luns, 3 de febreiro de 2014

Se chove, que chova

Este novo ano 2014 puidemos ver xa o sexto anuncio dos supermercados Gadis. Trátase dunha campaña etiquetada de “nacionalista” que presenta un novo anuncio cada 1 de xaneiro, facendo publicidade dos seus supermercados e empregando titulares e slogans moi optimistas como “Don’t worry que maloserá”, “Sairemos como galegOs” “Vivamos como galegOs”. E este último “Se chove, que chova”. Esta campaña leva tendo moito éxito dende que o seu comezo, a primeira que vez que se emitiu na televisión púxolle os pelos de punta a todos xs galegxs, foi un anuncio emotivo, optimista, e sobre todo, a novidade. Nun principio semellaba ter o obxectivo de animar a xente a tirar para diante, usando refráns típicos e frases galegas como “nunca choveu que non escampara”, “vaaas caaer”, “malo será”. Iso si, é surrealista e algo "cursi", para min non representa a verdadeira Galiza na súa totalidade e paréceme empalagoso. En todas as propagandas o tema central é a crise actual e a mensaxe de que sairemos desta.
O deste ano comeza cunhas señoras maiores falando no salón de peiteado, cómpre destacar que esta está chea, e todo o persoal e clientela está formado por mulleres, dando unha imaxe superficial e machista das nosas avoas, que se xuntan en locais de beleza para rexoubar e ler a prensa. Comezan a falar da situación actual do país e de como o tratan os medios de comunicación, tachando de pesimista, aí comeza o anuncio co seu enfoque, fronte á crise, pasotismo e sen darlle moita importancia. Procura que a xente sexa optimista e deixe de “amargarse a vida” como di unha das señoras mentres a peitean. Logo fan referencia ó tempo (como sempre, e por iso digo: repetitivos) sinalando que toda Galiza está nubrada, e que o “home” máis sabio do mundo era unha muller. Isto pode dotar o anuncio dun carácter feminista, aínda que se contradi con outros aspectos machistas do anuncio. Esta muller dilles que o único que non se nubra en Galiza é a nosa alegría, logo comeza a amosar paisaxes naturais fermosas, nas que presenta a natureza como a nosa forza que nos anima a seguir a diante, a forza da nosa terra que nos empuxa. Este optimismo esaxerado non lles fará moita graza ós gandeiros galegos que xa dende 2012 se levan mobilizando contra Gadis, xa que as marcas de leite pretenden pagarlles o leite moi por debaixo do seu custo á hora de vendelo, aproveitándose da necesidade destes traballadores, que como ben dicían nas súas pintadas reivindicativas “Venden o seu sangue”.
O anuncio segue coa chamada dunha empregada para que se emita a conversación das súas clientas pola radio, esta grava co seu teléfono móbil como as señoras falan de que os galegos temos que traballar moito como solución a todos os problemas, o que hai que facer é esforzarse para poder gozar. Estaría ben que saísen no anuncio, xs traballadorxs de Gadis manifestándose en contra do implante de máquinas de cobro automático na súa rede de tendas, tentando suplantalos polxs caixeirxs, xa que tanto din que hai que traballar.
A continuación, unha señora fala do seu fillo, supostamente, astronauta, que di que non hai que preocuparse tanto pola crise nin laiarse tanto, que a xente seguirá abrazándose, coñecéndose, rindo. Logo aparecen tamén imaxes sobre unha parella o día da súa voda, unha nai abrazando o seu fillo recén nacido (que se vexa ben o camiño que ten que seguir unha boa galega). A continuación a xente responde a todo isto que se escoita pola radio e ó berro de “VIVAMOS COMO GALEGOS” da señora que está na perrucaría. A xente dos bares salta de alegría, ao igual que as condutoras e condutores saen dos seus coches e as familias da casa berran arredor da radio. Todo felicidade e positividade. Finalmente as mulleres saen á rúa xa peiteadas e ven como chove, unha delas apresurase a poñerse debaixo da auga e berrar “se chove, que chova”. Esta frase podemos interpretala como un slogan optimista, ou podemos ir máis alá e ver que tras el se agocha unha mensaxe a favor da resignación, submisión e pasotismo dos galegos, é dicir: traballadores, non vos manifestedes contra os nosos supermercados, poñede boa cara e deixade que chova por vós, que hai que ser optimistas e tirar para diante.
Está moi ben a propaganda en galego e tamén a propaganda optimista, pero hai que ser realistas e menos hipócritas, sen sacar proveito do orgullo galego para quedar ben e facer que aumenten os seus clientes. Tamén estaría ben que Gadis empregase o galego non só nos anuncios, senón que o incluíran ademais nas etiquetas dos seus produtos. E por último o que máis me molestou do anuncio, o berro de: “VIVAMOS COMO GALEGOS” só como galegos, que mala sorte que as galegas sempre se lle esquezan.

Alicia Caamaño Vázquez (4ºA)

Ningún comentario:

Publicar un comentario