domingo, 26 de maio de 2019

22 segundos de Eva Mejuto, recensión de Elena Pose Núñez (3º ESO)

Que pouco ou que moito se pode contar en 22 segundos. Un intre na vida dunha persoa ou polo contrario toda unha vida. Neste caso unha vida de superación e loita. Loita por ser ela/el mesmo, cada verba, cada xesto, vai espertando dun xeito natural a empatía ou complicidade de quen le o libro co protagonista. Comprende a súa frustración, a súa impotencia, a rabia, o rancor, diante duns sentimentos e sensacións que dende cativo recoñece coma propios, pero que non sabe como aceptalos e poñerlle nome. Unha longa viaxe lévao a realizar un camiño cara a realización persoal e a felicidade.
Mostra 22 segundos que o diferente non é sinónimo de marxinación e sufrimento e ve a tecnoloxía das ondas como unha canle de denuncia e reivindicación social, ademais de coñecemento de realidade na que vive un colectivo caracterizados demasiadas veces coma enfermos. Alex, un mozo trans, decide tomar as rendas da súa vida e mostrar diante dunha cámara todo o que leva dentro de si, algo gardado dende hai moito tempo. Fala para todos cando di que o distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse moitas cousas que se dan por verdades irrefutables. Os principios dunha sociedade que queda ancorada nun pasado de represión e medo, si medo, medo ao cambio, ás persoas diferentes que sen poñerlles etiquetalas, son marcadas polos prexuízos. Xente que sabe que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer; xente que foron sempre silenciados e denigrados e que a día de hoxe aínda seguen séndoo.
O libro busca visivilizar dende a empatía este feito e mostrar a realidade na que viven, loitando por unhas leis e unha sociedade que as deixen de considerar enfermos. Os que queiran entenderán moitas cousas e comprenderán outras, ou mesmo non comprenderán nada. Por todo o que sente e pensa fai o blog, porque os que non se pregunta polas cousas ou non saca as súas propias conclusións, é coma un rabaño, que o levan a onde queiran. Non hai que ser covardes, hai que tentar sempre ser un mesmo ou unha mesma, contadas as letras. Se lles gusta aos demais, perfecto, pero se non, tamén. Sempre vai haber quen nos queira e quen non nos acepte sexamos como sexamos; por iso non podes vivir para esa xente, senón para ti mesmo.
Estraño moito neste libro a forma en que todo o mundo acepta o cambio do rapaz, Alex pelexa máis consigo mesmo que coa xente que o rodea, sería unha marabilla que na vida real ocorrera así, pero non nos enganemos, o libro mostra o que debía ser pero non o que é.
Penso que é un libro que debería ler todo o mundo que queira vivir nunha sociedade máis xusta e máis igual en todos os sentidos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario