martes, 19 de novembro de 2013

O meu peor pesadelo por Irene Sánchez Suárez (2º B)



A pasada noite tiven un pesadelo horrible; un deses que cando espertas, estás taquicárdico e che custa horrores respirar; un deses que aínda que intentas por todos os medios afastar da túa mente, non es capaz de facelo e, unha e outra vez, volve para torturarte.
Unha noite de Samaín, estabamos  un grupo de amigos no cemiterio da vila, intentando que a noite dos mortos viventes fose o máis divertida posible: iamos todos disfrazados de momias, de esqueletes, de bruxas, fantasmas, vampiros, zombis... Esa mesma tarde estiveramos poñendo cabazas decoradas por todo o cemiterio, e o ambiente era o máis terrorífico posible. Un empezou a contar historias de medo mentres os demais comiamos larpeiradas arredor dunha cachela, que encenderamos para non pasar frío naquela noite de xeada. No máis interesante da historia escoitamos un ruído ás nosas costas pero intentamos non poñernos nerviosos e non fixemos caso. Pero outro ruído, máis forte, aos poucos minutos fixo que nos xirásemos para comprobar a que se debía; detrás de nós había unha morea de zombis que se achegaban cos brazos estendidos e facendo uns sons arrepiantes. Empezamos todos a correr todo o rápido que podiamos pero eles eran máis e acurraláronnos e rodeáronnos de xeito que non tiñamos escapatoria.
Achegábanse cada vez máis, e os nosos corazóns non daban feito do medo que estabamos pasando. Un de nós intentou distraelos para que os demais puideramos escapar, e así o fixemos. Agora só faltaba que el tamén lograra esquivalos pero, como?
Cada vez estaban máis cerca e con máis ansia de comerlle as entrañas ao noso amigo e, cando estaban a piques de alcanzalo... espertei cun berro e un salto na miña cama. Que mal o pasei!

luns, 18 de novembro de 2013

Pablo era un rapaz moi curioso por Patricia Taboada (3º A)

Pablo era un rapaz moi curioso. Sempre quería saber a resposta para todas as preguntas. Un día, seu avó, contoulle que no monte que había xunto á súa casa morrera un rapaz colgado. A curiosidade de Pablo foi moito maior cando seu avó lle dixo que se ías camiñando ás doce da noite polo monte e pasabas xunto da árbore onde morrera vías ao rapaz colgado. Pablo quedou moi sorprendido. Ao día seguinte, despois de pensalo moito, decidiuse e foi. Pola tarde chamou a Ramón, o seu mellor amigo. Contoulle a historia que lle dixera o seu avó o día anterior, e preguntoulle se quería ir con el. Ramón non estaba moi seguro pero díxolle que si. Saíu da casa ás dez e foi buscar a Ramón. 

Cando chegou á súa casa, saíron os dous e foron cara ao monte. Eran case as doce cando chegaron. Percorreron todo o espazo pero non atoparon nada. 

Eran xa as doce e media cando Ramón lle dixo a Pablo que era mellor marchar, xa que alí non ían atopar nada. Pablo asentiu e cando estaban dispostos a marchar, unha voz detrás deles chamounos. Estaban moi asustados, pero a curiosidade era moi grande e xiráronse. Un rapaz vestido de branco e mancado de terra non paraba de repetir os seus nomes. Intentaron correr pero non eran capaces de moverse. Pablo preguntoulle quen era e porque non se podían mover. O rapaz non contestou nin se moveu. O único que lles dixo foi que disfrutasen das últimas horas que lles quedaban de vida e desapareceu. Pablo e Ramón botaron a correr para a casa de Pablo. Estaban moi asustados e non entendían o que lles dixera o rapaz. Entre os dous decidiron esperar ao día seguinte para se tranquilizaren. Cando era pola mañá Pablo levantouse e antes de facer nada foi xunto do seu avó. Contoulle todo o que pasara a noite anterior e cando rematou o seu avó estaba branco como unha saba.

Pablo preguntoulle que lle pasaba e o avó só lle dixo que esa mesma noites el e o seu amigo morrerían. Pablo non podía crer o que lle estaba a contar o seu avó. Pediulle máis explicacións. Iso non podía ser certo. Entón o avó recuperouse un pouco e díxolle que non había solución. Pablo comezou a chorar e abrazouse a seu avó. Pero entón ao seu avó ocorréuselle que si que había unha solución, pero era moi desagradable. Díxolle que da morte non se podían escapar, pero podían pasarlla a outra persoa. Pablo non sabía que facer nin que dicir. Ao avó caeulle unha bágoa e díxolle que el morrería polo seu neto. Pablo non o podía crer. Volveu a chorar e díxolle que o quería moito e lle estaría sempre moi agradecido. E así foi, esa noite ás doce da noite atopouse ao avó de Pablo morto no monte.

Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz

Khoedi é unha nena de once anos, que xunto con súa irmá Naima e a súa nai, deixan a súa aldea Ziguinchor, no Senegal, para reunirse co seu pai que está en Vigo.

O seu pai emigrara a Europa na procura dunha vida mellor.

Todo é diferente lonxe de Ziguinchor, só a Lúa, coa que Khoedi fala, parece a mesma do Senegal, pero coa luz máis pálida.

Khoedi fálalle a Lúa con morriña do seu pobo e de todo o que deixou atrás. Tamén lle conta que bota de menos a mamá Feriane, a súa avoa, que morreu uns meses antes de marcharen para Vigo.

Mamá Feriane sempre lle contaba historias pola noite, na terraza, mentres fumaba en pipa, historias que lle explicaban como o deus Olorun creara as cousas do mundo.

A Khoedi gustábanlle as historias da súa avoa, e aprendeu dela, a arte de inventar historias, que agora ela lle conta á súa irmá, cando non pode durmir ou está triste.

Khoedi ten medo, aínda non coñece ben o galego nin o castelán, e sente que toda a xente os mira, cando camiñan polas rúas da cidade. Xa na estación do tren, sofren os insultos dun home que as despreza pola cor da súa pel.

En Vigo coñece a Beidu, filla duns amigos de seu pai, que lle presenta a outras nenas, que irán á mesma escola que vai ir ela, pero Khoedi ten medo de ir á escola, pois pensa que non se vai adaptar.

Nunha festa que fan seus pais con amigos senegaleses, coñece a Mareime, que tamén é do Senegal, pero a súa historia é diferente. Ela traballa na universidade e quere saber como son as viaxes dos senegaleses que chegan a Europa. Por iso lle pide o pai de Khoedi, que lle conte a súa viaxe, unha viaxe moi longa, moi dura, na que tivo que deixar atrás a compañeiros que naufragaron no mar.

Mareime tamén colabora cunha asociación senegalesa en Vigo, que axuda aos inmigrantes que chegan a Vigo. No seu local Khoedi ve uns recortes de noticias que contaban o terrible destino de moitos inmigrantes.

Mareime dille que ten que estudar moito e aproveitar ese talento que ten para contar historias, para contar cando sexa grande, todo o sufrimento do seu pobo.

O primeiro día de colexio, Khoedi animada pola mestra, perde o medo e conta unha das súas historias aos seus compañeiros, e a pesar de que algúns mírana mal, a maioría apláudenlle, facéndoa sentirse ben acollida.

Diego Moreira Souto (2º B)

Relato de terror por Mariña Lema Blanco (3º A)

-Ui, perdón. Foi sen querer.- desculpeime.

Non vira ao encantador de soños, que actuara no salón de actos, e tiráralle o atrapador de soños.

- Rompéchesmo! Era irremprazable, do século dazaoito.- reñiume con malas pulgas.

- Perdoe, pero é que vostede foi quen tropezou comigo.- miroume con mala cara e afastouse dicindo unhas palabras raras que non entendín.

Despois dun día coma aquel, estaba tan cansada que fun cediño para a cama. E coma moitas veces non dei pillado o sono, así que fun ao baño por un vaso de auga. Aínda que era de noite todo estaba relativamente escuro. Ao volver, todas as portas estaban fechadas e non as podía abrir. Sentín algo frío nos pés, mirei ao
chan, que estaba cuberto de sangue. Ao levantar a cabeza vin a un home ao fondo do corredor que tiña unha macheta na man. Os meus pesadelos parecían cobrar vida. O home íase achegando.

Quería fuxir, pero as miñas pernas non respondían, quería berrar, pero os meus beizos estaba selados, quería abrir os ollos e espertar, pero as miñas pálpebras parecían mármore.

- Nooooooooon!- espertei berrando.

- Esperteite porque non parabas de berrar e estás suando. Que tes?- dixo miña nai.

Non fun capaz de durmir durante o que quedaba de noite, por medo a que volvera suceder.

Ao día seguinte, domingo, fomos xantar á casa da avoa. Ao baixar do coche, miroume con cara de espanto. Parecía que se lle fosen saír os ollos das órbitas.Inspeccionoume e dixo:

- Esta nena ten a sombra, hai que lavala correndo a xunta Sabina.

Non tiña ánimo e estaba cansada, pero accedín a ir. Cando chegamos, unha vella de aspecto centenario, vestida de negro e cun pelo branco coma a lúa chea, recibiunos e sen dicir máis, sentoume nunha alfombra. Agarroume os brazos e estaloume a espalda.

- O que temía.- dixo cunha voz áspera.

- Que?

- Shhhh!!!!! Non se pode falar, cala a boca.

Cunhas follas de loureiro verde e unhas “especias” non identificadas fixo unha cachela coa que me afumeou. Deseguido, cociñou nun pote unha apócema noxenta e tívena que beber.

Despois de acabala, comecei a sufrir unhas terribles convulsións e o vaso fíxose mil anacos ao chegar ao chan. Desmaieime e non recordo máis.

A cabeza dábame voltas. Mirei ao meu redor e vin que estaba na cama. Fun á cociña tomar algo, pois aínda tiña aquel brebaxe atoado no estómago. Metín o leite no microondas e collín o xornal. Na primeira páxina aparecía unha foto dunha porta co precinto policial e o seguinte titular:

-Aparece morto no seu piso de Santiago, o famoso “encantador de soños”, Pedro Caldeiro, por causas que aínda se descoñecen.

Os berros de María por Paula Lema Dourado (1º A)

Eran as 8 da tarde, pero parecía que eran as 12 da noite. A chuvia parecía unhas pedras que caían daquel ceo tan escuro. María estaba soa aquela tarde, xa que seus pais tiñan que facer uns recados. María estaba facendo os deberes , cando dun lóstrego a luz foise. María era unha nena moi tímida e medosa. Xa estaba o
suficientemente asustada coa luz encendida, para canto máis coa luz apagada.

María ao ocorrer isto, foi correndo por unha lanterna. Colleuna e foi para a cociña, lugar onde estaba facendo os deberes.

De alí a un anaco, María empezou a escoitar voces.
-Hoxe pola noite... hi,hi,hi ..., que pasará?
-Ai, meu deus! Oxalá que tan só sexa a miña imaxinación!- dicía para ela.

Pero ao acabar isto, María oíu uns pasos e viu unha sombra humana que coxeaba.

Asombra achegábase e María colleu o seu móbil, por se era necesario chamar á policía. Naquel intre lembrou que, os vellos lle dicían que onde estaba a súa casa había un cemiterio. Ela pensaba que esta historia tan só era para poñerlle medo, pero agora xa dubidaba. María deuse a volta, e detrás dela había un zombi cun coitelo na man. O zombi colleuna e María tentou escapar.

-Sólteme, sólteme!- berraba desesperada.

-Se estás calada, máis tempo estarás viva.-díxolle o zombi.

O zombi tiroulle o teléfono e María xa deu todo por acabado. E así foi, o zombi matou a María por vivir enriba do cemiterio.

Cando chegaron os pais de María, viron o seu cadáver cun coitelo cravado no peito e unha nota que dicía:

"Se queredes vivir, esta casa debedes destruír. O cemiterio terá que volver, para que máis mortes non haxa que ver."

Cando os pais de María leron aquela nota, decidiron mudarse e destruír a casa, para que eles non morresen.

Hoxe en día, cando eu paseo por en fronte de onde estaba a casa de María, aínda se poden oír os berros de María contra o zombi.

domingo, 17 de novembro de 2013

Berlín, poemario de María Lado recitado coa música de Fanny & Alexander

Para o alumnado de 4º da ESO, aquí vos deixo o recitado do poemario Berlín de María Lado coa música vangardista e indie do grupo galego Fanny & Alexander. Desfrutade da doce e sensual voz da poetisa ceense e do sosegado pop electrónico deste interesante grupo galego.


 


 Para facerdes o voso traballo no que relatedes as vosas impresións despois de ouvir con calma os 19 minutos de recitado, lembrade que tedes que incluír cal é a cidade que serve de marco a esta historia e que se homenaxea no poemario. Adiviñastes de onde tomou o nome o grupo musical? Desfrutastes do pop electrónico, persoal e intimista de Fanny & Alexander?


  María Lado invéntase un amante neste poema ao que chama Berlín, por ter un ollo dunha cor e outro doutra. Coñécense en Santiago de Compostela, para ela, a cidade do amor. Recorda a primeira vez que o viu. Narra a historia de amor como se fose un recordo e fala dela con nostalxia. Ao longo do poema fai un percorrido por Santiago. Describe cada un dos recunchos nos que paran e explica que sentido teñen para os dous amantes. Pasa polo Obradoiro, a praza da Quintana, a Alameda... Cada un destes lugares teñen unha función distinta, e ela dálles un significado totalmente persoal. Ao final do poema, os amantes sepáranse. Escríbense cartas ata que un día, estas, desaparecen misteriosamente e María non volve a saber máis del. Paréceme un poema moi íntimo e moi sensual. Todo xira ao redor da parella, e nada do que acontece na cidade lles prexudica nin estropea o seu momento. Presenta Santiago como o seu fogar no que se senten a gusto e demostran o seu amor en cada praza e cada rúa. Fala de como a natureza os envolve, como bica e aperta o seu namorado deitados na herba, como o mar os persegue e como as estrelas os envexan. Fanny & Alexander é o grupo que pon música ó poema ''Berlín''. Os seus compoñentes son Efi Arias e Noel Ferrís. Tocan música indie en galego. O nome do grupo foi sacado do título dunha película sueca-alemá do director Ingmar Bergman. Narra a historia dunha familia que vive nunha pequena cidade sueca. Os personaxes principais son dous irmáns chamados Fanny e Alexander. Alicia Rodríguez Caamaño (4º ESO)

sábado, 16 de novembro de 2013

A noite de Halloween por Silvia Oliveira Santamaría (3º A)

Había unha vez,hai moitos anos en Irlanda,unha familia que foi asasinada polo fillo máis pequeno,Filip.
Resulta  que había unha familia moi feliz,os Manrew,que habitaba nunha mansión preciosa no medio da cidade. Destacaba entre todas as demais xa que o tamaño e a cor eran incomparables ás demais vivendas da rúa.
Conork Manrew,o pai de 39 anos,tiña dúas fillas e dous fillos. Lara Manrew de 10 anos, Alice Manrew de 15 anos,Paul Manrew de 16 anos e Filip Manrew de tan só 6 anos. A súa muller,Michelle Manrew,de apelido real Dilan,tiña 36 anos.
Era unha familia rica e feliz a pesar das típicas desputas familiares que sempre acababan arranxando. Celebraban todas as festas alegremente deixando que os seus fillos trouxeran aos seus amigos a cear e pasar a noite.
Sempre o pasaban ben até que en Halloween de 1972, ocorreu algo imposible de imaxinar que ninguén se esperaba que pasara.
O fillo menor, Filip, estaba raro,coma agresivo ata cos demais nenos. A nai non comprendía o comportamento do seu fillo, sempre fora o que mellor se portaba, e aquel día parecía ser outro distinto. Conork e Michelle falaron sobre o tema e decidiron non darlle importancia, pois supuxeron que sería un pequeno enfado que se lle pasaría á  noite á hora de disfrazarse e ir buscar caramelos á casa doutros veciños. Pero non foi así. O neno seguía con carácter agresivo e non semellaba un pequeno enfado, senón que aparentaba estar posuído. Filip acompañou aos demais nenos polas casas sen dirixir a palabra pero con aquela mirada de asasino que che producía calafríos ao vela.
Cando volveron todos á casa,a nai preguntoulle a Filip que lle pasaba, mais el nin a mirou e dirixiuse cara á habitación. Nin sequera falou cos amigos aos que invitara a durmir esa noite. Simplemente foise deitar. Conork calmou a Michelle intuíndo que á mañá seguinte todo seguiría coma sempre. Finalizou dicindo que o pequeno Filip só tivera un mal día. Pero o que Conork non sabía, era que ningún dos Manrew que habitaban nesa casa terían mañá seguinte.
Todos se foron deitar coa tranquilidade de que Filip ao día seguinte estaría mellor,coma o doce e educado neno que sempre fora. Pero estaban equivocados. O neno agardou a que todos durmisen para levantarse sixilosamente e ir por un coitelo á cociña. Comezou por Michelle e Conork ata rematar por Paul. Foi matando un a un a todos os  membros da súa familia deixando aos invitados intactos. Tan pronto rematou lavou o coitelo, secouno e enterrouno no xardín baixo unha das árbores que había.
De seguido foise deitar á cama e quedou durmido tan pronto como pechou os ollos.
Á mañá seguinte, Filip espertou a canda os outros nenos,que tan pronto viron o sague no corredor comezaron a alporizarse e a poñerse nerviosos. Os maiores chamaron a todos os pais dos nenos para que viñeran por eles canto antes. Tamén chamaron a policía e a ambulancia. Non comprendían o sucedido,era todo moi estraño. Cada pai levou ao seu fillo para casa para tratar de tranquilizalos mentres que a Filip o levaron a un orfanato.
Ninguén dou nunca co asasino,e moito menos sospeitaron do pequeno Filip que nin sequera lle dirixiu a palabra aos axentes que o levaron ao orfanato.
A partir dese día,cada Halloween cunde o pánico na cidade co medo de que volva suceder tal desgraza. Mais a mansion dos Manrew nunca máis foi habitada,xa que se dicía que cada noite se escoitaban as voces e se vían os espíritos dos Manrew merodeando por ela.