domingo, 23 de outubro de 2011

Makinaria de Carlos Negro

Cos alumnos de  3º de Diversificación Curricular estamos lendo o poemario Makinaria de Carlos Negro. É un poemario dirixido á xente nova que reflicte a inconsciencia da mocidade e o seu gusto pola velocidade. Cóntanos como un mozo pode perder a vida na estrada da adolescencia, sobre como o discurso dos "vellos" lles entra por unha orella e lles sae por outra, porque o enorme espazo que separa a mozos e vellos é inmenso.  É unha poesía de lectura rápida, mesmo frenética, obsesionada pola velocidade e que nos dirixe a un cru destino, o cemiterio.

Como afirma Rosa Aneiros no epílogo, "Makinaria é unha canción desesperada de gasolina e goma abrasada", un libro que chega á mocidade porque fala e sente igual, coa súa voz cotiá.

Despois de ler o poemario, estivemos traballando nesta proposta de actividades LIM que vos recomendo, porque lle permite ao alumnado volver sobre aqueles poemas que máis lle interesan, poñerlle a banda sonora de Bruce Springsteen aos versos, xogar cos versos, reflexionar sobre o que leron, entender mellor as referencias e a intertextualidade co mundo da arte, da música e moito máis.



Este foi un dos poemas que elixiron os rapaces como dos seus favoritos:


Thunder Road

Deixa

que os motores

ruxan salvaxes

imos xuntos

queimar

a madrugada

esnifar

unhas cantas raias

da estrada

a tope

cos malotes de sempre

a arrasar

nena

a arrasar

que o día de maña

din que nunca existiu

e ti tes uns ollos azuis

e flipantes

e eu un burato de medo

no medio da chapa do peito

que se cadra ti

esta noite

es quen de encher

agora

corpo a corpo

antes de que oxiden

as horas e a vida

sexa

fume

de tubo de escape

unha derrapaxe

en falso

na seguinte curva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario