sábado, 12 de novembro de 2011

O Lago por Laura Lorenzo Castro


Había unha casona nos arredores dunha vila. Nela ninguén quería traballar, nin vivir alí, nin nada parecido. Os seus donos tampouco vivían alí, pero naquela casona sempre había o cartel de que se buscaba empregado.
Pero, un día, un home inmigrante dalgún país europeo, ofreceuse para traballar alí. El non sabía nada nin ninguén lle dixera o ocorrido había tempo.
Os donos viñeran á vila para saber quen ía facerse cargo da súa casona. O home inmigrante, chamado Dimitri, non tivo problema para conseguir o posto, no que tiña que arranxar o xardín e manter limpa e ordenada a casa, pero notaba nos seus xefes moita présa por marchar daquel lugar, pero non lle fixo maior caso.

A casona era realmente bonita e maxestuosa, aínda que estaba algo deteriorada por fóra. Nos seus arredores, había un gran xardín con froiteiras e todos tipos de árbores e plantas, pero tiña unha morea de herbas malas e facíalle falta algunha poda as árbores. Dimitri pensou que para iso estaba alí e que tiña que comezar canto antes, aínda que estaba todo o solo cun manto branco de neve.
El non facía vida na casona, senón que vivía nunha casiña da servidume que se atopaba na parte traseira desta, onde ao seu carón se estendía un pequeno lago, na que a súa superficie se atopaba completamente xeado.

O primeiro día non fixo nada xa que estivo todo o día trasladando os seus enseres para a súa nova vivenda. Había moito frío, en parte porque era inverno e estaba nevando, pero había unha leve brisa, cousa rara xa que estaban todas as ventás pechadas e o tellado estaba en boas condicións. Aquela noite xa empezaron a pasar cousas estrañas. Fórase a luz en toda a vila e Dimitri tivera que buscar unha vela para poder ver algo. En canto a encendía, a chama comezaba a oscilar e apagábase. Xa anoxado, comezo a palpar polos caixóns das mesiñas de noite e atopou unha lanterna. Colocou o seu dedo polgar no interruptor e acendeuna. De maneira súbita, apareceu e desapareceu, en cuestión de poucos segundos, a imaxe fantasmagórica dunha moza vestida de criada e que se atopaba toda mollada cos cabelos revoltos. Esa noite, Dimitri non pegou ollo en toda a noite, aínda que xa volvera a luz, pero non se lle borrou da cabeza esa muller.

Estivo toda unha semana cos cinco sentidos postos, pero a moza non se lle volveu aparecer máis. Dimitri xa estaba máis confiado, pero un día estaba amañando un pouco o xardín e notou o alento de alguén na súa caluga. Xirouse ao momento pero o único que viu foi o lago ocupar a maioría da súa visión.
Ese mesmo día pola tarde, Dimitri tiña pensado ir limpar un pouco o po da casona, e así foi. Nada máis entrar pola porta principal da mansión, o que máis impresionaba eran as escaleiras, que eran dúas e que nun punto se xuntaban. Dimitri subiu as escaleiras, co ruxido da madeiras destas e o eco dos pasos detrás del, e comezou polas habitacións para acabar polo largo corredor. Neste corredor había un toucador de madeira de caoba cun espello, e na superficie do toucador estaba pousado un xarrón de rosas vermellas. Limpando no moble, a auga do xarrón comezou a evaporarse e o espello cubriuse de bafo. Dimitri asustouse e mentres lle caía o plumeiro na chan, no espello empezou a perfilarse unha palabra cun dedo invisible. Nel poñía: “Axúdanos”. Dimitri quedou mirando para ela, mirou aos lados e despois xirouse 180º. Enfronte estaban as escaleiras e ao final, diante da porta apareceu de novo a moza. Dimitri quedou paralizado e pestanexou, pero cando abriu os ollos, a moza estaba a uns centímetros del. Dimitri pechou os ollos con moita forza e berrou:

- Pero, que queres de min? Eu non fixen nada malo, eu só quero vivir a miña vida, por favor, non me fagas dano.
- Quero que nos axude- dixo con voz de ultratumba.- Non che imos facer, dano. Só queremos que nos axudes, e ao mesmo tempo estarémoste axudando a ti.
- Pero, que pasa? Cal é o problema?- Dimitri continuaba cos ollos pechados e coas mans por diante da cara.
- Os donos desta casa son uns asasinos.
- Pero, qué estás a dicir?
- O que acabas de oír. Os donos desta casona matáronnos a nós e aos meus compañeiros.
- E logo porque ían facer iso?
- O diñeiro. O diñeiro sempre é o problema. O que acaba con todo. Os meus xefes, sí, os meus xefes, eu traballaba aquí, igual que os meus compañeiros. Non nos quixeron pagar, matáronnos pouco a pouco e tiráronnos ao lago.
- E que queres que faga eu?
- Aínda non rematei. Nós somos inmigrantes. Eles querían inmigrantes para non pagarnos e despois matábannos para non dar problemas. A escusa que eles poñían era que marchabamos para os nosos países e como nos tiñamos familia aquí ninguén nos botaba en falta.
- Eu son o seguinte?
- Se non fas nada ao respecto, si.

Daquela, Dimitri abriu os ollos e a moza xa non lle parecía tan malvada como lle parecía antes. Era loura e de ollos azuis, probablemente sería do seu mesmo país. Os dous idearon un plan cando, ao fin de mes, chegaran os donos da casona.

Unha semana despois, chegaron os xefes de Dimitri. Viñan bastantes serios e Dimitri púxose algo nervioso. Xa era á tardiña, e Dimitri foilles ensinando o xardín, seguindo o plan ata chegar ao lago, que curiosamente xa non estaba xeado.
De súpeto, o ceo púxose completamente escuro e os raios cruzaban o ceo. Os donos comezaron a sentir temor, xa que eles sabían o que fixeran. A moza, que se chamaba Irina, apareceu dun momento a outro diante dos donos da casona que estaban ao carón de Dimitri, pero este, desta vez, xa non se asustou. Irina foise indo cara atrás, e detrás dela foi saíndo do lago un completo exército de espíritos, que foran criados da casona e que asasinaran os donos desta, anos e anos atrás. Todos eles xuntaron as súas forzas e provocaron un gran furacán, que colleu aos donos e os levou ao medio do lago e alí os afundiu, onde, minutos despois, acabarían afogando, coma fixeran eles cos criados logo da súa corta estadía na casa. Ao momento, o lago formou unha capa de xeo na súa superficie, na que se podía ver como a dona da casa petaba nel e ía pouco a pouco quedando sen aire e a pel se ía volvendo cada vez máis azul.
Os espíritos déronlle as grazas a Dimitri, e el aos espíritos, xa que eles tamén o salvaran dun futuro pouco esperanzador. Pouco a pouco, os espíritos foron desapareceron e Dimitri, que estaba moi sorprendido, volveu para a casa da servidume para poder durmir, xa que ao día seguinte tería un longo día de mudanza.

Laura Lorenzo Castro 4º ESO
Relato gañador no Concurso de Relatos de Terror

Ningún comentario:

Publicar un comentario