domingo, 17 de novembro de 2013

Berlín, poemario de María Lado recitado coa música de Fanny & Alexander

Para o alumnado de 4º da ESO, aquí vos deixo o recitado do poemario Berlín de María Lado coa música vangardista e indie do grupo galego Fanny & Alexander. Desfrutade da doce e sensual voz da poetisa ceense e do sosegado pop electrónico deste interesante grupo galego.


 


 Para facerdes o voso traballo no que relatedes as vosas impresións despois de ouvir con calma os 19 minutos de recitado, lembrade que tedes que incluír cal é a cidade que serve de marco a esta historia e que se homenaxea no poemario. Adiviñastes de onde tomou o nome o grupo musical? Desfrutastes do pop electrónico, persoal e intimista de Fanny & Alexander?


  María Lado invéntase un amante neste poema ao que chama Berlín, por ter un ollo dunha cor e outro doutra. Coñécense en Santiago de Compostela, para ela, a cidade do amor. Recorda a primeira vez que o viu. Narra a historia de amor como se fose un recordo e fala dela con nostalxia. Ao longo do poema fai un percorrido por Santiago. Describe cada un dos recunchos nos que paran e explica que sentido teñen para os dous amantes. Pasa polo Obradoiro, a praza da Quintana, a Alameda... Cada un destes lugares teñen unha función distinta, e ela dálles un significado totalmente persoal. Ao final do poema, os amantes sepáranse. Escríbense cartas ata que un día, estas, desaparecen misteriosamente e María non volve a saber máis del. Paréceme un poema moi íntimo e moi sensual. Todo xira ao redor da parella, e nada do que acontece na cidade lles prexudica nin estropea o seu momento. Presenta Santiago como o seu fogar no que se senten a gusto e demostran o seu amor en cada praza e cada rúa. Fala de como a natureza os envolve, como bica e aperta o seu namorado deitados na herba, como o mar os persegue e como as estrelas os envexan. Fanny & Alexander é o grupo que pon música ó poema ''Berlín''. Os seus compoñentes son Efi Arias e Noel Ferrís. Tocan música indie en galego. O nome do grupo foi sacado do título dunha película sueca-alemá do director Ingmar Bergman. Narra a historia dunha familia que vive nunha pequena cidade sueca. Os personaxes principais son dous irmáns chamados Fanny e Alexander. Alicia Rodríguez Caamaño (4º ESO)

Ningún comentario:

Publicar un comentario