martes, 3 de decembro de 2013

Quen di que as vacacións son divertidas? por Adrián Abuín (4º ESO)

Iamos no coche, de camiño a Dinamarca, onde iamos pasar parte do verán. O noso destino era unha pequena aldea, cerca dunha vila, para poder así afastarnos un tempo da cidade. Estabamos impacientes por ver como sería a casa. Por fin chegaramos. -A verdade, esperábame algo máis –dixen eu, en canto vin a casa. -Si, eu tamén contaba con algo mellor –contestou miña nai. Entramos. Por fóra, a casa era vella, de madeira, parecía que tivese máis de cen anos. Por dentro, era aínda peor. O chan apenas sostiña o noso peso, todo estaba húmido, había manchas nas paredes… Cada un foi á súa respectiva habitación, para comprobar o seu estado. Máis do mesmo. Toda a casa parecía que ía a derrubarse en calquera momento. Só o teito e as súas vigas transmitían seguridade, razón pola cal decidimos quedar, a pesar do estado xeral da casa. Entre a viaxe, colocar as cousas nas habitacións e mirar algo polo arredor, xa era noite. Ceamos pouco, pois queriamos ir durmir e, ademais, estabamos algo mareados. Mais non fun capaz de pegar ollo. Parecía que houbese algo ou alguén máis naquela casa e, cando por fin quedaba durmido, tiña terribles pesadelos e espertaba cheo de suor. Á mañá seguinte comprobei que non fora o único ao que lle sucedera aquilo. Os meus pais non lle deron importancia, mais eu si. Así que mirei por toda a casa, buscando algo raro, algo que non debera estar alí. Non encontrei nada. Ía desistir cando me dei conta de que, no salón, todo era antigo e gastado, salvo unha cousa: a cheminea. A pesar de que se notaba que fora usada, estaba limpa,demasiado limpa. Achegueime, adentreime no oco que tiña, que era bastante grande. Intentei escalala, mais deime de conta de que os ladrillos cedían. Fun empuxando e quitando, ata que quedou descuberta unha porta. Os meus pais xa debían de estar fóra, facendo algúns recados, así que abrín aquela porta e entrei. Había un escuro corredor, sen iluminación, menos mal que eu nunca ía a ningunha parte sen unha lanterna e a miña navalla suíza. Seguín camiñando e, ao pouco,encontrei outra porta, máis deteriorada, que me obstaculizaba. Probei a abrila,pero estaba pechada, así que, ao ver no estado no que se encontraba aquela porta, rebenteina. Por un momento, non vira nada. Pouco a pouco, os meus ollos fóronse acostumando a aquela habitación escura,iluminada tan só pola miña lanterna. -Non debiches entrar aquí –dixo de súpeto unha voz detrás de min. Vireime. Alí había unha muller un tanto estraña. Tiña membros que non parecían ser seus. Un brazo era delgado, mentres que o outro, forte e musculoso. O mesmo ocorría coas pernas. -Q…Que…-balbuceei. -Dá igual. De todas formas, ías morrer igual. Entón decateime de que non estabamos sos. Había algo nas paredes, algo que se movía. Cando a vista se acostumou o suficiente, vin que era algo parecido a un felino. Ilumineino coa lanterna. Era peor do que imaxinaba. Era unha persoa, ou o que quedaba dela. Faltáballe un brazo, que se parecía ao que tiña a muller, o musculoso. Ademais, movíase cunha axilidade asombrosa. Descubrín tamén que non era o único. Estábanme rodeando. -Estas son as miñas criaturas –dixo-. Fun a primeira habitante desta casa. cando me deron por morta, nunha tormenta, estaba aínda con vida, mais sen algúns membros. Déronme por morta sen atopar o meu corpo. Iso atraera visitantes. Así que, para poder sobrevivir, utilicei as persoas que aquí viñan. O raro foi que a “anestesia” que utilizaba non os mataba, pero si lles proporcionaba estas habilidades. Pero os seus membros podrecen, non me serven durante moito tempo. Así que teño que renovalos. Quedou pensativo despois de dicir isto, o que aproveitei para botar a correr. En canto se deu conta, mandou ás súas criaturas a por min. Saín de novo para o salón, mais xa había alí outros dous seres esperándome. Metinme no primeiro armario que encontrei. Comprendín que era o meu fin. Tamén que non podía facer nada para evitalo. Encontraríannos se non descubrira aquel pasadizo, e así, meus pais chegaría e as criaturas estaríanos esperando. Só me quedaba esperar o final. Imaxinei a cara de meus pais, vendo o que me ocorrera. A eles esperaríalles o mesmo. Relato gañador no Concurso de Relatos de Terror do Samaín no 2º ciclo da ESO

Ningún comentario:

Publicar un comentario