mércores, 1 de abril de 2020

A TELEVISIÓN NA MENTE DA NOSA XUVENTUDE


Televisión e cultura, da man cara un futuro mellor?
A televisión funciona como espello da sociedade que se desenvolve no contorno da maioría da poboación, o que nos leva a pensar, fixándonos no prototipo de calquera programa actual, que pode a cultura na que estamos envoltos non sexa a ideal.

Todo reality que se prece debe axustarse á imaxe de realidade que teña o espectador para que se identifique co programa e cos temas que nel se tratan. Así, se é unha sociedade intelectual e profunda, falarase cunha linguaxe máis culta e con información contrastada e fielmente verídica; e se é superficial, a temática será banal e superflua, cun rexistro coloquial e adecuado á rúa.
A xente busca entretemento sinxelo de entender, canto máis ridículo mellor e, se é superficial e inútil, mellor. Incluso aínda que a televisión eduque aos nosos fillos, damos por sentado que é mellor que se abstraian da realidade e se somerxan nun mundo de irrealidade e falsas expectativas ca que teñan contacto con contidos lúdicos que pode que non atraian tanto a atención.

A televisión move as masas, pero somos nós os que debemos decidir cara a onde nos leva, pois pode que acabemos nun punto sen retorno.

Lucía Moreira Souto


A televisión é un bo invento? Realmente pode haber moi diversas opinións sobre este tema, algunhas positivas e outras negativas. O que podemos ter por seguro é que foi un invento revolucionario. 
Na maior parte ten puntos a favor, xa que axuda a transmitir noticias de forma moito máis rápida e poden ser máis fiables. Ademais tamén serve de ocio, como por exemplo películas ou series, ou para aprender, con documentais.
Tamén ten a súa parte negativa, como todo. É un aparello bastante aditivo, polo que se te engachas a un programa é difícil separarse do sofá e deixar de velo, e principalmente, este, é o maior problema ocasionado xa que pode traer consigo problemas na saúde. 
Aínda contando os puntos en contra penso que este foi un invento moi necesario e que mellorou moitos aspectos das nosas vidas, polo tanto non debemos deixar de utilizalo para nada pero igual deberiamos non usalo tan a miúdo. 

Andrea Lema Cotelo



É a televisión o mellor método de ocio ? Serve para axudarnos co avance da sociedade?
Estas son varias das preguntas que nos paramos a pensar cada vez que falamos sobre o televisor .
Ao longo dos anos este aparello foi evolucionando , xa que pasou de ser unha gran caixa que emitía vídeos a ser unha pequena pantalla que emite gravacións en directo , e coa súa evolución tamén fixo que se creara cousas arredor desta como novas canles , estudios…
Pero de verdade credes que unha tarde cara a “Caixa Boba” é mellor que pasar unha tarde cos amigos ? Desde o meu parecer non compensa , está ben consumila dunha maneira moderada , pero non compensa perder unha tarde cos teus amigos só para ver a chamada “telelixo” ou series que podes ver en momentos nos cales non poidas quedar ou non tes cousas que facer.
Non só trouxo algo malo senón que tamén tivo un avance para a sociedade mundial xa que podemos enterarnos de noticias que pasan na outra punta do mundo de maneira instantánea .
Desde o meu punto de vista a televisión é como case todo , tan só é boa con un uso moderado .
Manuel Nantón Varela



Invento actualmente necesario, ou simple caixa absorbe-cerebros ?

A día de hoxe, a televisión é un aparello que todos ou case todos temos nas nosas vivendas, na maioría dos casos en gran cantidade, non nos chega só con unha. Ben é certo que hai xente que non a emprega, pero son contados casos.
A televisión, ao igual ca todo, ten cousas moi boas e outras non tanto.
Por un lado, podemos estar ao tanto da actualidade dun xeito moi veloz, un periódico non nolo permitiría; podemos entreternos con todo tipo de programas, dende documentais ata programas de talentos pasando por todo tipo de "realitys"; e contamos tamén coa opción, escollida como gran preferencia, de ver películas de todo tipo sen movernos do sofá. Pero ao igual que escribo isto véndoo como algo positivo, se o miramos dende outro punto de vista darémonos conta de todo o malo que conleva. Si, é certo que a televisión nos mantén ao tanto dos acontecementos, e sobre todo entretidos, pero iso mesmo é a fonte da maior parte dos problemas que causa. Non é nada novo dicir que a xente se pasa horas pegada á pantalla, e isto é algo que pode acabar sendo moi prexudicial para a nosa saúde, por non falar de que pasamos máis tempo dentro ca fóra da casa, ou de como a publicidade se aproveita deste medio, pero iso xa é outra historia. Por último só direi que todo o hai que empregar dun xeito responsable e adecuado, só así lles daremos o seu verdadeiro uso, porque toda televisión é mala se non se emprega con cabeza.

Laura López

É a televisión hoxe en día o que era no pasado? Son os programas de hoxe en día tan fiables como o eran anos atrás? A televisión nesta última década perdeu o protagonismo que tiña nun pasado debido ao uso masivo do internet.
Na última década a xente nova deixou de ver a televisión por varios motivos. Un deles é a perda da calidade dos programas que había antes, por exemplo, agora os programas deportivos consisten en periodistas discutindo entre eles cada un defendendo a un equipo e falando de temas intranscendentes como se un xogador se foi de vacacións ao caribe, porén antes os programas deportivos eran programas onde se analizaban distintos aspectos tácticos do xogo e se analizaban partidos sen ningunha decantación cara ningún club. Outro motivo de que a xente nova non vexa a televisión, e que non contido adaptado aos gustos da xente nova, por iso a xente nova se decanta polas plataformas en streaming, xa que aí si hai contido que engancha a xuventude.
En conclusión, a televisión está perdendo cada vez máis espectadores e vai ter que acadar algunha forma de volver a enganchar a xente nova.
Roi Rey Eiroa

A televisión, un medio de comunicación ou un aparello empregado para facer diñeiro e controlar a poboación?
Cando falamos da televisión todos pensamos nese aparello negro que temos en moitos dos cuartos das nosas casas e que nos entretén todos eses días que non temos nada que facer, polo que poderiamos dicir que a televisión se utiliza principalmente para o ocio das persoas.
Pero a realidade é que agora mesmo o que máis te podes encontrar ao conectar o televisor  son programas onde a xente conta as súas penurias berrando, miles de anuncios que che fan aburrirte ata cando estás a ver algo que vale a pena e a sección de noticias, na que en vez de contarche o que en verdade ocorre no mundo dunha forma obxectiva, fálanche de noticias sen importancia, ocultan información e sempre postulan un dos lados do conflito. É dicir, a tele de hoxe en día controla totalmente a poboación, tanto con programas ridículos que enganchan a xente a rirse das penas dos demais e a motivan a acudir aos mesmos a contar as súas propias por diñeiro, como co marketing dos milleiros de anuncios que poden aparecer en sete minutos de descanso ou con todos eses programas e noticias que hai tanto ao mediodía como a noite  que ao fin e ao cabo están inculcando unhas ideoloxías as persoas que os ven e que ademais as fai moi ignorantes, pois estas non cheguen a saber nin a metade do asunto.
Na miña opinión ninguén se pode fiar do que din na televisión, podes vela, pero sempre sabendo que o que aparece moitas veces é todo unha montaxe e que non todo o que che din é exactamente a realidade. Por iso para informarme utilizo outros métodos e para o meu tempo libre canles de pago como poden ser Netflix ou HBO, pois sei que nelas vou encontrar series, películas ou programas que me van gustar e que podo ver cando eu queira e sen que me interrompan anuncios.
Laura Torrado

Ningún comentario:

Publicar un comentario