martes, 26 de febreiro de 2019

UNHA SOCIEDADE DE DANO PERMANENTE, Sara Caamaño (4º B ESO)

Cando cae un vaso ao chan e rompe en mil anacos, por moito que intentes reconstruílo nunca volverá a ser o de antes. Cando fas unha camisa a man nunca sairá igual que a anterior, que quedara á perfección.

Hoxe en día cada vez este exemplo dáse máis na situación da muller en todo o mundo. Non só o país nos pon en vergoña cando recibimos menos salario ca un home por realizar o mesmo traballo, ou cando se nos atribúen certas actividades ou gustos únicamente para nós; deportes, tarefas domésticas, as cores etc.

Non nacemos mulleres para isto, pero moito menos para ser maltratadas por eles. Non é xusto que todo o que loitaron mulleres do pasado século e seguimos loitando polos dereitos femininos, remate con eles un home.

A violencia de xénero cada vez aumenta máis en todas as partes do mundo, chega a normalizarse nalgúns casos. Preocupa que a poboación pense que a violencia chega dun día para outro e acaba coa vida dunha muller.

A primeira fase pode ir dende un elevado tono de voz e insultos ata unha sinal de posesión e controlación sobre a vítima. E sen dar paso a máis fases, deberíase avisar e pedir axuda para nunca máis sufrir ou pasar por isto.

Pero dende que falece unha vítima, a desgracia continúa cando só será un recordo na prensa local e así seguirá sucedendo. A empatía é para estes casos, pode ser túa irmá, túa filla ou túa nai.

Deberíase ensinar a igualdade de sexos dende a casa ata a educación e nos medios de comunicación, xa que ata agora as medidas adoptadas fracasaron para abrir os ollos e colaborar contra o maltrato de xénero entre todas e todos.

Porque a todas nos gustaría mirar mañá o noso camiño e ver un futuro sen dificultades e sen obstáculos posibles de evitar.

luns, 18 de febreiro de 2019

Entrevista a Javier Naya, Nico e Cristian (2º ESO)


Javier Naya Lema é un músico da Costa da Morte que traballou con grandes bandas como, Luar da Lubre entre outros. Actualmente exerce de profesor de música no CPI As Revoltas e a fin de semana dedícalla máis á música. Hoxe temos o pracer de entrevistalo.

Canto fai que empezaches a tocar?

Supoño que de pequeno, empecei a tocar a guitarra porque a batería non ma compraron por falta de cartos, de espazo e de que molestaba os veciños. Tocaba a guitarra no portal ata 10 horas diarias.

Cantos instrumentos tes na casa?

Mogollón! Teño 10 guitarras, 2 teclados, 3 baterías, 2 mandolínas,1 banjo , un baixo eléctrico, etc

Temos información que estiveches no grupo Madialeva. Segue en activo?

Non. Deixou de funcionar hai 9 anos porque non tiña axuda económica ademais non tiñamos onde ensaiar.

Abandonaches o grupo antes da súa disolución ou permaneciches nel ata que se desfixo?

Non abandonei, e cando se disolveu intentei volver unir o grupo, mais foi imposible por motivos persoais dos diferentes integrantes.

Que opinas da música moderna?

Opino que é un produto de mala calidade.

Ao teu fillo gústalle a música?

Si que lle gusta, e mais! toca o trombón, vai o conservatorio.

Gustaríache que teu fillo vivira da música?

É difícil vivir da música; gustaríame que tivera unha formación musical, e despois se vivira da música non me importaría pero o máis importante é que teña unha boa formación.

Actuaches fora da Coruña?

Estiven na maior parte de España, en Francia, Portugal, e Suíza.

Como curiosidade contarvos que toquei na orquestra sinfónica de Galicia como guitarrista eléctrico e con Luar na Lubre un ano.

Que morte dalgún músico te marcou?

Marcoume a morte de Jhon Lenon e foi o detonante que me dedicara a tocar.

 Gañaches algún premio?

Si, un segundo premio e a recompensa foron (215.000 euros) 

Canto tempo leva gravar un disco?

Leva tempo gravar, e compoñelo (é directamente proporcional ao tempo que teñas)

Deixarías a docencia solo para dedicarte exclusivamente á música?

Se soubera que podía vivir so da música sí, pero como non o sei…

Tiñas o tes algún póster dalgún cantante ?

A habitación era pequena pero tiña posters de Pink Floyd, Status Quo, ACDC un póster de modelo de guitarra.

Hai alguén da túa familia que sexa músico?

Non, ninguén que eu saiba.

Cantos discos sacaches?

Saquei 6 discos con grupos e ademais 1en solitario

Tes algo colgado en spotify ou en internet?

Non teño nada en spotify e en internet non teño moito...(nin en Instagram, facebook..)

Ata que punto é importante ter un bo instrumento?

Canto mellor sexa a ferramenta, mellor vas traballar.


A ilegalización do aborto, María Paz (4º B)



Acordando coa lei do 2/2010 a interrupción do embarazo estará totalmente despenalizada durante as primeiras catorce semanas do embarazo. Este prazo será ampliado ata as 22 semanas en caso de que a vida e saúde da embarazada corra perigo ou en caso de que existan graves anomalías no feto. Neste segundo suposto non haberá límite temporal para abortar.
Porén, a posibilidade de penalizar o aborto reformando a lei actual está á orde do día. Un tema de gran controversia que provoca manifestacións multitudinarias e constantes debates.
Que conseguiremos penalizando o aborto? Baixo o meu punto de vista coa ilegalización do aborto conseguirase unicamente o aumento do número de mortes. Eliminaranse as clínicas de interrupción do embarazo legais e aumentarán as clandestinas. Pagar a cambio de abortar. Poucos coñecementos sanitarios, mala hixiene.
Buscábase salvar “unha vida”, agora perdéronse dúas.
Embarazos froito de violacións, embarazos de alto risco ou simplemente embarazos no momento inadecuado. A decisión de continuar ou non con eles debe depender exclusivamente de ti. Non do goberno, non da opinión pública nin sequera dos teus amigos, só de ti pois é a túa liberdade. A túa vida.
A ilegalización do aborto é pois, unha traba máis na liberdade das mulleres.