luns, 7 de maio de 2018

Made in Galiza de Séchu Sende, recensión de Brais Martínez Lema (3º ESO A)

Na oficina de obxectos perdidos:
Un home, entérase de que acaban de abrir unha oficina de obxectos perdidos, e acode xa que perderá algo. Chega alí, e ponse a falar co garda en castelán, xa que perderá a lingua. Despois de explicarlle algunha das características da lingua, como o seseo, atópana, e pode volver a falar galego.
O ladrón de palabras:
Neste relato, fálase dun home que ía pola rúa, e a golpe de coitelo cun sorriso de orella a orella, intentaba comprarche palabras da túa lingua, e se te negabas, roubábacha.
Así, pouco a pouco, a xente foi collendo medo, e esa lingua, non a falaban na rúa, só a usaban na casa para que non llela roubasen.
Ao final, a lingua case desapareceu por completo, e a xente segue sen falala por temor a que volva o ladrón.

Unha palabra común:
Neste relato, o protagonista é unha palabra do galego. Esta palabra vive nun piso, ten traballo… é dicir, fai vida normal, pero é consciente de que moitas coma ela están a desaparecer por castelanismos, e dende que un castelanismo a acosaba na porta, tiña moito medo e choraba sempre.
Deuse conta de que con choros non facía nada, e decide seguir coa súa vida e defenderse, xa que é a súa lingua, non pode deixarse substituír así de fácil, e pensa que as demais palabras da lingua, tamén se teñen que opoñer aos castelanismos.
Nin en soños vou perder a miña lingua:
Neste relato, unha nena pequena, escoita no autobús que a xente nova está perdendo a lingua, e asústase moito.
Falao coa nai e a nai explícalle que iso é verdade, e que o único que se pode facer e falar moito, pero a neniña, de tan só cinco anos, non o comprende ben, e comeza a falar sen parar, dicindo calquera cousa, e de vez en cando, mira no espello, saca a lingua, e comproba que non a perdeu.

O home aforcado:
Neste relato, un home namorado, decide suicidarse. Engancha unha corda a unha nube, sobe a unha banqueta, ata a corda ao pescozo e tira a banqueta. A nube comezou a moverse co corpo morto do home, e din que a nube, pasa co esqueleto do home por onde os que sofren por amor.
Estes, son os resumos dos relatos que máis chamaron a miña atención.
Tamén me chamaron moito a atención, algúns nos que se trataban as palabras como obxectos. Por poñer un exemplo, hai dous relatos nos que o escenario é unha tenda, á que alguén acode a mercar palabras.
Outra cousa que me sorprendeu, foi que na forma de escribir o libro, se nota que o autor é galego, xa que nalgunhas palabras, non sei se querendo ou sen querer, aparece o seseo escrito.

Gustoume moito, xa que non conta unha única historia continua, senón que conta unhas cincuenta historias, sobre problemas lingüísticos e o perigo de desapareceren as linguas, en concreto o galego, aínda que tamén fala sobre outras.
Brais Martínez Lema (3º ESO A)

Rúa Carbón de Marilar Aleixandre, recensión de Nuria Vila (3º ESO B)

Este libro fala dun tema un tanto complicado como é ETA (Euskadi Ta Askatasuna), unha organización terrorista nacionalista vasca. 
Neste libro ou novela a protagonista é Paula unha rapaza que ten tres avoas, unha cousa un pouco rara xa que ningunha era bisavoa. Paula fala de que ten tres avoas porque conta como avoa á nai do seu padrastro. O pai de Paula falecera nun accidente de ETA, non un accidente calquera, senón nun accidente manipulando unha bomba deste grupo terrorista. A nai de Paula non lle contou nada disto ata o verán no que acontece este libro, o verán de 1º de Bacharelato. Ese verán tiñan planeado ir para o País Vasco como todos os veráns, pero a irmá de Paula (só era filla de súa nai) ía ir a un campamento e, aínda que a Paula non lle chistaba moito a idea de ir, rematou indo igual. Para que puidera entender mellor todo o que pasara, súa nai deulle un diario que ela escribira cando estaba con Iñaki, o seu pai de sangue. Ó principio, Paula intentaba evitar o tema pero de poucos en poucos foise dando de conta de que tal cousa xa non se podía agochar mais e coa axuda dun dos seus amigos da infancia, Martín, co que remata tendo unha relación de amor, descobre quen era realmente o seu pai.
Despois dun tempo comeza a ler todo o diario que súa nai lle deixara e dáse conta de quen era en realidade seu pai.
Lendo un pouco entre liñas podémonos dar de conta de que Martín se identifica con Iñaki xa que el tamén formaba parte dun grupo terrorista e que todo o que estaban vivindo Paula e Martín xa o viviran anos atrás a nai de Paula e Iñaki. 
Gustoume moito este libro porque fala dun tema complicado e narra como unha filla segue os mesmos pasos que deu súa nai, aínda que ningunha das dúas se decaten.
Nuria Vila Parga (3º ESO B)
 

Leonel de Antón Cortizas, recensión de Roi Eiroa (2º ESO)

Este libro trata dun rapaz chamado Miguel que ten que ir pasar as vacacións a casa dos seus avós, que está nunha parroquia chamada Grandal, polo que non está acostumado a vivir no campo porque el vive na cidade de Ferrol.
Ao principio parécelle todo aburrido, pero despois, a medida que vai descubrindo cousas xa non quere marchar.
Coñece unha rapaza chamada Ana que ten a mesma idade ca el, polo que se fan moi amigos. Eles pescudan en información sobre un tal Leonel, que é un pastor que un día desapareceu sen máis. Eles van encontrando textos seus, xa que el era gran contador de historias. Primeiro buscan en hórreos das casas pero non encontran nada ata que un día visitando a unha veciña conseguen saber que nunha mina poden encontrar algo.
Na mina encontran o segundo texto de Leonel. un día de moita calor baixan ao río a refrescarse, e alí descobren que están namorados.
Despois duns días sen buscar averiguan que debaixo das tellas do hórreo dos avós de Miguel está o terceiro texto.
Na súa última noite, Miguel descobre mirando para un mapa que Leonel foi para as Américas.
Os personaxes protagonistas do libro son Miguel e Ana.
Miguel é un rapaz que vive en Ferrol pero que seus pais, como suspendeu tres sinaturas mandárono pasar o verán a casa dos seus avós, pero ao final non o pasou tan mal.
Ana é unha rapaza que vive na parroquia dos avós de Miguel, que finalmente faise moi amiga del cando estaban na procura de Leonel.
E outras personaxes secundarias do libro son as seguintes:
Tareixa é a avoa de Miguel que emigrou a Uruguai cando era por culpa da fame que se pasaba en Galicia. Foi sempre moi atenta con Miguel.
Duarte é o avó de Miguel que tamén emigrou a Uruguai e coñeceu a Tareixa no barco. É un home moi aventureiro e gústalle inventar feitos que son mentira.
Leonel é un home que vivira había tempo na casa dos avós de Miguel ata que un día desapareceu deixando a casa ao coidado dos veciños. Miguel e Ana pasaron todo o verán buscando pistas sobre el.
Ramón o da Visita é o avó de Ana, que acompaña ó avó de Miguel para recollelo e para deixalo na estación de tren.
Mercedes da Metralla é unha anciá da parroquia que vive no alto dun monte e sempre ten prendido o lume para que todos saiban que está ben.
Gustoume moito este libro porque é entretido e moi divertido cunha historia moi boa.




A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, recensión de Andrea Lema Cotelo (2º ESO)

Nesta historia empézase falando dos alumnos do último curso de bacharelato, que están agardando xa pola festa de disfraces do Carnaval. Pero polo de agora aínda quedan uns días, e a mañá transcorre no instituto entre clase e clase coma todos os días; na clase de galego Sofía escribe un relato un tanto especial, e este é admirado polo seu compañeiro de clase Rubén. 

Uns días despois Rubén ten a sorte de poder bailar con ela e aí comeza unha relación que é un pouco máis ca amizade. Unha vez rematada a festa Sofía e Lupe saen dela pretendendo coller un taxi, pero non hai así que Lupe para un coche pensando que será algún coñecido da escola que poida levalas á casa. Ao parar o coche resultou ser que non era ningún coñecido senón que eran dous universitarios bastante máis maiores ca elas, e parecían un pouco ebrios. Ao chegar a un atasco na estrada, un deles decide tomar un “atallo”, e tempo despois danse conta de que se perderon, baixan do coche, e alí mesmo, obrigan as rapazas a manter relacións sexuais. Pasado iso marchan no coche e déixanas alí tiradas. Sofía chama a súa nai que ven moi preocupada a por elas, levan a Lupe a súa casa, porque non puido chamar ós seus pais debido a que perdeu o teléfono móbil, ao chegar, falan de poñer unha denuncia pero o pai de Lupe non a apoia, porque pensa que van empeorar o asunto, van saír no xornal, na televisión, vaino saber todo o colexio... Pero ao final van as dúas a poñer a denuncia, e a facer un exame médico, cóntanlle todo o que pasou a un policía e describen aos agresores. 

Tras pasar as vacacións de Carnaval volven ao instituto e a noticia xa se estendeu por todo o centro. Entre os compañeiros destaca Mauricio, un rapaz que provoca e intenta ofender as vítimas culpándoas de que foron elas as responsables de que todo sucedera, di que elas provocaron ós homes levando minisaia, pero elas intentan sacarse iso da cabeza e non pensan que fora por levar a xa mencionada prenda. Por moito que intentan evadir a Mauricio e esquecer o seu problema el sempre daba coa maneira de facelas recordar. Un deses días apareceu unha pintada no baño das rapazas na que as insultaba, poñía: “Sofía e Lupe putas”. Elas puxéronse moi tristes por isto e os profesores expulsaron do colexio a Mauricio, por tres semanas. 

Finalmente a policía atopa os agresores e todo se prepara para ir a xuízo. Debido a tanta publicidade os pais de Lupe convéncena de que retire a denuncia, e o avogado defensor da familia do agresor de Sofía proponlles á familia unha oferta económica que podería resolver o futuro da educación da súa filla, estes rexéitana. E tras un tempo de que Lupe meditara sobre a súa decisión decide volver a presentar a súa correspondente denuncia. 

A min gustoume moito o libro, pareceume moi interesante, e ademais ao falar da violencia, en concreto da violencia de xénero, aprendes un pouco máis sobre iso.

Andrea Lema Cotelo (2º ESO)

Europa Express de Andrea Maceiras, recensión de Laura Torrado Pérez (2º ESO)

O libro conta como Nico encontra unha postal en Bergen del e dos seus amigos, dez anos despois de que esa fotografía se fixera cando eles aínda estaban de viaxe. Na foto atopa ao seu mellor amigo, Xacobe, e a súa actual moza Aroa bicándose, algo que lle sorprende xa que non soubera nada daquela posible relación. Ademais aquel bico tamén lle recorda a Xacobe, ao que atoparan morto días despois da volta de interrail. Por iso, a partir dese suceso contacta con todos os compañeiros que realizaran a viaxe e convócaos a unha cea onde recordarán vellos tempos e ao seu amigo.
 
Ao mesmo tempo, o libro vai contando o que pasara había dez anos naquela aventura por Europa. Naquela altura todos os rapaces cambiaron moito pero no único que coinciden é que nunca deixaron de pensar en Xacobe e no que lle ocorreu.
Xacobe era un rapaz moi misterioso e intelixente que sempre estaba a pensar na vida. Este naceu nunha familia onde os pais se separaron e o pai co que vivía non estaba moito pola casa, polo que foi coidado por unha señora que o consentiu moito só para velo feliz. Aínda así, Xacobe pasou a maior parte da súa vida na casa de Aroa, unha amiga coa que compartiu a súa infancia. Mais máis tarde manterían unha relación secreta para os seus amigos e moi rara. O rapaz padeceu dunha enfermidade de corazón dende pequeno pola cal necesitaba cada día unha específica dose dunha menciña. Xacobe foi encontrado morto días máis tarde da volta en interrail.
Aroa é unha rapaza moi guapa aínda que non moi comprendida polos seus compañeiros. Vivía nunha casa onde os pais tiñan abellas, uns animais que sempre lle apaixonaron, algo que a levou a converterse nunha bióloga especializada nelas. Cando era máis nova tivo unha relación con Xacobe, a cal sempre a confundiu, xa que non entendía o comportamento do seu amigo, mais nunca foi capaz de terminar con ela. Despois da morte del, esta pensou que fora a culpable do falecemento, por iso, nunca quixo falar do tema con ninguén. Anos máis tarde da viaxe atopou a Nico nun aeroporto e empezaron a saír.
Nico é un rapaz moi bo, ao que dende sempre lle gustou Aroa, á que encontra anos máis tarde da viaxe en interrail nun aeroporto. Despois do reencontro convértense en parella. O seu mellor amigo era Xacobe, o que lle pareceu sempre moi intelixente. Despois da súa morte sempre pensou que o que pasara en realidade aquel fatídico día non era o que os médicos dixeran. Xacobe e a súa morte nunca deixaron de estar na súa mente.
Beatriz é a amiga máis achegada a Aroa. Decidiu dedicarse á psicoloxía en parte pola morte de Xacobe e foi a única que soubo algo da existencia da relación entre eles dous.
Óscar é o primo maior de Mía. É moi atrevido e festeiro e é seguidor do Deportivo. Xa de máis grande traballa de mecánico.
Mía é unha rapaza un ano menor ca os demais. É moi presumida e adoita falar con termos que proveñen doutros idiomas ou con frases pouco habituais. Só foi á viaxe para pasar máis tempo con Xacobe, xa que naquel tempo lle gustaba e lle parecía moi guapo.
Piero é un rapaz italiano que se fixo amigo dos demais o ano que estivo de intercambio en Galicia. Despois da viaxe segue mantendo contacto con Nico. Anos despois encárgase do restaurante de seus pais xunto á súa muller.
Gustoume moito porque é un libro misterioso que ata ler o final non sabes o que pasou con Xacobe, algo que fixo que acabara de ler antes o libro xa que necesitaba saber o que ocorrera. Ademais encantoume como a autora describe a cada personaxe.
Laura Torrado Pérez (2º ESO)








































































luns, 26 de febreiro de 2018

Sobre o machismo, Lucía Sánchez Suárez (4º ESO)

Resultado de imaxes para MACHISMO 
Cada ano que pasa son máis as vítimas por violencia de xénero, algunhas delas denuncian pero outras non. No que levamos de ano xa morreron tres mulleres a causa de violencia machista. Unha destas mulleres era prostituta e o caso non foi considerado como violencia de xénero porque a vítima e o asasino non se coñecían antes diso. Outras dúas mulleres presentaron denuncias que foron arquivadas porque non corrían ningún perigo, ata que as asasinaron. As precaucións sempre son poucas e que seguridade teñen as mulleres se ao arriscarse a denunciar non lle dan a máis mínima importancia?
Ao saír á rúa intentamos non ir soas e que non se nos faga moi tarde para non quedar practicamente ás escuras ti soa con todos os pensamentos que che pasan pola cabeza. Eses típicos consellos de que todas recibimos de “non vaias soa pola rúa de noite”, “volve á casa acompañada”, “ten coidado”, “non te pares con ningún descoñecido”, “volve cedo”, “chámame cando chegues”, “ non vaias por lugares escuros”…
Aos rapaces nunca se lles di estas cousas pero as rapazas desde novas levamos estas frases gravadas no cerebro.
A nosa sociedade, queiramos ou non segue sendo moi machista incluso nas cancións que agora se fan ou de hai uns anos porque as mulleres sempre somos as malas mulleres, polas que estrelaches o teu Seat panda, a Carolina que te ten que tratar ben, eu son todas esas que tratas como algo que podes conseguir e que alguén entende como algo ao besta e toma as mulleres a forza, viólaas, mátaas e fan o que queren PORQUE PODEN.


Rosadecorcoesto, blog de LGL 1º ESO

O alumnado de 1º da ESO, coordinado pola súa profesora, Rosalía Fernández Rial, vai publicando neste blog todas as súas actividades máis creativas, Rosadecorcoesto. Non o perdades!!
https://rosadecorcoesto.wordpress.com/