Xacobe cando era novo, traballaba na mina de Volframio de Barilongo en Santa Comba.
El e máis o seu amigo Quintín tiñan que atravesar o monte de Pico de Meda sempre de noite pecha, tanto ao amencer cando ían, como á noite cando viñan.
Un día, cando volvían da mina, xa ben entrada a noite, escoitaron ouvear os lobos na cima do monte e seica agarraron algo de medo. Entón, decidiron que ao día seguinte levarían a escopeta, por se os lobos tentaban atacalos.
Á noite seguinte, cando volvían os dous falando da mina, á mesma hora do día anterior, volveron
escoitar os ouveos pero moito máis cerca, así que, prepararon as escopetas. Entón, do medio das
árbores saíu unha manada de lobos!
Un deles era máis grande ca os demais e tiña unha pel de cor moi negra e uns ollos azuis que
reflectían no medio da escuridade, e regañaba os dentes amosándolles uns cairos que metían medo.
— Xacobe! Ti cres que nos van atacar?
— Non o sei, Quintín, pero o mellor vai ser que lles disparemos para que collan medo.
De modo que, Xacobe e o seu amigo disparáronlles e mataron aquel lobo negro. Os outros lobos
desapareceron e eles seguiron camiño da casa levando o lobo con eles para amosárllelo aos veciños.
Mais ao día seguinte pola noite, os lobos volveron ouvear, pero esta vez estaban moi preto e
Quintín e Xacobe prepararon as escopetas, pero … , só se vían sombras que se esvaecían na negra
escuridade!
Así fixeron todo o camiño ata a casa, disparando de vez en cando pero sen matar ningún lobo.
Os ouveos seguiron toda a noite ás portas das casas do lugar, ata o amencer. Pola mañá os veciños
decidiron facer unha batida polo monte pero non atoparon ningún lobo, ninguén entendía nada!
Á noite volveron os lobos ao lugar, pero non satisfeitos con ouvear ás portas das casas, algúns
subíronse aos tellados. Os ouveos soaban como se estiveran dentro das casas e algúns veciños
pensando que lles entraran os lobos na casa, saíron para fóra arrepiados co medo e nunca máis se
volveu saber deles.
Ao amencer volveron cesar os ouveos e os veciños, tremendo co medo, e sen saber que facer,
reuníronse na praza. Algúns querían subir ao monte polo día e matalos, pero outros pensaban que
eran espíritos e contra iso non se podía facer nada. De súpeto, unha vella do lugar, á que todos lle
tiñan moito respecto, pois dicían que era unha meiga, díxolles:
— Veñen buscar o seu xefe!— todos ficaron ollando para ela.
— Levade o lobo que matastes ao monte, e deitade o corpo nunha cama de fieitos onde lle dea a luz
da lúa — díxolles a Xacobe e a Quintín.
Entón eles fixeron o que a vella lles dixo, mentres os demais se preparaban para pasar outra noite de
medo.
Aquela noite, brillou unha abraiante lúa chea!. E volvéronse a oír os ouveos pero xa fóra do lugar, no
medio do monte, onde deixaran o lobo morto.
Os lobos rendíanlle e derradeira homenaxe a quen fora o seu xefe!
Ao saír o sol remataron os ouveos e os veciños non viron nunca máis a manada. Aínda que … nas
noites de lúa chea, óense os seus ouveos, e algúns afirman que ao feitizo da luz da lúa pódese ver a
manada, co seu xefe de ollos azuis escintilantes á cabeza.
Diego Moreira Souto (2º B)
Ningún comentario:
Publicar un comentario