de pronto, oe berros da súa irmá, pero cada vez vanse facendo máis miúdos.

A que sabe a amizade? por Patricia Varela Rioboo (4º ESO)

A mel con azucre

A vento do leste

A cabelo de anxo

A ferida na man

A ferida doente

A arroumiño de avoa

A marmelo nos beizos

A bágoa descoidada

A vendaxe na dor

A Espera, homenaxe aos náufragos da vila de Laxe por Candela Martínez Castro

Xunto ao faro de Laxe, situado na punta Insua, tamén chamada punta do Boi, no Cabo Laxe encóntrase a figura dunha muller cun meniño en brazos avistando o horizonte en busca dalgún barco. Esta escultura "A Espera" mostra unha nai co seu fillo en brazos achegándose á costa na búsqueda dun barco que nunca volverá. Resiste ao paso do tempo da mesma maneira que as familias superan con forza a ausencia dos mariñeiros desaparecidos. "A Espera" foi colocada en Laxe no mes de maio do ano 2010, e dedicada aos 24 mariñeiros, percebeiros e pescadores da Costa da Morte que desapareceron no mar, hai xa vinte anos atrás. Faltan na casa e tampouco hai tumbas nas que chorar ou poñerlle flores. De todos os accidentes o do "Nuevo Nautilus", un barco de Laxe, foi un dos peores, xa que afectou a toda unha tripulación e non foi encontrado ningún corpo. Esta obra de Iria Rodríguez ten a idea de servir como referencia para todos os amigos e familiares dos afogados cuxos corpos non foron atopados. Malia que os naufraxios forman parte da historia da Costa da Morte, hai moi poucos monumentos que rememoren a estes homes desaparecidos no mar. A nai nova representada, pode ser centenares de mulleres que agardan ao longo da historia da Costa da Morte, aos seus homes, pais, irmáns ou fillos xa sen esperanza ningunha. Noutras ocasións como foi a do "Panchito", outro barco de Laxe, foi enterrado un tío e un sobriño, un fillo e un marido nun mesmo funeral. Esta figura está situada no faro de Laxe, non podemos esquecer o significado disto, xa que os faros teñen un símbolo marítimo de avistaxe da terra dende o mar, postos sempre en puntos ou zonas perigosas. Para min é un acto de boa bondade facerlle unha homenaxe a todas as persoas que non volveron nin volverán ver a súa xente e as súas familias. Candela Martínez Castro, 4ºESO A.

xoves, 12 de decembro de 2013

Mostras sonoras de linguas románicas

Portugués de Brasil coas canción infantís da Galinha Pintadinha Portugués de Portugal co grupo Deolinda Lingua Asturiana Cancións infantís en asturiano do grupo Xentiquina Debuxos animados El Faru d'Illán Catalán de Valencia, o grupo de música Antonia Font Grupo catalán, Manel Lingua Aragonesa Video dun mozo aragonés falando nesta lingua e explicando a súa historia Programa de ensino de fabla aragonesa Lingua Corsa Debuxos animados de Yakari en lingua corsa con subtítulos en francés

mércores, 11 de decembro de 2013

Viches a Rosalía de Castro?

Aínda coñecemos hai pouco a fermosa e sentida homenaxe que desde Irlanda do Norte lle fixeron á grande Rosalía co recitado bilingüe do poema Adiós ríos, adiós fontes. Desde a Escola de Educación Infantil de Lamas na Baña, baixo a dirección do seu mestre, o tamén músico Alonso Caxade, chéganos estoutra homenaxe feita polas crianzas titulada Viches a Rosalía de Castro? onde van incorporando versos de Rosalía namentres percorren diferentes lugares da súa escola. Este video resultou ser o 2º premio no concurso Imaxina Cantares! na categoría de Educación Infantil e Primaria. Este mestre sabe moito de música. Para ver que ben canta, déixovos aquí unha mostra da súa música que trae aires renovados á música galega

Videoconferencia Día da Ciencia en Galego de Jorge Mira

Podedes lembrar aquí a videoconferencia á que asististes o alumnado de 3º e 4º ESO o día 5 de novembro no salón de actos do cole para celebrar o Día da Ciencia en Galego e na que falou Jorge Mira sobre como mediron os gregos a Terra, a Lúa e o Sol.

IES Pazombies, unha curtametraxe sociolingüística

Aquí tedes esta curiosa e simpática curtametraxe que é unha parodia sobre a situación actual que vive a lingua galega nos centros de ensino da Galiza. Trátase dunha novidosa aproximación á realidade sociolingüística no ensino e que foi realizada integramente por alumnos de Bacharelato e da ESO. Habería moito que rascar sobre a clase de matemáticas que aparece na curta... pero polo menos dábase en galego e será fundamental para o desenlace final. Recollido do equiPAZO, o blogue do ENDL do IES Pazo da Mercé-As Neves

Nadal de Luíntra, panxoliña cantada por Guadi Galego

Este fermoso canto de reis foi interpretado na aula de 1º A nunha versión marabillosa coa voz doce e harmoniosa de Laura García Eiroa e Paula Canto Fuentes

martes, 10 de decembro de 2013

Eduardo Vazquez Espasandín, O " Jay Jay" polo seu bisneto Simón Collazo Lema

NADO: Rebordelo, Cesullas. Cabana de Bergantiños. 08.12.1909
                                                                         FINADO: Neaño, Cesullas. Cabana de Bergantiños. 25.11.2003

A pesar de aprender o oficio de carpinteiro co seu irmán, Eduardo Vázquez Espasandín foi un famoso músico popular desde A Coruña a Padrón, desde Cabana ata o Carballiño, etc. El tocaba o bombo pero quería ser gaiteiro. Iniciouse na música popular no grupo Os Jaiteiros de Neaño y Jay Jay. Con el tocaban Manuel do Bronllo, gaiteiro (cuñado da poetisa María Baña); Servando de Indalecio, gaiteiro; e Gabriel de Indalecio, tamborileiro. Tamén estivo pouco tempo n’Os Maravillas de Corme. Por último a grande etapa como músico pasouna n’Os enxebres de Neaño. O nome d’Os Enxebres foille suxerido polo crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. Un día, Eduardo preguntoulle a Saturnino como lle chamaría ó grupo. Cuíñas respondeulle: “Poñeraslle Os Enxebres”. Eduardo replicoulle: “¿Por que?”. O crego rematou a conversa dicindo: “Porque o enxebre, élo ti!”. Todo un amplo abano de músicos populares da Costa da Morte acompañou ó Jay Jay uns 80 anos. De Neaño, amais dos citados arriba: Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña), gaiteiro; e Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamboriño. De Corme: Calixto e Ramona dos Maravillas. De Laxe: José García Insua (Reboredo), gaiteiro. De Lamas (Zas): Manuel, coñecido como o Galo de San Clemente, gaiteiro. De Bamiro: José O Lambirote, gaiteiro e un cuñado seu, tamboriño. Da Campara: Alfredo Castro Fariña, gaiteiro ,e os seus irmáns José, tamboriño, e Ramón, gaita. De Cances: José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro. De Anllóns, Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro. De Iñaño, Serafín, gaiteiro. De Langueirón, Pepe de Langueirón, gaiteiro que aprendeu con Eduardo. De Pedracuca, Lelo do Gaiteiro, tamboriño. Así coma o gaiteiro de Reparada (Vimianzo). Os Enxebres convertéronse, polo tanto, nunha verdadeira universidade da música popular na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños. Alboradas, procesións… Gran parte de Galicia coñeceron as melodías d’Os Enxebres de Neaño. Na Coruña, Eduardo do Menucho (apodo) compartiu escenario con Marinita de la Peña e foi asiduo das festas de María Pita. Polo San Xoán de Carballo competían coas bandas de música de Gamallos. No Santiaguiño do Monte, en Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban enxebre. A Virxe da Barca, en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica…, souberon tamén das súas músicas. Pero de todas as romarías foi o San Fins do Castro a que contou coa súa presenza máis simbólica e interrompida dende os anos vinte do século pasado ata hoxe. Os Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres co Jay Jay ó bombo constitúen parte indispensable da historia desta romaxe, de igual maneira có Berro Seco ou O Santo da Pólvora. Como cantaba Eduardo Vázquez Espasandín botemos este agrú na súa memoria: “¡Viva la juventú! ¡E os vellos que non morran!”.

O Final por Paula Canto Fuentes (1ºA)

Corría o ano do 82 no colexio Rosalía de Castro, todo parecía ir coma sempre, ben e sen problemas ata que ocorreu o que ninguén espera. Todo comezou o día antes da excursión de fin de curso. A última clase do día uns rapaces cheos de ilusión esperaban impacientes a que tocase o timbre de marchar para a casa, especialmente Sara, una rapaza moi espabilada, curiosa e educada sempre activa e participativa. Ao cabo duns minutos, Sara xa estaba no transporte escolar que a levaría á casa a preparar as cousas para a viaxe, eran moitas, posto que a excursión tratábase dunha acampada, así que había que estar preparado. Ao día seguinte Sara ergueuse cedo para ver se todo estaba en orde e arranxarse, estarían alí tres días, una tempada que pasaría coas súas amigas desfrutando da bonita paisaxe e por suposto librándose de estudar. Despediuse de súa nai e marchou para a parada de bus que a levaría a escola para emprender a viaxe. Xa no patio do colexio comentaba coas amigas: Esta será a mellor viaxe da miña vida así que cando volva traereilles regalos á miña familia. -Eu tamén, xa que collín cartos por se acaso.- dixo María -Por certo, Carla, ves comigo no bus ?, se compartimos tenda poderemos compartir tamén asento digo eu .-preguntou Sara -Xenial, eu aínda non tiña parella ... – respondeu Carla. Por fin emprenderon a viaxe que Sara tanto ansiaba, para ela ía ser perfecta, pero, non todo sae sempre ben Dúas horas e corentea e nove minutos despois chegaron ao seu destino, as Illas Cíes, un lugar precioso onde acampar. Nada máis chegar cada dúas persoas montaban una tenda de campaña que eles mesmos truxeran da casa. -A primeira actividade que faremos será sendeirismo, de acordo ? .-dixo un dos profesores que estaba con eles. -Vale .-contestaron todos a coro. -A min esta actividade non me gusta moito. –dixo Raúl. Percorreron quilómetros e quilómetros ata que se empezou a facer de noite e todos voltaron camiñando de novo par o campamento. Nisto, cando, xa cansos chegaron ao campamento, as nubes cubriron o ceo e como non tiña boa pinta decidiron recoller. Cando comezou a chover os lóstregos e os tronos apoderábanse dos rapaces que mortos de medo corrían cara o barco que os levaría de volta a Vigo. Sara ía correndo todo o que podía máis atrásque os demais. De repente tropezou con ujnha póla e torceu un pé, intentouse erguer e conseguiuno , pero xa era demasiado tarde , o barco zarpara rápidamente porque a tormenta era cada vez máis intensa. Sara berrou con todas as súas forzas rezando porque alguén a escoitara. Que ía facer ela no medio do monte nunha illa solitaria ! Soa de noite e sen ninguén a quen acudir, Sara oíu un ruído extraño que proviña de detrás dela. Unha voz berraba o seu nome una e outra vez escoitaba aos lobos ouvear e o vento soprar moi forte. O medo apoderábase dela, comezou a oír uns pasos.Chas, chas , chas ! Víu sair luz dunha cova e a súa curiosidade impulsábaa a achegarse e observar o que había. Eran 100 ou 200 os seres extraños arrastraban un carro de madeira con moitas persoas ensangrentadas, sen parte da cara e con moitas feridas. -Quen es ti?.-preguntoulle una voz estremecedora que proviña de detrás dela. Sara lentamente virouse e de repente apareceu un máis deses seres que habitaban naquela cova. -Ahhhhhhhhhhhhhhh!.-gritou Sara Os zombis escoitaron ese berro e comezaron a perseguila polo monte, Sara non podía máis e … Sabemos que Sara comezou a formar parte desas persoas do carro víctimas Xa nunca máis volveu ver os seus país, non coñeceu nada máis a Sara acabáraselle a vida. Pero calquera persoa podería pasar polo mesmo, eses seres esperan o momento oportuno, a noite axeitada, nunca penses que estás a salvo que estás só, porque algún día virán a por ti.

Ardalén,banda deseñada de Miguel Anxo Prado

Sabela quere saber cousas do seu pai, e vai a unha vila onde tiña un amigo que fora con el no mar. Alí non é moi ben recibida polos veciños, sobre todo por Tomás, un vello arrogante. Pero Celia, a muller do bar, cáelle ben. Faille preguntas a Fidel, que supostamente fora ao mar co seu pai Francisco, pero os seus recordos son moi borrosos. Ademais a Fidel váiselle un pouco a cabeza e din que está un pouco tolo. Os veciños dinlle que Fidel nunca foi ao mar, e ela pensando que perde o tempo, decide marchar. No camiño asáltaa Tomás e empeza a agredila, pero aparece Fidel, e cheo de carraxe guinda a Tomás por un terraplén e morre.A Fidel ao non soportar a idea de que Sabela marche, vólvenlle á cabeza todos os recordos: cando morrera Francisco, que tiña un colgante con forma de estrela, que el mesmo tallaba golfiños na madeira, que estivera en Cuba… Cóntallo a Sabela, que se pon moi contenta e pode ver as baleas dos eucaliptos dos que Fidel sempre fala. Cando morre, déixalle todo a Sabela, quen por fin logrou entender os recordos de de Fidel. Mariña Lema Blanco 3º A

domingo, 8 de decembro de 2013

De catro a catro de Manuel Antonio

Para facerdes a lectura individual do poemario vangardista De catro a catro do poeta rianxeiro Manuel Antonio, tedes que premer nesta ligazón.
Neste traballo realizado polo profesor Manuel Castelao, podedes ler todos os poemas e mais a súa análise realizada por este investigador, ademais das anotacións do léxico. A minuciosa e completa análise do profesor Castelao atende a dedicatoria do libro. explica o título e o subtítulo e vai esmiuzando verso a verso cada poema para que consigamos entender o sentido e o que representa esta travesía marítima que nos propón Manuel Antonio, e que vai moito máis alá dunha simple singradura, senón que representa unha viaxe ao interior do ser humano.
Desfrutade da lectura do poemario, obra clave da Vangarda en Galiza e sen dúbida unha das obras máis singulares da nosa literatura contemporánea.



 

Manifesto Máis Alá

Manuel Antonio é o principal figura da vangarda galega. Era unha persoa moi comprometida e inconformista. Naceu en Rianxo en 1900 e morreu, enfermo de tuberculose, en 1930. Publicou só dúas obras: De catro a catro (1928) e o Manifesto Máil Alá! (1922).
Alvaro Cebreiro foi un debuxante galego nado na Coruña en 1903 e finado en novembro de 1956. Colaborou na revista "A nosa terra" facendo caricaturas e xunto con Manuel Antonio escribiu Máis Alá! O manifesto do que falaremos a continuación.
O tema do texto é o arredamento da tradición e do común, neste caso da literatura. Os autores renegan dos temas e estilos vellos, pero se establecer, ó mesmo tempo, un estilo e características propios, senón apoiando a decisión persoal e libre de cada autor ó escribir.
Defenderon unha propia e novidosa forma de expresión, e sobre todo apoiaron a xente a escribir en galego, a lingua do seu pobo. Decláranse monolingües e rexeitan calquera tipo de influencia do castelán.
E un texto individualista, cre na capacidade do ser humano de valerse por si mesmo.
A vos poética corresponde a un nós, principalmente por humildade, para non falar só por el. Tamén elimina o intimismo, característico das xeracións literarias anteriores. Por unha parte, emprega a primeira persoa do plural, para animar aos galegos a comprometerse e a participar utilizando un ton colectivo.
O texto está dividido en catro apartados. Cada un ten un título e un tema diferenciado dos outros. O primeiro titúlase "Nós", no que define a cada individuo como independe e explica o seu aburrimento polo monótono e pola rutina. Como vangardista nonquere semellarse a ninguén e pretende a innovación individual de cada un.
O seguinte apartado "A fala", no que define a lingua galega como a súa única lingua para expresarse e ist o é, para eles, unha das principais normas. Ve denigrante que a nosa fala pase a ser unha segunda opción e se substitúa polo castelán.
O tercerio paágrafo titúlase: "Desbotando", esta palabra xa indica que o autor rexeita algo ou intenta desfacerse del. A continuación fala de "renegar de mestres". Neste caso, os mestres son os antigos escritores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. O autor intenta explicar que os respecta e os admira como grandes impulsores da literatura galega, e por iso se refire a eles chmándolle mestres metafóricamente. Pero non segue o seu exemplo nin herde deles o estilo romántico, xa qure os vangardistas se caractérizan por ser totalmente antirománticos.Logo fai referencia ó nacionalismo, criticando, laiarse pola excravitude dos galegos se facer nada para remedialo. Que Galicia sexa un pobo loitado e rebelde, e presenta unha futura República Galega, na que si poderán sentirse orgullosos da bandeira.
O último parágrafo chamado "Individualismo", defende o punto de vista da autosuficiencia como ben indica no título. No que cada persoa se move en función dos seus obxectivos e desexos propios.
Ao longo do texto hai unha serie de referencias que cómpre destacar e analizar:
"Cansos de percorrer camiños vellos e fracasados, temos renegado de todos eles" Aquí refírese aos antigos temas obrigatorios, que eran; o costumismo, a literatura cívica e o intimismo. Fala deles como "camiños vellos" e intenta afastarse dando un cambio radical.
"A novidade que enxerguemos é só un arredamento, un ceibamento do pasado..." Escribe "Novidade" en maiúscula, dándolle unha especial énfase e importancia, e ésta, que vén ó lonxe é só un afastamento e unha maneira de liberarse desa monotonía literaria. Pero non quere dicir que o camiño xa estea escrito nin que o resultado xa sea claro.
"Comezamos pola máis agresiva intransixencia na fala" son totalmente intolerables as influencias e a mesma lingua castlá e queren ceibarse dela xa que non pensa remplazala polo galego.
"O pranto e a elixía fixeron coidar aos alleos que somos un pobo de mulleres"Con pranto e elexía falan dos choros e a maneira de apenarse polo falecidos na poesía. Pon de exmplo as mulleres, aínda que se refería especialmente a Rosalía, pola fama que tiña de chorona, a pesar de que as súas obras fosen moi críticas. Non queren dar esta imaxe de "choróns" nin de tristeiros, senón de loitadores.
"Gardaremos os nosos cantos patrióticos para o dñia en que deamos ao vento a súa bandeira e non poidan ser testemuños da covardía e da amnsedume" Deixarán as celebracións e o orgullo pola nación para cando demostren que son un pobo inedependente e non, pola contra submisos e covardes, con medo a defender o lugar no que viven. Por iso este texto é moi nacionalista e presenta en moitas ocacións o desexo de afastarse da lingua e cultura castelá, que vén como unha ameaza.
En definitiva, con este texto intentaba difundir as ideas vangardistas que defendían os autores, e dar a coñecer un novo pensamento, xa vixente en toda Europa, aos galegos. Animando as novas xeracións a rexeitar calquera tipo de titorización e a escapar do corrente, do que xa está moi visto para comezar a innovar e expresarse libremente mediante a literatura, escribindo sobre calquera tema que nos guste.

Alicia Caamaño

A historia do Apalpador

É un home grande, groso,barbudo e chega nas noites de Nadal e Fin de Ano. Pero non é Santa Claus ou Papa Noel. Tampouco ten nada que ver cos Reis Magos. Ainda que todos eles comparten un fin común: alegrar os máis pequenos da casa, o Apalpador é unha figura mítica das montañas do oriente galego do Courel.
O Apalpador, tamén chamado Pandigueiro na Terra de Trives, unha das zonas do leste de Galicia, vive na montaña, dedicado a facer carbón. É un xigante que usa boina,unha chaqueta vella e remendada e fuma pipa. Esa é máis ou menos a imaxe que teñen del os máis vellos das comarcas do Cebreiro, do Courel, Lóuzara e incluso Os Ancares, que recordan as historias que lles contaban os seus avós.
E que esta figura mítica do Nadal galego comparte certa familiaridade co Papá Noel  europeo. Segundo a tradición o Apalpador baixaba aos vales para “palpar”a barriga dos máis pequenos e para deixarlles castañas aos que estiveran moi fraquiños
Outra das conclusións ás que chegaron as asociacións que recuperaron esta figura é que non hai un dia exacto para as saídas do Apalpador o 24, 28 ou o 31 de decembro e mesmo durante o Entroido.
Nalgúns lugares o mito desapareceu e o Apalpador converteuse no “home do saco”. Só se mesturou coa tradición dos Reis Magos, que deixaban carbón aos nenos que se portaban mal durante o ano. Confúndese coa figura do Apalpador, que é un carboeiro.
Paula Gonzalez Castro e Jimena Lema Collazo      1ºA ESO
APALPADOR

Podedes ver aquí un video no que se ve o Apalpador pasea polas rúas de Compostela repartindo castañas aos máis cativos Nestoutro video, podedes escoitar de primeira man a historia dos nosos maiores falando das súas lembranzas de cativos falando do Apalpador e mesmo podedes escoitar a marabillosa voz de Xabier Díaz cantando unha cantiga tradicional do Courel que os vellos lles cantaban aos nenos

Que vai supoñer a LOMCE para a lingua galega?

Os megatoxos e os templarios da luz de Anxo Fariña

Os megatoxos son catro mozos que teñen unha mutación xenética por culpa dun toxo. O toxo ten a capacidade de viaxar no espazo e no tempo. Os catro mozos son: Faísca Malvar. Ten o poder do lume; Lúa Serea. Ten o poder de elaborar conxuros máxicos; Ninfa Carballa. Ten o poder de utilizar a forza da natureza; Ruxe Ferreiro. Ten o poder de converterse en animais e outros seres. Tamén hai dous xemelgos, Exeria Saint-Michel e o seu irmán Ezbel Saint-Michel que lles axudaran aos megatoxos. Os megatoxos ían a unha excursión a neve aos Perineos a esquiar. Cando Ninfa se meteu nunha competición de snowboard e tería que competir contra Ezbel, Ninfa sentiu a presenza do toxo, e meteuse no bosque. Ezbel seguiuna e Ninfa encontrou o Toxo e escoitou como chamaban por Ezbel e máis por ela. Os seus compañeiros detectaron que pasaba algo xa que nin Ninfa nin Ezbel aparecían e dado que Ruxe se transformara, era pola presenza do Toxo. Lúa, Faísca e Ruxe saíron a buscar a Ninfa. Cando a atoparon, estaba tirada no chan. Atoparon unha casa e foron petar a porta. Cando unha muller lles abriu eles preguntáronlle en que ano estaban e contestoulles que estaban no ano 1885.A muller chamábase Flavia, díxolles que tiñan que ir a París se querían volver para a súa casa e así o fixeron. Cando se atopaban es París o fillo de Burela e Flavia atopábase dentro dun monstro xunto con Ninfa. Gustoume moito, porque é entretido e de aventura. Paula González Castro. (1ºA)

Novo número da revista Ollos de aula da Coordinadora Galega de EDLG

mércores, 4 de decembro de 2013

Entrevista a Javier Gómez Noya no CEIP de Campolongo

Aquí vos deixo unha entrevista de Javier Gómez Noya, o noso tres veces campión do mundo de triatlón do que xa falamos nas clases de 2º ESO. Tedes a oportunidade de escoitar a entrevista que lle fixeron no CEIP de Campolongo onde a rapazada tivo a oportunidade de desfrutar da súa visita e de poder facerlles preguntas sobre a súa traxectoria profesional e mesmo sobre a súa relación coa nosa lingua, Desfrutade da entrevista!! Grazas ao seu profesor Nito Ferreiro que nos deixou a entrevista publicada no seu blogue.

martes, 3 de decembro de 2013

Quen di que as vacacións son divertidas? por Adrián Abuín (4º ESO)

Iamos no coche, de camiño a Dinamarca, onde iamos pasar parte do verán. O noso destino era unha pequena aldea, cerca dunha vila, para poder así afastarnos un tempo da cidade. Estabamos impacientes por ver como sería a casa. Por fin chegaramos. -A verdade, esperábame algo máis –dixen eu, en canto vin a casa. -Si, eu tamén contaba con algo mellor –contestou miña nai. Entramos. Por fóra, a casa era vella, de madeira, parecía que tivese máis de cen anos. Por dentro, era aínda peor. O chan apenas sostiña o noso peso, todo estaba húmido, había manchas nas paredes… Cada un foi á súa respectiva habitación, para comprobar o seu estado. Máis do mesmo. Toda a casa parecía que ía a derrubarse en calquera momento. Só o teito e as súas vigas transmitían seguridade, razón pola cal decidimos quedar, a pesar do estado xeral da casa. Entre a viaxe, colocar as cousas nas habitacións e mirar algo polo arredor, xa era noite. Ceamos pouco, pois queriamos ir durmir e, ademais, estabamos algo mareados. Mais non fun capaz de pegar ollo. Parecía que houbese algo ou alguén máis naquela casa e, cando por fin quedaba durmido, tiña terribles pesadelos e espertaba cheo de suor. Á mañá seguinte comprobei que non fora o único ao que lle sucedera aquilo. Os meus pais non lle deron importancia, mais eu si. Así que mirei por toda a casa, buscando algo raro, algo que non debera estar alí. Non encontrei nada. Ía desistir cando me dei conta de que, no salón, todo era antigo e gastado, salvo unha cousa: a cheminea. A pesar de que se notaba que fora usada, estaba limpa,demasiado limpa. Achegueime, adentreime no oco que tiña, que era bastante grande. Intentei escalala, mais deime de conta de que os ladrillos cedían. Fun empuxando e quitando, ata que quedou descuberta unha porta. Os meus pais xa debían de estar fóra, facendo algúns recados, así que abrín aquela porta e entrei. Había un escuro corredor, sen iluminación, menos mal que eu nunca ía a ningunha parte sen unha lanterna e a miña navalla suíza. Seguín camiñando e, ao pouco,encontrei outra porta, máis deteriorada, que me obstaculizaba. Probei a abrila,pero estaba pechada, así que, ao ver no estado no que se encontraba aquela porta, rebenteina. Por un momento, non vira nada. Pouco a pouco, os meus ollos fóronse acostumando a aquela habitación escura,iluminada tan só pola miña lanterna. -Non debiches entrar aquí –dixo de súpeto unha voz detrás de min. Vireime. Alí había unha muller un tanto estraña. Tiña membros que non parecían ser seus. Un brazo era delgado, mentres que o outro, forte e musculoso. O mesmo ocorría coas pernas. -Q…Que…-balbuceei. -Dá igual. De todas formas, ías morrer igual. Entón decateime de que non estabamos sos. Había algo nas paredes, algo que se movía. Cando a vista se acostumou o suficiente, vin que era algo parecido a un felino. Ilumineino coa lanterna. Era peor do que imaxinaba. Era unha persoa, ou o que quedaba dela. Faltáballe un brazo, que se parecía ao que tiña a muller, o musculoso. Ademais, movíase cunha axilidade asombrosa. Descubrín tamén que non era o único. Estábanme rodeando. -Estas son as miñas criaturas –dixo-. Fun a primeira habitante desta casa. cando me deron por morta, nunha tormenta, estaba aínda con vida, mais sen algúns membros. Déronme por morta sen atopar o meu corpo. Iso atraera visitantes. Así que, para poder sobrevivir, utilicei as persoas que aquí viñan. O raro foi que a “anestesia” que utilizaba non os mataba, pero si lles proporcionaba estas habilidades. Pero os seus membros podrecen, non me serven durante moito tempo. Así que teño que renovalos. Quedou pensativo despois de dicir isto, o que aproveitei para botar a correr. En canto se deu conta, mandou ás súas criaturas a por min. Saín de novo para o salón, mais xa había alí outros dous seres esperándome. Metinme no primeiro armario que encontrei. Comprendín que era o meu fin. Tamén que non podía facer nada para evitalo. Encontraríannos se non descubrira aquel pasadizo, e así, meus pais chegaría e as criaturas estaríanos esperando. Só me quedaba esperar o final. Imaxinei a cara de meus pais, vendo o que me ocorrera. A eles esperaríalles o mesmo. Relato gañador no Concurso de Relatos de Terror do Samaín no 2º ciclo da ESO

Nera, a ferreira de Imelda Barrio

Nera nacera un domingo moi especial. Xusto ese día, as fadas reuníanse para conceder un desexo. Na maioría dos casos concedían desexos ao estilo de quero ser a máis guapa do reino ou quero ser quen teña máis cartos do reino. Pero esta vez, concederían outro totalmente distinto: Nera podería ser xefa de foxa coma o seu pai. Como este traballo o facían homes, decidiron que Nera podería elixir aos 18 anos se quería ser unha muller ou un home. Mentres tanto, os seus pais ensinaron a Nera de forma diferente. Ela vestía saia-pantalón que era moito máis cómoda que a saia. Ela xogaba aos cabaleiros en vez das princesas. Cando Nera cumpriu os 18 anos díxolle as fadas que quería seguir sendo unha muller. Ela foixefa de foxa e foi tratada con respecto polos seus compañeiros. Como Nera era unha rapaza única tivo un montón de pretendentes, pero a cada un mandáballe facer unha proba, pero ningún a superaba. Co paso do tempo Nera casou e comeu perdices que llas fixera o seu marido. Paula Lema Dorado (1º A)

O meniño Nito. Entón os homes choran ou non? de Sonia Rosa

Cando Nito naceu puxéronlle ese nome porque era moi bonito .Pero choraba por todo. Un día, o pai díxolle que xa era maior e tiña que parar de chorar por todo . Tamén lle dixo que os homes e os machos non choraban . Entón , Nito escoitou aquelas palabras caladiño. Ocorreuselle entón engullir todas as súas bágoas ata que enfermou. Os pais chamaron ao doutor Aymoré que coidaba de prantas e meniños. Cando chegou, díxolles aos pais que Nito tíña que ´´deschorar´´ todas as bágoas engulidas. Así o fixo e ficou curado. Entón o pai e Nito comprenderon que con razón os homes tamén choran. Este conto está moi ben porque demostra que non só as mulleres choran senón tamén os homes por moi fortes, valentes e robustos que sexan. Eloy Mato Rial (1º A)

O misterio do cemiterio vello de Fina Casaderrey

David é un neno de oito anos, e Branca é a súa moza, ten nove anos. Eles son detectives especialistas en misterios, e queren descubrir o misterio do cemiterio vello. O cemiterio vello está abandonado e xa non ten mortos, agora está cheo de silvas e árbores. Máis dende hai algún tempo, óense voces pero non se ve a ninguén. Todo comezou despois dunha tormenta. O señor Indalecio que está traumatizado, dilles que poden ser as deusas, pero eles teñen moitas hipóteses. Así que un día David e Branca foron ao cemiterio, e oíron tocar un tambor. Entraron por riba dun valo, e camiñaron de vagar, ata que Branca caeu na lama, logo asustounos a súa gata Lúa, e despois descubriron que os tambores eran gotas de auga que caían nunha lata. Unha noite David ten un pesadelo no que a súa gata Lúa morre, e a súa nai ten que calmalo. Un día veu o seu mal amigo Pedro, que ás veces quedaba na súa casa, e foron os dous ao cemiterio, alí encontraron unha ovella morta chea de moscas gordas. Noutra visita, David e Branca, descubriron que as voces saían de xunta unha árbore, e pensaron que era mellor levar unha gravadora para ter probas, e máis pantalóns longos porque os picaran as estrugas. Cando xa saían, chegou o señor Indalecio e arrimouse ao valo, eles faláronlle, pero como estaba moi escuro, pensou que eran as deusas do cemiterio e marchou moi asustado. Outro día, David e Branca preparáronse para descubrir á fin, o misterio do cemiterio vello, a pesar de que chovía a mares e de todos os lados. Levaban unha lanterna, un pau para as silvas e a gravadora, que David lle collera a seu irmán, tamén levaban chándal e o anorak. Branca levaba un bote de matar bechos noxentos, e David un cordel moi duro. Polo camiño encontráronse cun espírito e seguírono, cando se decataron de que non ía cara ao cemiterio deron volta. Ao chegar ao cemiterio entroulles o medo, pero oíron outra vez as voces e buscaron o sitio de onde proviñan, mentres camiñaban encontraron unha cabeza con pelo, e aínda colleron máis medo. Voltaron escoitar as voces e quixeron gravalas, pero caeulles a gravadora e quedaron sen probas. As voces seguiron oíndose, e eles seguiron buscando, de súpeto, Branca pegou un berro e desapareceu nun burato. David tiña tanto medo que non sabía que facer, entón Branca berroulle dende dentro do burato para que baixara. David atou o cordel a unha árbore antes de baixar. No burato había un túnel moi longo, onde fedía moito. Como chovía moito, a auga entraba no túnel,e decidiron que tiñan que descubrir o misterio antes de que se asolagase todo. Comezaron a camiñar e as voces oíanse cada vez máis preto, pero no medio daquel ruído escoitaron coma se alguén os chamase. Polo camiño perderan o bote de matar bechos, o pau, e deixáralles de funcionar a lanterna. Pensaron que xa non ían saír de alí, pero dun burato que había no teito, apareceu unha luz, e oíuse unha voz moi preto, tamén se oía a tele e música, e cheiraba a café. Meteron a cabeza polo burato e descubriron o misterio, aquilo era un bar. Nese intre apareceu polo burato Tor, o can do señor Indalecio, e detrás o pai de David, que viña na súa busca. Gustoume bastante, porque me resultaron moi divertidas as aventuras dos dous nenos. Diego Moreira Souto (2º B)

A estatua malvada por Simón Collazo Lema (1º A)

Xaime estaba vendo a tele: -‘Informativo de última hora, algo parecido a unha estatua rouba dous quintais de lingotes de ouro no banco Herzuriz! A ESTATUA DOURADA MALVADA Comeza o Samaín, e o Halloween para algúns. Xaime estaba na súa casa. Remataba de espertar e díxolle súa nai: -Xaime, ven para abaixo, que tes que ir á escola! Sabes por…? -Porque comeza o Samaín, ou como nós lle chamamos, o Halloween!- dixo todo contento mentres baixaba polas escaleiras. Este fixo as súas tarefas: almorzar, lavar os seus dentes, lavar a cara, vestirse, e para a escola. Os seus amigos, Maite e Guillerme, esperaban por el na entrada da escola. -Ola Xaime,- dixeron os dous amigos a coro- sabes que día é hoxe, non? -Sei home. É Halloween! Os tres rapaces entraron na clase e a mestra contoulles unha lenda: -No centro da vila, hai unha estatua da cor do ouro. Moitos dos habitantes dicían que esa figura, cada noite da semana de Halloween, comezaba a ter vida… Acabaran as clases e os nosos amigos ían andando de camiño as súas casas. Pronto foron por distintos camiños. Xaime viu unha obra que estaban a facer uns homes que parecían non querer revelar a súa identidade, porque tiñan postos uns pasamontañas. A obra chamábase “I KILL YOU” . -Que raro- dixo Xaime. Pero non lle dou importancia. Ao día seguinte, Xaime foi buscar os seus amigos para dar un paseo nesa cálida mañá de sábado. Cando ían andando pola reserva natural, sentáronse nun banco de madeira. Guillerme aburríase, e propuxo algo… -Que tal se imos ver se a estatua dourada se moveu, tal como dicía a lenda da mestra? -De acordo- dixeron os outros dous. Ó chegar xunta á estatua de ouro, parecía que non se movera… Guillerme e mais Maite, entón, decidiron volver para a casa. -Eu quedo un pouco máis, para improvisar- dixo Xaime. Estaba a mirarlle o pantalón da estatua, o xersei… e cando estaba a fixarse nos ollos da estatua, aqueles olliños miraban para Xaime como dicindo “VOUTE MATAR”, pero de repente a figura mirou ó fronte. Estaba mirándolle a man daquela misteriosa figura, e había un papel que poñía I KILL YOU… -‘O nome da obra tamén se chama así’- pensou Xaime. Foi correndo a dicirllo a Maite para que buscara información sobre esa estatua, e esta, co adiantada que era, informouse pola súa parte. -Atopei no blogue dun detective que tamén está investigando isto, que por certo, é amigo do meu pai, que a materia prima pola que está composta a estatua non é ouro. Xaime e Maite foron mirar que era entón. Tocárona e descubriron que era unha estatua de ferro cuberta de plástico dourado acabado de poñer. Os dous comentáronlle ós seus pais se podían acampar cerca da estatua e dixéronlles que non. Logo faláronlles de que era un traballo para a escola e os outros cambiaron de opinión rapidamente. Eran as doce da noite e a estatua de ferro espertou. Dirixíase cara a obra do “I KILL YOU” . -Que é iso?- preguntou Maite mirando cara o edificio. -Unha obra- contestoulle Xaime. Esta vía como os nosos amigos se achegaban e sacou da manga un coitelo de matar os porcos, ou sexa, de tamaño, XXXXL e foi detrás de Xaime e Maite dicindo: -Xaime, Maite, non vos vou cortar en anacos sanguentos coma os de porco- dicía mentres se lle facía a boca auga. Despois dun anaco miraron para ela e xa non estaba. Perdérona de vista e cando se deron a volta había unha persoa mirando para eles que fuxiu rapidamente, e estes dous viron perfectamente como se lle caía a este individuo un papel que poñía “OURO ILEGAL”. -Volvamos para a casa, xa recollemos bastante información por hoxe- dixo Maite. Ó día seguinte comentáronllo a Guillerme e quedou abraiado. -Sabemos que á suposta estatua gústalle esa obra e que ao tipo ese que apareceu de noite, o ouro- dixo Xaime. -Preguntémoslle ó xoieiro!,- exclama Guillerme -ao mellor el sabe algo dese ouro. E os nosos heroes foron tras esa tenda. Atopárona, pero estaba nun sitio que non parecía haber moita xente. Había un señor que estaba poñendo un cartel ó lado da tenda. Poñía “Sen servizo”. -Non vos penso dicir nada, rapaces- dixo o home da tenda moi enfadado. -Polo menos dinos como se chama vostede- preguntoulle Guillerme. -Moncho, veña, agora fóra de aquí. Esa noite volveron os tres rapaces a xunta a estatua e puxéronlle unha trampa. Esperaron, esperaron, e esperaron… E por fin caeu na trampa. Entón volveu aparecer o home ese, e volveu fuxir, pero Guillerme, que é moi bo corredor, pillouno. Maite comezou a berrar para que viñeran ver aquilo todos os veciños. E de súpeto veu a garda civil. -Que pasou aquí? -Collemos a uns bandidos- dixeron os rapaces. Xaime quitoulle a máscara e era… Moncho! Un veciño, que era un amigo del, preguntoulle: -Pero, por que? -A iso contesto eu.- dixo Xaime- No lugar onde Moncho vendía, non había moita xente e por iso cerrou a tenda. E que mellor sitio para facer outra ca no centro da cidade? Na internet atopamos que en tempos atrás este home era científico de robótica pero retirouse, por iso, a estatua era un robot que controlaba por un mando radiocontrol. Beneficiouse da lenda e iso explica a estatua de ferro. E o nome I KILL YOU era o nome falso da tenda que poñía polo día, e cando traballaba pola noite, o nome verdadeiro era OURO ILEGAL, xa que non tiña permiso para montalo. Os roubos do banco tamén foron cousa del porque necesitaba cartos para montar o negocio. Unha semana despois era a votación da chave da cidade: gañaron os rapaces pola detención de Moncho. Agora si que pasarán un bo HALLOWEEN! FIN, OU NON?

luns, 2 de decembro de 2013

Homenaxe aos poetas de Cabana por Eloy Mato Rial

OS ALUMNOS DO CPI AS REVOLTAS HOMENAXEAN AOS CINCO POETAS CABANESES

O martes 12 de novembro os alumnos do CPI As Revoltas homenaxearon aos cinco poetas cabaneses no salón de actos. Os poetas foron presentados con algún dos seus poemas por Xosé Manuel Varela e o profesor pontecesán Luís Guiadás.

Ademáis, Xose Manuel fixo reflexionar aos alumnos sobre eses poemas e a súa composición. Tamén lles dou a entender a importancia deste legado oral e escrito.



María Baña Varela ou María do Xusto foi a matriarca das letras cabanesas. O mérito desta poeta foi o feito de gardar os poemas na súa memoria dado que non sabía escribir.A súa obra foi publicada co título de “Falaba ser poeta”.






Hemosinda Varela Lema ou Hermosinda de Tabuido , os seus poemas caracterizáronse polos temas relixiosos e memorias poéticas da súa familia, dos veciños, dos mestres e o entorno da parroquia de Canduas.
O concello cabanés publicoulle o volume “Recordos da miña infancia “.



Fermín Calvo Gomez ou Fermín da Feira Nova foi coñecido principalmente como regueifeiro. Gozou da fama de ser o patriarca dos regueifeiros galegos.
Publicou dous volumes de poesía popular “Recordos dun regueifeiro I e II “.






Plácido Vigueret Villar ou Plácido do Meiruco foi moi coñecido por ser membro do grupo de gaitas “Os Enxebres de Neaño “. Publicou a súa obra co nome de “Poemas “.







Matilde Vilariño Pose escribiu poemas desde nena, pero non foi dada a coñecer ata hai dous anos
que a descubriu o seu neto Eloy . Ela facía os poemas e despois tirábaos ao lume por vergoña.
Escribe sobre temas cotiás. Un poema dos máis antigos que ela se acorda é o “Padrenuestro de
Dombate “.



A estes cinco poetas o concello cabanés sácalle estes días unha publicación das obras titulada “Antoloxía de Cabana de Bergantiños”.

Eloy Mato Rial (1º A)