luns, 12 de decembro de 2016

Unha hora fóra da casa
Acercábase o Samaín e, con el, o meu aniversario. Tiña pensado celebralo o mesmo día indo na caza de caramelos e, se cadra, cartos.
Saímos ás once e media da noite, pero ao saír da casa, Lúa díxonos:
-E se imos á vella casa do monte?
-Se cadra hai alguén- comentou Xiana.
-É certo que tampouco levamos disfrace- contestei animada, pois non nos poderían regañar por rompelos.
Puxémonos a camiñar cara o monte. Lúa, que xa sabía que iamos acabar indo, trouxera unhas cordas atadas formando un gran cordel e levábao colgado dun ombreiro.
-Para que é iso?- preguntou Xiana mentres que Lúa amarraba o cordel a unha árbore.
-Para non nos perder. Axúdame a atar isto, Anti.
Era importante que quedara ben atado.
Adentrámonos devagar no monte por un camiño estreito, empinado e cheo de toxos. Camiñamos ata chegar finalmente a unha cancela.
A vella casa do monte existía de verdade!
-E-e-e-eu non vou- Xiana tiña moito medo.
-Veña que nós imos, non si, Anti? E ti non creo que queiras quedar soa.
-Ven, de seguro que non nos pasa nada.
Finalmente, aceptou resignada. Entramos amodo. Parecía un pazo antigo de xente que fora moi rica. Quitando o po e as arañeiras, todo estaba nunhas condicións magníficas. Na enorme cheminea de pedra había uns madeiros a medio queimar e, á súa beira, unha caixa case baleira de mixtos. Acerqueime e prendín un lume, pois a pesar de todo, facía algo de frío. Sentamos nuns sofás pequeneiros, preto da larada. Nisto, mirei o reloxo. Estaban dando as doce. Recordo ben que faltaban xusto doce minutos para que fosen en punto.
-Ben, xa estamos aquí, Lúa. Que facemos agora?- bisbou Xiana, tan enfadada coma amedrentada.
Non houbo moito tempo de silencio, pois de súpeto, escoitouse un ruído arrepiante. Era coma se unha porta moi vella e oxidada renxera ó abrirse por primeira vez había moito tempo. Asustadas, erguémonos rápido daqueles sofás tan cómodos.
Pouco despois, sentimos un paso, e outro, e outro... Acercámonos lentamente a porta e deixamos o lume prendido.
De cada vez, oíanse os pasos máis preto, e ,de cada vez que se oían, nós acercabámonos un pouquiño máis á saída.
Seguimos así ata que intentamos abrir a porta e, non sei se foi polo medo, a angustia ou que de certo non abría, a porta non se lle despechou a ningunha.
Ao fondo do cuarto vimos como unha sombra dunha porta que se abría e escoitamos de novo o agudo renxido. Os pasos sentíanse moi preto de nós, de feito, cada vez máis. Apareceu entón a sombra de alguén asomándose.
Foi o colmo dese instante que dixo Bu! e Xiana case se desmaia, pero Lúa comezou a escachar coa risa acompañando a Xoel que entraba pola porta e que nos estivera enganando todo aquel tempo.
-Bo! Para iso vimos aquí? Para que volos dous nos asustedes?
-Case caio redonda! Case me dá un non sei, un patatús ou algo!
-Non sería para tanto, non?
-Moi simpática! Jaja!
-Oístes?
-Desta vez non fomos nós!
-Aaaah!
Que medo. Un ruxido, ou algo así resoaba nas paredes da vella casa.
Botamos a correr cara a porta, pero seguía pechada. Estabamos os catro alí xunta a entrada, ou a nosa única vía de escape.
-Entretédeo, intentarei despechar a porta!
-Non é tan sinxelo!
Collín un clip que levaba no peto do pantalón e púxenme ao eito. Esa especie de ruxido sentiuse de novo e puxémonos moi nervosos, tanto que Xiana caeu ao chan esvaecida e tardou uns minutos en recuperarse.
A porta da que saíra Xoel volveu renxer, pero máis amodiño, tan amodo coma se empezou a ver a súa sombra no chan.
-Xa está!- Berrei.
Todos saímos correndo do pazo sen mirar atrás ata chegar, sen folgos, a miña casa, exactamente ás doce a media da noite, unha hora despois de marchar da casa.

                                                               
                                                                                                 Lucía Moreira (1º ESO)


Relato de medo

Domingo 23 de outubro, 23:15 horas. Miguel Blanco encóntrase diante dun Word en branco.
Mandáronme a cama hai case unha hora, non saben que teño o relato de medo para Carmen sen facer.
Comezo a escribir calquera cousa, non vou gañar pero quero cumprir e que non me pillen meus pais. Creo que vou facer o da cabaza que se volve un monstro xigante, iso sempre funciona.
Corren os minutos, non dou arrancado.
Imos aló: “Ese ano a miña cabaza gañara o concurso do cole, máis estando na casa ao darlle a luz da Lúa chea...”. Ruídos no corredor. Vaime caer unha bronca. Correndo a cama, toca disimular.
Ninguén chegou aquí, librei. Non oín a voz de mamá nin de papá. Que máis dá.
Teño que reenganchar. Máximo 1500 palabras. Conformarase con 200?
“... comezou a medrar e medrar, volveuse moi fea e berraba: - Voute comer! ...” Novos ruídos, corro debaixo das sabas.
Os ruídos son fóra, a mesmísima Estadea está cortándolle a cabeza a meu pai, miña nai e meu irmán están tamén mortos. A Santa Compaña está na miña casa. En poucos minutos eu serei unha nova alma en pena, e hai 20 minutos tiña medo aos deberes ou a que me reñiran...

Gustaríame estar vivo para poder rematar o relato máis...
  
                                                                                      Miguel Blanco Mouzo (1º ESO)





O Louco que anda solto
Hoxe en día é moi común que os nenos vivan con un dos seus pais, pois nestes tempos hai moitos divorcios. Esta lenda de terror empeza nunha noite de abril cando Rebeca vía un partido de fútbol ao lado de seu pai.
Interrompemos esta transmisión para informarlles que de acordo coa redacción desta canle fai unhas horas escapouse un enfermo de hospital psiquiátrico. Recomendámoslles non saír das súas casas, xa que este individuo é extremadamente perigoso. Se teñen algunha información sobre o seu paradoiro, por favor comuníquense con esta estación”.
Papá, teño moito medo. Pídoche que por favor esta noite non saias a traballar.
Filla, non podo facer iso, son velador. Ademais neste mes xa faltei dúas veces porque ti enfermaches a semana pasada. Si o volvo facer, é probable que me despidan e daquela terás que vivir coa túa nai ata que volva a encontrar outro traballo.
Non papá non quero ir con mamá. Comprendo o que me dis, pero por favor ten moito coidado.
Si Rebeca, non te preocupes, cerrarei a porta incluso coa cadea. Só debes prometerme unha cousa … Pase o que pase, non te acerques a porta aínda que oias soar o timbre! Prométesmo?
Claro papá. Pero que pasa se hai un incendio?
Xa o sabes, hai un duplicado das chaves encima do refrixerador, pero só debes usalo en caso de emerxencia.
A nena de 11 anos deu un bico de despedida ao seu pai e foi para o seu cuarto a seguir vendo a televisión. Unha vez máis puxo as noticias, onde se deu conta de que o demente do manicomio continuaba solto.
Infórmannos de que o demente que fuxiu esta tarde do hospital se lle viu cerca da rúa dos Carballos”.
O pavor invadiu ata o máis profundo do ser de Rebeca, xa que sabía que esa rúa se encontraba a unhas cantas rúas do seu domicilio. Apagou o televisor e as luces para intentar durmir, pero non podía nin sequera cerrar os ollos, pois inmediatamente pensaba en situacións horribles nas que aquel demente entraría a súa casa e a mataría.
Cerca das 10 da mañá o son do timbre espertouna. Transitou polo corredor que conducía ao cuarto do seu pai e viu que non chegara a casa aínda. Foi ata a porta e con voz temerosa preguntou:
Quen é?
A esta pregunta alguén con voz sombría e grave lle respondeu:
Son eu filla abre rápido.
A nena non fixo caso e volveu ao seu cuarto ata que pouco despois escoitou as sireas de varias patrullas que aparcaban ás aforas do seu domicilio.
Unha vez máis aproximouse a porta e escoitou a un dos policías que dicía:
Métano na camioneta e léveno de volta ao hospital psiquiátrico. Trae unha manta para tapar o corpo, non quero que os fotógrafos vexan como acabou este pobre home.
Rebeca foi a cociña, colleu un banco e subiu nel para alcanzar o duplicado das chaves que estaban sobre o refrixerador.
Abriu a porta e o único que puido ver foron un par de camas de hospital. Nunha delas encontrábase un home amarrado berrando incoherencias. Por outro lado, na outra cama máis próxima repousaba o corpo sen vida dun home. Soubo que era do seu pai, pois recoñeceu a escrava de ouro que colgaba daquel brazo cheo de sangue.



                                                                                        Andrea Lema Cotelo ( 1º ESO)


Ningún comentario:

Publicar un comentario