domingo, 2 de febreiro de 2014

As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz



Alba está pescando con Xabier no peirao de Pontebranca, cando oe na radio dun turista, a noticia de que a 350 millas do cabo Fisterra, preto da Fosa Atlántica, varios barcos avistaran un forte resplandor.
Na Fosa Atlántica, ata hai poucos anos, estivéranse vertendo residuos radiactivos, e ninguén quería achegarse a aquela mancha, por mor de que fose algo radiactivo.
A mancha brillante, a que agora lle chamaban o misterio da Fosa Atlántica, e que seguía aumentando, puxo a todo o mundo en alerta.
Lois, o irmán de Alba, pertence a asociación ecoloxista ADEGA, e non para de falar por teléfono, a cousa parece grave.
Mentres o Consello do Alto Mando da OTAN, dirixido polo Xeneral Mc Logan, reúnese para tratar o asunto e organizan unha misión para observar e obter mostras da mancha, que se atopa acordoada por barcos da OTAN. O que encontran déixaos desconcertados, a mancha está formada por unha morea de flores de cor branca brillante, que teñen un cheiro moi intenso, que fai que todos os soldados que teñen contacto con elas teñan comportamentos pacifistas.
Lois e os seus compañeiros de ADEGA organizan unha expedición en segredo no barco Firrete. Na expedición, ademais de parte da tripulación, van ir membros de ADEGA e máis dous periodistas. Alba decide ir de polisón, pois sente que tamén ten que facer algo. Cando a encontran no barco seu irmán preocupase, pois aquilo pode ser perigoso.
Os de ADEGA achéganse á mancha pero non hai radioactividade, a mancha está rodeada por unha rede de contención con furados, para que os peixes poidan pasar. Só Alba por ser unha rapaza pode pasar por un dos furados. E cal foi a sorpresa de todos cando Alba volveu cunha rede chea de flores brancas que cheiraban moi ben, e que mandaron analizar.
Os resultados das análises foron comunicadas ao mundo polos de ADEGA xunto con Greenpeace, e outras organizacións pacifistas. Estes resultados viñan a dicir que o cheiro das flores cambiaba as persoas, que se volvían pacifistas.
Pola contra os da OTAN en vista de que se lles acababa o choio das guerras, deciden bombardear a Fosa Atlántica para destruíren as flores. O que non saben é que os de ADEGA e as outras organizacións están repartindo flores en todos aqueles sitios nos que hai guerras, para acabaren con elas.
Os da OTAN reúnense por última vez, para falaren do fin das guerras e das desercións dos soldados. Mentres falan óense voces no patio, e cando saen ver o que sucede, varios soldados tíranlles flores brancas. Aquel é o seu fin.
Alba está moi contenta, de ter axudado un pouco en todos aqueles cambios, que grazas ás flores, están ocorrendo no mundo.

-Gustoume este libro, sobre todo a viaxe e as dificultades que teñen que pasar os protagonistas para dar co misterio.

Diego Moreira Souto (2º B)

Ningún comentario:

Publicar un comentario