sábado, 27 de febreiro de 2016

A maldición dos recursos en África


Dos 54 países de África, 23 están entre os países con menor Índice de Desenvolvemento Humano. Entre eles atópanse algúns dos máis ‟ricos do mundo” en materias primas e minerais. Unha riqueza que os empobrece!

África subsahariana ten en porcentaxes mundiais: o 20% das reservas de uranio, o 90% de cobalto, o 40% de platino, o 65% de manganeso, un 8% de petróleo e un 50% de ouro e diamantes. Ademais de importantes porcentaxes doutros minerais, materias primas e recursos hidroeléctricos.

A xestión destes recursos fai que en países como Serra Leoa, Liberia e R.D. do Congo se prolonguen os conflitos. En Liberia (despois de 14 anos de guerra) morreron máis de 250 mil persoas, e en R.D. do Congo (en guerra dende 1996) morreron arredor de 3 millóns e medio de persoas.

Ademais, os bosques de África subsahariana cobren uns 582 millóns de hectáreas, e representan o 45% da biodiversidade mundial, eliminan 630 kg de carbono por hectárea e ano, e conteñen unhas 12 mil especies de plantas, das que unhas 7.500 son endémicas.

A deforestación e o abuso da agricultura provoca unha perda económica duns 42 mil millóns de dólares anuais. Exemplo disto e que en Costa de Marfil só queda o 20% do bosque, Ghana e Madagascar perderon o 90%, en Malawi desaparecen 80 mil hectáreas ao ano e na conca do río Congo a deforestación chega ata o 0,7% cada ano.

Por outra banda, o consumo de peixe nestas poboacións segue sendo moi baixo e non se benefician das ganancias que produce a pesca e a acuicultura noutros lugares. Por exemplo Mozambique denunciou que perdeu 70 millóns de dólares en 2012 debido á pesca ilegal do atún e do camarón, que fan barcos estranxeiros nas súas costas. Ademais compañías pesqueiras, sobre todo de armadores galegos, pescan 7 de cada 10 pescadas capturadas en Namibia.

África tamén exporta cereais, cacao, algodón, cacahuetes, aceite de palma e café a todo o mundo, tendo grandes extensións de terra sen cultivar listas para producir alimento. Pero os países do Norte, preocupados pola demanda interna de alimentos, acaparan as terras, mercando millóns de hectáreas en África. Isto fai que 217 millóns de persoas pasen fame, xa que non teñen acceso aos alimentos que eles mesmos xeran, e nos consumimos.

Este espolio é a principal causa da pobreza nestes países. Por iso debemos asumir a responsabilidade que temos todos: gobernos, empresas e consumidores, e contribuír para garantir unha explotación dos recursos africanos que sexa beneficiosa para eles.

Diego Moreira Souto 4ºA

Ningún comentario:

Publicar un comentario