venres, 28 de outubro de 2011

Dialectoloxía da Lingua Galega

Para estudardes a área de Dialectoloxía podedes consultar esta obra A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego coordinada polos profesores Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías.

A selección fíxose tendo en conta, en primeiro lugar, criterios esencialmente lingüísticos: buscáronse textos representativos do galego falado nunha área ou subárea, co maior número posible de trazos fonéticos e morfolóxicos caracterizadores e tamén coa maior riqueza léxica posible. A maioría dos textos son dos anos 1974-76 e 1992-95 (entre eles intercálanse algúns que van de 1979 a 1990) dous períodos ben diferentes no que atinxe ao grao de normalización social do idioma, polo que o estudoso pode analizar a evolución do galego neses vinte anos. Por outra parte, procurouse que na mostra dos tres diferentes períodos da escolma (mediados dos 70, década dos 80, primeiros anos dos 90) houbese mostras de informantes de diversas xeracións, para que se aprecie a variedade e a variación. Ás veces, á hora de seleccionar material representativo dunha área (e dunha xeración) preferironse gravacións con deficiencias técnicas, pero con calidade lingüística, no canto dun texto mellor gravado pero pobre temática e lingüísticamente.
En segundo lugar, a escolma de textos fíxose atendendo tamén a criterios extralingüísticos, procurando a maior variedade temática posible, non só para facela amena para estudantes e ensinantes de lingua galega, senón tamén para que un etnógrafo, un historiador ou un sociólogo interesados pola Galicia anónima (a de onte e a de hoxe) poida tamén utilizar esta breve mostra: os asuntos tratados son tan diversos que investigadores alleos á lingua galega tamén poden tirar partido deste material. Da mesma maneira esta escolma pode ser de boa utilidade para os profesionais que usan habitualmente o galego oral, e de xeito especial para os locutores dos medios de comunicación, dobradores e actores, porque a fonética e a entoación que nos textos se escoita é toda ela autenticamente galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario