domingo, 10 de novembro de 2013

A noite de Samaín por Fernando Rey García (2º B)

Era a noite do Samaín, pero semellaba que ía ser unha noite normal, como case todas as demais. O único especial era que sairíamos a pedir doces.
Comezamos a noite sen moita sorte, e puxémonos a camiñar por un vello sendeiro. Ao pouco tempo, sentimos unha brisa fría que sopraba cara a inmensa porta do panteón da familia Monterrei.
Sentimos curiosidade e adentrámonos no seu interior. Todo estaba escuro, e no medio da escuridade, oïamos unhas voces que viñan do interior dunha habitación que dicían:

Na noite do Samaín
Canto nos imos divertir!
As cabazas dan terror,
Canto medo, que horror!

Fixéronse tan terroríficas que saímos correndo, pero cando xa case rozabamos a saída, aquela inmensa porta pechouse dun forte golpe.
Decidimos prender unha candea e adentrarnos no panteón, en busca doutra saída. Camiñamos e camiñamos polo medio das teas de araña, pero aquel lugar non parecía ter fin. De súpeto, miña irmán caeu no chan e empezou a berrar. Eu rapidamente pregunteille que era o que lle acontecera, pero ela xa non estaba alí, desaparecera sen máis!
E as voces volvéronse a escoitar:

Na noite do Samaín,
canto nos imos divertir!
Agora que xa somos máis,
Agora só faltas ti, rapás!

Nese mesmo instante sentín un arrepío, caín ó chan, mirei cara arriba, e alí estaba miña irmán, mirando cara min. Cando puiden reaccionar do susto, decateime de que estaba na miña habitación, na miña cama, e que todo aquilo fora un horrible pesadelo.
Miña irmán empezouse a rir cara min, pero... de súpeto, volvéronse a escoitar unhas voces que dicían:

Na noite do Samaín,
Canto nos imos divertir!
Anda con moito coidado rapás,
Se non... virémoste buscar!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario