martes, 8 de abril de 2014




CADÁVER EXQUISITO 1º ESO B – NARRACIÓN 2

“UN DOMINGO DE FEIRA”
A mestra de galego foi á feira a Baio, e alí encontrouse con con Carme da Chencha, que estaba vendendo rabizas, e empezaron a falar sobre o que ían comprar e sobre o fillo de Carme, que ía moi mal na escola.
Entón Carme da Chencha díxolle á mestra:
-          Que, como está a perna?
E a mestra dixo:
-          Nada, por aquí comprando…
E a Chencha dixo:
-          Arredemo! ha, ha, haaa…
A mestra estaba a piques de se enfadar con Carme, pero viu ao lonxe a Petra de Salvador e a Sunción de Pichas, que lle dixeron:
-          Oes…ti, mestra de galego!
-          Oio! –Dixo a mestra.
-          Que fas ti aquí na feira en Baio se es de Carballo cidade?
-          Ai, si, pero veño comprar uns zapatos novos.
De repente, a mestra de galego viu caer a Carme da Chencha, e chegou Supermán. A mestra de galego, cunha vara na man, comezou a pegarlle a Supermán, berrando con Carme, mentres compraba unha empanada de bacallau e touciño e uns pantalóns.
Como Supermán esquecera a carteira na casa, pediulles a Carme da Chencha e á mestra que lle mercaran cada unha uns calzóns, para poñer por debaixo e por riba do pantalón.
E entón Carme da Chencha decidiuse por comprar unhas zapatillas, a mestra por un vestido para ir á Festa da Xuventude e Supermán por unha capa rosa fosforita. E marchou para o planeta Mán.

Crearon este cadáver: Adrián, Samuel, Claudia, Laura, Brais, María, Ainara, Rocío, Iria, Rubén e Nahir.


CADÁVER EXQUISITO 1º ESO B – NARRACIÓN 1
“UN ESPAZO Á PARTE”
Dirixíame a Marte, era máis ou menos o ano 2.500. As miñas mascotas, Rudi e a pulga que nel habitaba, e mais eu aguantaríamos todos os perigos que nos puideran suceder na miña nave XS052.
A pulga era a máis pequena da nave. Era pequerrechiña pero a pesar diso, unha vez deuse esta situación: A pulga mordeu o can e chupoulle todo o sangue cando, de repente, chegou o Parga na nave espacial, aterrou, empezou a bailar salsa e pediulle un baile á pulga.
Pouco despois, un marciano durmía mentres a pulga e o can pelexaban. Como a nave xa estaba no espazo e a porta estaba aberta, a pulga caeu, e como ía a tanta velocidade, desenvolveu superpoderes.
Entón o marciano comezou a berrar con todos porque o estiveran enganando todo o tempo dicíndolle que ían a Neptuno, cando en realidade ían cara a Marte.
E nisto, dille o can á pulga:
-          Ei, pulga, creo que o motor está roto, a nave non arranca.
-          Vale, mirarei o motor, pero dille ao marciano aquel que está alí fóra no espazo que non me mire así, que me pon nervioso.
Entón, o can díxolle ao marciano:
-          A pulga esta moitos goles marca.
E dixo a pulga:
-          Xe, boludo…sen insultar eh…
E cando completaron a súa viaxe a Marte, o marciano e a pulga fixéronse famosos.

Crearon este cadáver: Tania, Itziar, Uxía Pérez, Dani, Manuel Romero, Manuel Suárez, Uxía Santos, Nerea, Sandro e Fabiola.


“A ALEGRÍA”
O meu amigo da alma,
que che rouben sorrisos,
Sorriso con risa,
Alegre, Alegría!

A alegría xoga connosco,
aparece e desaparece.

A alegría son as cores e as flores.
Alegría é un sorriso, unha festa.
Alegría é unha gargallada, unha parranda.

A alegría é un tesouro que nunca se poderá gastar.

Cando miro as estrelas,
vexo a alegría nelas,
porque o que me dá alegría
é amala a Ela.

Toma vitaminas de Alegría:
de Alegría A, Alegría B
de Alegría C
Toma todos os días Alegría
e terás alegría para toda a vida.

Crearon este cadáver: Adrián, Samuel, Claudia, Laura, Brais, María, Ainara, Rocío, Iria, Rubén e Nahir.
CADÁVER EXQUISITO 1º ESO B – POEMA 1
“A AMIZADE”
Amiga es toda miña,
un amor diferente, un amor compartido
que sempre permanece.

O amor entre amigos é algo da vida,
alguén en quen confiar.
Como se xogaramos que estamos nunha nave espacial
o amigo, o amigo é moi especial.

A amizade é Ela,
porque é única e faite única a ti tamén.
O primeiro día fíxome rir,
e dende entón non parei de sorrir.

O amor é impredecible.

Amizade, amizade…
nunca nos deixes!

Crearon este cadáver: Tania, Itziar, Uxía Pérez, Dani, Manuel Romero, Manuel Suárez, Uxía Santos, Nerea, Sandro e Fabiola.