martes, 10 de decembro de 2013

Eduardo Vazquez Espasandín, O " Jay Jay" polo seu bisneto Simón Collazo Lema

NADO: Rebordelo, Cesullas. Cabana de Bergantiños. 08.12.1909
                                                                         FINADO: Neaño, Cesullas. Cabana de Bergantiños. 25.11.2003

A pesar de aprender o oficio de carpinteiro co seu irmán, Eduardo Vázquez Espasandín foi un famoso músico popular desde A Coruña a Padrón, desde Cabana ata o Carballiño, etc. El tocaba o bombo pero quería ser gaiteiro. Iniciouse na música popular no grupo Os Jaiteiros de Neaño y Jay Jay. Con el tocaban Manuel do Bronllo, gaiteiro (cuñado da poetisa María Baña); Servando de Indalecio, gaiteiro; e Gabriel de Indalecio, tamborileiro. Tamén estivo pouco tempo n’Os Maravillas de Corme. Por último a grande etapa como músico pasouna n’Os enxebres de Neaño. O nome d’Os Enxebres foille suxerido polo crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. Un día, Eduardo preguntoulle a Saturnino como lle chamaría ó grupo. Cuíñas respondeulle: “Poñeraslle Os Enxebres”. Eduardo replicoulle: “¿Por que?”. O crego rematou a conversa dicindo: “Porque o enxebre, élo ti!”. Todo un amplo abano de músicos populares da Costa da Morte acompañou ó Jay Jay uns 80 anos. De Neaño, amais dos citados arriba: Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña), gaiteiro; e Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamboriño. De Corme: Calixto e Ramona dos Maravillas. De Laxe: José García Insua (Reboredo), gaiteiro. De Lamas (Zas): Manuel, coñecido como o Galo de San Clemente, gaiteiro. De Bamiro: José O Lambirote, gaiteiro e un cuñado seu, tamboriño. Da Campara: Alfredo Castro Fariña, gaiteiro ,e os seus irmáns José, tamboriño, e Ramón, gaita. De Cances: José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro. De Anllóns, Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro. De Iñaño, Serafín, gaiteiro. De Langueirón, Pepe de Langueirón, gaiteiro que aprendeu con Eduardo. De Pedracuca, Lelo do Gaiteiro, tamboriño. Así coma o gaiteiro de Reparada (Vimianzo). Os Enxebres convertéronse, polo tanto, nunha verdadeira universidade da música popular na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños. Alboradas, procesións… Gran parte de Galicia coñeceron as melodías d’Os Enxebres de Neaño. Na Coruña, Eduardo do Menucho (apodo) compartiu escenario con Marinita de la Peña e foi asiduo das festas de María Pita. Polo San Xoán de Carballo competían coas bandas de música de Gamallos. No Santiaguiño do Monte, en Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban enxebre. A Virxe da Barca, en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica…, souberon tamén das súas músicas. Pero de todas as romarías foi o San Fins do Castro a que contou coa súa presenza máis simbólica e interrompida dende os anos vinte do século pasado ata hoxe. Os Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres co Jay Jay ó bombo constitúen parte indispensable da historia desta romaxe, de igual maneira có Berro Seco ou O Santo da Pólvora. Como cantaba Eduardo Vázquez Espasandín botemos este agrú na súa memoria: “¡Viva la juventú! ¡E os vellos que non morran!”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario