A pasada noite tiven un pesadelo horrible; un deses que cando espertas,
estás taquicárdico e che custa horrores respirar; un deses que aínda que
intentas por todos os medios afastar da túa mente, non es capaz de facelo e,
unha e outra vez, volve para torturarte.
Unha noite de Samaín, estabamos un
grupo de amigos no cemiterio da vila, intentando que a noite dos mortos
viventes fose o máis divertida posible: iamos todos disfrazados de momias, de
esqueletes, de bruxas, fantasmas, vampiros, zombis... Esa mesma tarde
estiveramos poñendo cabazas decoradas por todo o cemiterio, e o ambiente era o
máis terrorífico posible. Un empezou a contar historias de medo mentres os
demais comiamos larpeiradas arredor dunha cachela, que encenderamos para non
pasar frío naquela noite de xeada. No máis interesante da historia escoitamos
un ruído ás nosas costas pero intentamos non poñernos nerviosos e non fixemos
caso. Pero outro ruído, máis forte, aos poucos minutos fixo que nos xirásemos
para comprobar a que se debía; detrás de nós había unha morea de zombis que se
achegaban cos brazos estendidos e facendo uns sons arrepiantes. Empezamos todos
a correr todo o rápido que podiamos pero eles eran máis e acurraláronnos e
rodeáronnos de xeito que non tiñamos escapatoria.
Achegábanse cada vez máis, e os nosos corazóns non daban feito do medo que
estabamos pasando. Un de nós intentou distraelos para que os demais puideramos
escapar, e así o fixemos. Agora só faltaba que el tamén lograra esquivalos
pero, como?
Cada vez estaban máis cerca e con máis ansia de comerlle as entrañas ao
noso amigo e, cando estaban a piques de alcanzalo... espertei cun berro e un
salto na miña cama. Que mal o pasei!
Ningún comentario:
Publicar un comentario