luns, 7 de maio de 2018

Europa Express de Andrea Maceiras, recensión de Laura Torrado Pérez (2º ESO)

O libro conta como Nico encontra unha postal en Bergen del e dos seus amigos, dez anos despois de que esa fotografía se fixera cando eles aínda estaban de viaxe. Na foto atopa ao seu mellor amigo, Xacobe, e a súa actual moza Aroa bicándose, algo que lle sorprende xa que non soubera nada daquela posible relación. Ademais aquel bico tamén lle recorda a Xacobe, ao que atoparan morto días despois da volta de interrail. Por iso, a partir dese suceso contacta con todos os compañeiros que realizaran a viaxe e convócaos a unha cea onde recordarán vellos tempos e ao seu amigo.
 
Ao mesmo tempo, o libro vai contando o que pasara había dez anos naquela aventura por Europa. Naquela altura todos os rapaces cambiaron moito pero no único que coinciden é que nunca deixaron de pensar en Xacobe e no que lle ocorreu.
Xacobe era un rapaz moi misterioso e intelixente que sempre estaba a pensar na vida. Este naceu nunha familia onde os pais se separaron e o pai co que vivía non estaba moito pola casa, polo que foi coidado por unha señora que o consentiu moito só para velo feliz. Aínda así, Xacobe pasou a maior parte da súa vida na casa de Aroa, unha amiga coa que compartiu a súa infancia. Mais máis tarde manterían unha relación secreta para os seus amigos e moi rara. O rapaz padeceu dunha enfermidade de corazón dende pequeno pola cal necesitaba cada día unha específica dose dunha menciña. Xacobe foi encontrado morto días máis tarde da volta en interrail.
Aroa é unha rapaza moi guapa aínda que non moi comprendida polos seus compañeiros. Vivía nunha casa onde os pais tiñan abellas, uns animais que sempre lle apaixonaron, algo que a levou a converterse nunha bióloga especializada nelas. Cando era máis nova tivo unha relación con Xacobe, a cal sempre a confundiu, xa que non entendía o comportamento do seu amigo, mais nunca foi capaz de terminar con ela. Despois da morte del, esta pensou que fora a culpable do falecemento, por iso, nunca quixo falar do tema con ninguén. Anos máis tarde da viaxe atopou a Nico nun aeroporto e empezaron a saír.
Nico é un rapaz moi bo, ao que dende sempre lle gustou Aroa, á que encontra anos máis tarde da viaxe en interrail nun aeroporto. Despois do reencontro convértense en parella. O seu mellor amigo era Xacobe, o que lle pareceu sempre moi intelixente. Despois da súa morte sempre pensou que o que pasara en realidade aquel fatídico día non era o que os médicos dixeran. Xacobe e a súa morte nunca deixaron de estar na súa mente.
Beatriz é a amiga máis achegada a Aroa. Decidiu dedicarse á psicoloxía en parte pola morte de Xacobe e foi a única que soubo algo da existencia da relación entre eles dous.
Óscar é o primo maior de Mía. É moi atrevido e festeiro e é seguidor do Deportivo. Xa de máis grande traballa de mecánico.
Mía é unha rapaza un ano menor ca os demais. É moi presumida e adoita falar con termos que proveñen doutros idiomas ou con frases pouco habituais. Só foi á viaxe para pasar máis tempo con Xacobe, xa que naquel tempo lle gustaba e lle parecía moi guapo.
Piero é un rapaz italiano que se fixo amigo dos demais o ano que estivo de intercambio en Galicia. Despois da viaxe segue mantendo contacto con Nico. Anos despois encárgase do restaurante de seus pais xunto á súa muller.
Gustoume moito porque é un libro misterioso que ata ler o final non sabes o que pasou con Xacobe, algo que fixo que acabara de ler antes o libro xa que necesitaba saber o que ocorrera. Ademais encantoume como a autora describe a cada personaxe.
Laura Torrado Pérez (2º ESO)








































































Ningún comentario:

Publicar un comentario