sábado, 25 de xaneiro de 2014

Killing us softly por Alicia Caamaño (4º ESO)



O título do vídeo recibe o nome de “matándonos suavemente” , isto representa a publicidade sexista e os estereotipos femininos como algo cada vez máis perigoso e destrutivo. Co paso do tempo esta publicidade vaise facendo  máis influente e vai obtendo maior poder sobre as rapazas e rapaces, xa que estes pásanse horas e horas consumindo medios de comunicación no seu día a día, xa sexan programas e series televisadas, música ou revistas de moda. Na maioría dos países máis ou menos desenvolvidos calquera adolescente pode dispoñer de acceso a Internet, normalmente pola súa conta, sen ningún tipo de control parental nin vixianza. Como hoxe as páxinas web non están controladas, calquera persoa se pode atopar, sen buscalo, con este tipo de publicidade, mesmo ó abrir o seu correo ou ao cargar un vídeo na youtube. Normalmente estas campañas publicitarias acostuman afectar máis as adolescentes (ademais de ser as que máis as visualizan) xa que están experimentando os primeiros cambios no seu corpo, a miúdo se senten inseguras por estes cambios, xa sen necesidade de publicidade e televisión daniña, para canto máis se xorden, ao mesmo tempo, estes estereotipos e anuncios que lles fan comerse a cabeza. Ter en conta tamén que ninguén a esa idade ten a madurez e a autoestima tan alta como para pensar “quérome demasiado a min mesma como para deixarme influenciar por estas machitontadas” e ese “amor propio” que tanto acostumamos a criticar nas outras persoas confundindo con ego, é realmente o único que logra salvarnos destes complexos, non deixando que estes medios nos eduquen, nin aprendendo de estereotipos que nos baixan a autoestima e nos crean inseguridades sobre nós mesmas, que crean dúbidas sobre a nosa validez como mulleres nesta sociedade e sobre a nosa capacidade de chegar a realizarnos e de deixar de ser soamente un físico.
O termo empregado “matándonos” fai referencia ás desgrazas ás que isto pode levar, que por certo, non sempre son “suaves”, xa que os danos psicolóxicos que causa o machismo e o desprezo son moitas veces peores que os maltratos físicos e á longo prazo poden ser moito máis difíciles de arranxar ou incluso imposibles. Maltrato machista non é só pegar, empurrar, violar, e causar magoaduras, maltrato tamén e crear inseguridades nunha muller facéndolle crer que é unha inútil e que non serve para nada máis que para satisfacer a súa parella, menosprezándoa por vestir unha tallaxe XL, comparándoa con animais (“zorra” “perra”, “loba”, “vaca”), infravalorando a súa opinión con respecto a calquera tema, facéndolle crer que é menos muller por non poder lucir o que eles chaman un “bonito escote”. Isto causa, en adolescentes e  en mulleres adultas inseguras, tanto trastornos alimenticios como enfermidades (anorexia, bulimia…) que algunhas mozas cheguen a realizarse cortes, autolesionarse e ata quitarse a vida. E dicir, estas mensaxes que os medios de comunicación transmiten (e non inocentemente) son moito máis perigosos do que pensamos e hai que seguir loitando contra eles ata eliminalos por completo.
Un problema que xa vén moi de atrás é a cousificanción da muller, é algo que se leva practicando dende moito tempo, xa en pintura e literatura antiga,  pero agora coa hiperextensión dos medios de comunicación comeza a ser esaxerado e denigrante cara o xénero feminino. Esta cousificación o que fai é presentar as mulleres como simples obxectos que poderán ser empregados libremente como o consumidor o desexe, e aínda peor, como obxecto sexual, concepto de sexualidade no que os homes dispoñen delas como e cando queiran, a figura masculina é sempre unha persoa dotada de inacabable virilidade e ó que unha muller nunca rexeita, o papel da muller limítase a que este se deleite do seu corpo e do que a figura feminina pode ofrecer sexualmente (esta imaxe está frecuentemente en anuncios de perfumes e videoclips de calquera tipo de música) moitas veces tamén vemos plasmado algo semellante a unha “poligamia” (tan mal vista en occidente) na que o home,  e protagonista, se ve rodeado de mulleres en roupa interior alagándoo, e todas elas están á súa disposición. Por outra parte, algo moi grave tamén é o feito de converter as mulleres en obxectos, como recipientes, soporte de calquera obxecto, bebidas alcohólicas, ou calquera cousa relacionada cos intereses da maioría dos homes. Píntase o seu corpo para campañas publicitarias, exáltanse partes do seu corpo e tápanse case sempre a cabeza, dando a entender que o único importante é o seu corpo, sempre con formas e curvas esaxeradas e delgadeza extrema. Compáranse con obxectos (por exemplo, os anuncios de BMW nos que se compara o amor por unha muller co amor por un coche, un vehículo que non pensa, nin fala, nin ten sentimentos). Sempre mostrándoas espidas e ensinando ou insinuando os seus órganos sexuais como parte do corpo de maior interese. Isto todo é machismo cruel e como di Jean Killbourne, é o primeiro paso de deshumanización, que pode rematar no trato a alguén como se fose iso, un simple obxecto, é dicir, chegando á violencia e ao forzamento da muller a facer cousas sen o seu consentimento. Dende que comezamos a ver este tipo de publicidade temos que ser conscientes de que non é algo normal nin nos define como mulleres, e como non, non temos que toleralo baixo ningún concepto. Non poden utilizarnos para facer comercio nin publicidade dos seus produtos, se estes non se venden, nós non somos unha opción para mellorar a publicidade nin aumentar a venda da súa produción, non se pode un aproveitar de nós nin da nosa situación, non somos obxectos sexuais nin unha ONG para homes “necesitados sexualmente”, e como isto siga ocorrendo os homes acostumaranse a levar á práctica, na vida real, esta cousificación e este machismo, como xa fan. Non precisamos que nos digan se estamos máis ou menos “boas”, non nos interesa da maioría de vós se vos gusta ou non os nosos peitos, nin a vosa aprobación sobre como nos queda determinada prenda de roupa. Non somos vehículos, nin mesas, nin criadas, nin animais, asi que abstéñanse de comparacións absurdas.
Outro tema tamén moi importante é o estereotipo de “muller perfecta”. Para comezar, debemos saber que este concepto estivo sempre presente en case toda a historia e foi variando cos anos, é dicir a nosa beleza dependeu sempre dunha moda, que nin sequera é imposta por nós mesmas. Esta moda é moi diferenciada dun século a outro, e sempre se baseou en beleza física, nunca se profundizou na intelectualidade da muller senón en estereotipos do físico e do exterior. Antes de tratar este tema temos que ter en conta que esta “perfección” física non existe nin existiu nunca no ser humano, e en caso de que existira, de que nos serviría? Ninguén debería sentir a necesidade de ser perfecta ou perfecto fisicamente xa que sería un propósito inútil e inalcanzábel.
Por outra parte, quérennos facer pensar que o que máis nos ten que importar é como nos vemos exteriormente, rodeándonos constantemente de ideas de beleza feminina que son inexistentes. Que conseguen con isto? As campañas publicitarias que intentan vender cosméticos e cremas, que maioritariamente non serven para nada, acostuman presentar como perfecta a unha muller morena a que non se lle nota a maquillaxe, a unha muller maior que se sente orgullosa de non ter enrugas, a unha nai con moitos fillos que apenas ten celulite e isto todo, casualmente, é todo grazas aos seus produtos. Cabe destacar que esas mulleres que atopamos nos anuncios non son así realmente, as imaxes están manipuladas e moi retocadas, pero inconscientemente isto sorpréndenos e créanos unha necesidade de semellarse a elas, xa que aparecen tantas veces e son xa tan vistas por toda a sociedade que a partir delas se crea un estereotipo de como deberiamos ser todas e do que acontecería se non tivésemos defectos. Pero por que isto ten que ser necesariamente un defecto? Por que temos que eliminar os grans, son algo sucio ou antihixiénico? E as enrugas? Son unha clara mostra de que a todos nos pasan os anos, algo natural, que forma parte do noso avellentamento, por que escapar delas? Por que se supón que deberíamos ter a pel lisa toda vida? Sería algo moi artificial e antinatural. Non temos porque malgastar tanto tempo e diñeiro en arreglarnos para intentar gustarlle a ninguén nin seguir canons de beleza que á fin e ó cabo non son máis que modas. Non entenderei nunca ese afán que temos de procurar encherlle a alguén o ollo, para que? A atracción física e algo efémero, para nada duradeiro, ninguén se namora por unha simple atracción física, o desexo ten que ir sempre da man dunha personalidade e actitude que si son atractivas, o físico de por si só é algo incompleto e inútil.
Algo que tamén nos inflúe é a pouca variedade dos corpos das modelos, en xeral, estas modelos empréganse para representar esa perfección e ese estereotipo de corpo que todas debemos seguir. Todas as modelos teñen corpos semellantes, e a isto refírome a súa delgadeza, e locen os modelos de roupa non só nas pasarelas, senón en revistas, páxinas webs de moda, mostran esta roupa como se estivese feita para mulleres altas e delgadas, coma elas. Apenas hai diferenza en como lle sentan os vestidos a unhas e a outras, con isto quérennos facer crer que é así como nos teñen que quedar a nós e se non é así o noso corpo xa non é, por dicilo de algunha maneira “válido”, esas prendas nunca nos van a sentar como a elas; altas , delgadas e con corpos propios do estereotipo do momento. Máis esaxerados son aínda os maniquís cos que nos podemos atopar nas tendas de roupa, corpos surrealistas e extremadamente delgados, non pasa nada porque unha muller use unha S e vista unha 32, sempre que estea sa, pero, por que non deseñar maniquís e empregar modelos da tallaxe L? Son tan frecuentes ou aínda máis que as primeiras, pero unhas discrimínanse e outras non. Isto provoca enfermidades e trastornos, fai que as mulleres se obsesionen co seu físico, fagan dietas sen precisalas e poñan en risco a súa saúde. Un claro exemplo destas obsesión cos estereotipos das pasarelas de modelos é a moda xuvenil do “Thigh Gap” que consiste en que os muslos non se toquen deixado entre as pernas un espazo de entre 2 e 5 cm. Esta tendencia naceu nun desfile de Victoria Secret onde as modelos destacaban por ter as pernas extremadamente delgadas. Algo tamén moi gracioso é o tipo de corpo que acostuman describir os homes como corpo perfecto: unha muller delgada con moito peito e con moito traseiro, raramente unha muller delgada con pouca graxa en todo o corpo está dotada de moito peito, e isto tamén leva á cirurxía, e a miúdo nos atopamos con mulleres moi delgadas con peitos de silicona que son antinaturais e para conseguilos se teñen que someter a unha operación e pasar por un quirófano onde arriscan a súa vida. 
Co desenvolvemento das novas tecnoloxías tamén aparece o photoshop e programas semellantes de retocación de imaxes. Raramente veremos unha representación nunha imaxe do que se lle chama “beleza” sen antes ser retocada. Todas as famosas son manipuladas nas súas imaxes publicitarias, pósters, anuncios. Adelgázanse, auméntaselles o busto, fan desaparecer grans e manchas e incluso cambian a súa cor de pel, facéndoas máis morenas. Podemos sentirnos esperanzadas con mulleres que son conscientes de estas manipulacións e renegan delas, como podemos ver no vídeo, a actriz Kate Winslet, non está de acordo con estes retoques fotográficos que a fan máis delgada, non o precisa, vese ben así, destas mulleres si que podemos sentirnos orgullosas e como di Jean Killbourne “deus bendiga o seu corazón” outro exemplo destes comportamentos é a cantante Beyonce, muller de taxalle grande (declarada feminista) á que non lle importa ensinar os seus muslos nin se complexa co seu corpo.
O vídeo remata dicindo que isto nos afecta a todos e debemos ser conscientes de que son problemas de saúde, hai que eliminar os ideas de beleza para así rematar coas obsesións coa extremada delgadeza. Todo o que tratamos anteriormente constitúe unha forma de violencia contra a muller. E claro que é unha violencia, ao tempo que unha escravitude da que temos que loitar para ser libradas. A diario escoito que a situación das mulleres mellorou moito e que son unha afortunada de poder vivir nun lugar no que a mulleres teñen os mesmos privilexios e oportunidades que o home, pero non é así, esta escravitude da beleza e a cruel cousificación sexual do xénero feminino é un claro exemplo do baixa que temos aínda a nosa autoestima e do moito que hai que progresar aínda para alcanzar unha verdadeira igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario