luns, 17 de outubro de 2016

A imaxe social da muller, Nerea Seoane (4º ESO)

Segundo a miña opinión a muller debe ser aceptada en todos os ámbitos como calquera outra persoa. ¿Por que unha muller non ten os dereitos que teñen os homes? Unha muller non é menos persoa por traballar de mecánica, por non dedicarse só a ama de casa e menos por non vestirse como supostamente ten que vestir unha muller para que así se acepte, é dicir, de cor rosa, saia e vestido. Un home ten dereito a facer o traballo da casa como calquera muller e a muller ten dereito a compartir os traballos que se dín que son para homes. Toda muller pode ser capaz de facer o que un home chega a facer, porque non por ser un home sabes facer máis nin mellor as cousas.
Na imaxe da muller na publicidade unha das discriminacións máis evidentes á que están sometidas é sen dúbida á escravitude da imaxe. As mulleres deben permanecer mozas, delgadísimas, etc. Para anunciar un mesmo produto non se tratan as imaxes da muller como as dos homes. E iso comeza no deseño dos xoguetes e dos anuncios publicitarios entre outros, para vender o produto.
As nenas e os nenos foron separados en mundos paralelos pola sociedade, é dicir, separados por unhas medidas, un peso, etc. Ás nenas representábaas a cor rosa e aos nenos a cor azul nos xoguetes. ¿Por que? Todo neno ou nena pode compartir todo tipo de xoguetes sen separalos por xéneros nin cores.
As mulleres represéntanse ante a sociedade como obxectos estereotipados, diferenciándose o tratamento da súa imaxe da dos varóns.
Os homes representábanse habitualmente ligados á ciencia e á empresa, posuidores dos bens iconográficos do noso tempo tales como coches espectaculares, mansións inmensas, etc; as mulleres acostúmanse representar unidas á maternidade, á cociña, etc.
Se nalgunha ocasión aparece unha muller traballando preséntase adoptando unha vestimenta ou actitudes que se asocian co ´´masculino´´.Hai 40 anos,para a muller traballar fóra da casa considerábase incorrecto.
Xa desde o nacemento diferéncianse as actitudes, as formas de recibir ao neno ou nena, incluso se deseñan cueiros diferentes, mostrando aos nenos como activos, fortes, emprendedores, guerreiros, e as nenas como bonecas de fráxil porcelana vestidas de rosa e necesitadas de protección.
´´Es un corpo, o demais non importa´´. Non se trata nunha publicidade de plasmar unha persoa feminina os seus ´´desexos´´ reais. Só importa o seu corpo, ese corpo de muller melancólico, insinuante, cariñoso ou seductor. Ese corpo que serve moitas veces como reclamo dalgún tipo de produto.
Canto máis erótica sexa a zona elixida mellor, máis vendible será o obxecto. Un respingón traseiro xuvenil para anunciar tabaco, unha muller a medio vestir para publicitar un video, outra tomando o sol nunha praia para anunciar unha cervexa.
¿Somos a súa bebida, o seu tabaco, o seu mellor licor que entra suave?
¿Ou somos outra cousa?
Segundo o que vemos na publicidade, os homes e as mulleres desexan cousas distintas e tamén esperan, eles de elas e elas de eles, cousas moi diferentes. Os homes atléticos e triunfadores case sempre, tal vez teñan unha familia, pero non deixan de soñar con emocións, e fermosas mulleres que se renden ao seu atractivo só polo tempo que dure o seu desexo. As mulleres, bonitas e doces sempre, desexan familia, fogar e un amor que non supoña ante un atractivo alleo ou ante o decaer do propio.

mércores, 12 de outubro de 2016

Noriega Varela, o poeta da Montaña

 Para comezarmos a estudar a figura de Noriega Varela podedes ver este pequeno vídeo sobre a súa biografía na páxina da Televisión de Galicia

http://pasouoquepasou.crtvg.es/content/biografia-de-antonio-noriega-varela

Tedes aquí este video do profesor e investigador da USC, Henrique Monteagudo que fala da obra do poeta da montaña luguesa



Podedes ver na páxina da Real Academia Galega a ficha sobre o autor coa biografía básica, as súas obras publicadas e ligazóns interesantes onde seguir afondando sobre a súa figura


Na páxina da Biblioteca Virtual Galega podedes ler máis sobre o autor e mesmo algún poema do autor das obras poéticas Montañesas e Do ermo na ficha correspondente a Noriega Varela.

Para afondar máis na figura do autor e dos seus paisanos de Mondoñedo que é unha vila que deu ás nosas letras ilustres representantes, podedes consultar esta unidade didáctica elaborada polo profesor Armando Requeixo titulada Mondoñedo, terra de escritores.


 Para quen queira seguir sabendo máis cousas de Noriega Varela e teña algo de lecer pode escoitar nesta ligazón unha conferencia pronunciada polo amigo do poeta Otero Pedrayo o ano 1967 como homenaxe ao poeta lugués e pronunciada en Mondoñedo durante as festas da San Lucas coa potente oratoria de Otero.


A muller na sociedade actual, Iria Rivera Dourado (4º ESO)

En verdade é certo que vivimos nunha sociedade igual para homes e mulleres? Eu non o creo. Poñamos un exemplo moi próximo e moi coñecido, aínda que sexa inconscientemente: o fútbol. Ben, non é soamente no fútbol, pois é na maioría dos deportes.
Cantas veces vemos anunciado un partido de fútbol na televisión? Moitas. É unha realidade: o fútbol é o deporte por excelencia. Pero non remata aí: o fútbol masculino é o deporte rei.
Non sei por que non lle dan importancia ás mulleres no fútbol, pero si que teño unha teoría: a sociedade na que vivimos.

É verdade que as mulleres avanzamos moito nos nosos dereitos estes últimos séculos, pero aínda non gañamos todos os privilexios que deberiamos ter xa dende un comezo.

Non é só nos deportes onde se ven claros sinais de machismo, senón que tamén en situacións menos visualizadas, coma o caso da sexualidade. Porque nesta sociedade o rapaz que está con moitas rapazas é digno de admiración, respecto e alabanzas; mentres que se é a rapaza a que está con moitos rapaces é tratada de prostituta, fácil e motivo de vergoña. Por que? Soamente por ser muller.
Tamén é certo que as mulleres sofren máis ca os homes, sempre recibindo un trato peor ca calquera home polo mesmo traballo. Houbo casos destes toda a vida e seguirá habéndoos se non melloramos esta situación.

Porque tamén hai moi boas futbolistas, científicas, doutoras, directoras de cine, artistas … Porque somos mulleres e valemos moito.
Porque tamén somos persoas, igual ca os homes.

Iria Rivera Dourado,4ºB.

domingo, 9 de outubro de 2016

As Irmandades da Fala no 2016

As Irmandades da Fala nas rúas

Para o proxecto das Irmandades da Fala, cómpre ver estes videos elaborados por Illa Bufarda para ver neste ano do centenario cal é o sentir da poboación galega sobre a lingua e identidade e sobre as reivindicacións para dignificar a nosa lingua que se impulsaron aló por 1916.

Aqui tes dous videos onde a xente expresa o que é para eles a lingua e a cultura en xeral





Podedes ver aquí que se coñece nas rúas galegas sobre as Irmandades da Fala

Reflexión sobre o texto de Manuel Núñez Singala, Sarai Pose Fariña (2º ESO)

A miña opinión sobre este texto é que ten como fin, que nós mesmos como galegos nos
vexamos retratados nel, xa que, segundo ía lendo o texto e analizando o que estaba a ler,
eu mesma víame reflectida nel. Moitas das accións e reaccións descritas na lectura
suceden continuamente ó meu arredor e eu teño ese mesmo comportamento que nomea.
Por outro lado, opino que todas estas expresións, accións, reaccións, etc. que temos os
galegos é unha cuestión xeracional, que vai pasando de xeración en xeración,
transmitíndose de pais a fillos e así sucesivamente. Non creo que sexa algo do carácter
galego pois cada persoa ten o seu propio.
Pola contra non estou de acordo co aspecto negativo que mostra o texto sobre o carácter
galego, penso que si é verdade que lle poñemos un “pero” a todo, pero non é verdade
que desprecemos a nosa terra, o noso patrimonio, a nosa lingua, etc. Non todos somos
iguais e aínda que actuamos dun xeito semellante cada un ten o seu propio pensamento.
A viñeta de Castelao ven a reflectir claramente o que di o texto. Nela exprésase a
maneira de actuar dos galegos, a súa forma de ser. Quere dicirnos que non lle vexamos
o lado negativo a todo que con traballo todo se pode mellorar.

O autodesprezo dos galegos, María Paz Varela



Galicia é unha terra chea de vida. Chea de árbores que fan da nosa paisaxe
algo envexable, de xeracións que se manteñen unidas compartindo bos e
malos momentos.
Galicia ten unha lingua propia, o galego. Unha lingua que nos permite
comunicarnos e que fomos adaptando á nosa forma de ser, unha forma de
ser retranqueira, xenerosa e que ás veces é menosprezada. Pero hai
motivos reais para que isto ocurra?
Non debemos permitir que se nos xulgue pola nosa cultura, e para que
isto non ocorra temos que empezar a querernos e valorarnos a nós
mesmos. A darlle méritos a tanta variedade cultural da que dispoñemos
en Galicia e a non disimular a nosa fala, os nosos xestos nin a nosa forma
de relacionarnos cos demais.
Xa é hora de que xente de fóra vexa o que nós vemos en Galicia, que
aprenda o galego e que o utilice como calquera outra lingua, porque se
demostramos o que vale a nosa terra os demais verano e daranse conta
do que realmente é Galicia e do que realmente somos os galegos.
Por iso é importante que non nos deprecemos senón que estemos
orgullosos do que temos e do que somos.
Todos nós, como galegos, deberiamos querer a nosa terra, a nosa lingua,
as nosas tradicións e raíces. Deberíamos querer a Galicia.

sábado, 8 de outubro de 2016

Comezando a coñecer o tempo das Irmandades da Fala

Para o alumnado de 4º da ESO, que neste curso vai traballar sobre a época das Irmandades da Fala inserido no proxecto xeral do centro de Etapas Históricas no que se implicarán con diferentes proxectos os departamentos da ESO e os cursos de Primaria cos que colaborará en todo momento o equipo de Biblioteca das Revoltas.

Como petisco introdutorio desta etapa que inaugura o período histórico e literario do 4º curso da ESO, déixovos ao alumnado de 4º ESO este video ideado por Illa Bufarda para coñecer con atraentes imaxes e un guión achegado á rapazada do 2016, centenario da creación das Irmandades da Fala, unha pequena mostra de todo o que imos ir traballando ao longo deste curso.