luns, 10 de febreiro de 2014

A violencia machista e os medios de comunicación por Alicia Caamaño (4º ESO)

A violencia machista en España segue provocando un número moi elevado de vítimas, con 400.000 casos nun só ano, dos que tan só 135.000 son denunciados e 70 desas mulleres morren, é dicir, 700 mortes en dez anos. Destacar tamén, que, esas denuncias falsas das que fala Toni Cantó constitúen unicamente un 0,0018% das 135.000 denuncias anuais. Machistas e misóxinos acostuman darlle moita importancia a este ridículo porcentaxe, presentando como vítimas a estes poucos homes que se atopan na situación dunha acusación falsa, métense con esta minoría de mulleres que se aproveitan da situación. Con estes comentarios quítanlle protagonismo á gravidade dos verdadeiros actos violentos que atentan contra a dignidade da muller e as súas liberdades. Esta infravaloración da importancia das denuncias de violencia machista só consegue crear un obstáculo para que as afectadas denuncien o seu caso.

A diario podemos ver nas redes socias publicacións machistas e despreciativas cara a muller, tanto chistes, como opinións e comentarios que van totalmente en serio. O típico: “algo faría” , “se o teu home che pega é por algo, “que esperabas saíndo así vestida…” e tamén son moi comúns outras ocorrencias, moi "orixinais", facendo alusión aos estereotipos do rol que se lle impón as mulleres dende pequenas, da súa obriga como amas de casa e nais. Tales comentarios como “chega a wifi á cociña?”, “vai fregar!” “cala e prepárame un sándwich” xa son algo habitual que lles resulta gracioso a maioría dos homes e, desafortunadamente, tamén a moitas mulleres, que o xustifican dicindo que é unha simple broma, que non se pode tomar tan a peito. Pero non é tan difícil imaxinarse como estas frases son pronunciadas por un home na súa casa, esixíndolle á súa parella que cumpra con ese estereotipo do que tanto se fan chistes en Internet, que faga as tarefas da casa, que prepare a comida… E isto tamén pode vir seguido, en moitas ocasións, de berros ante unha negación por parte da muller, que pode ser consecuencia de empurróns, de insultos, de maltrato… Iso segue sendo tan gracioso como para facer comentarios e bromas? É dicir, todas esas publicacións machistas son un xeito de mofarse da situación actual da muller. En vez de intentar loitar por afastarse desa inconsciente ideoloxía patriarcal que se nos impón dende pequenos, empréganse estes prexuízos e estereotipos para atacar ó sexo feminino, cousa que dificulta calquera tipo de igualdade de xénero.

Xa deixando atrás o machismo nas redes sociais, tratemos o sexismo nun medio de comunicación que, en teoría, debería ser máis serio, que é o xornalismo. O primeiro que temos que ter en conta é que a xustificación do agresor, aínda que pareza un problema que xa quedou moi atrás segue estando presente e podémolo atopar nos xornais máis lidos do país. Agora isto ocorre con menos frecuencia, pero antes, era unha deshonra para a familia que a súa filla fose violada, xa que os motivos eran a vestimenta da muller, que estaba drogada, que se estaba “insinuando” ou que era prostituta, todas estas características eran algo inconcibíbel nunha muller e a miúdo ela levaba as culpas e na súa casa non permitían que denunciase por vergonza ou medo a deshonra da súa familia. Moitas mozas de agora seguen tendo inseguridades e séntense culpables da agresión. Isto moitas veces é culpa da constante crítica á vestimenta que utilizan as mulleres, é dicir, cando se di que viste “provocativa” (palabra que me parece absurda, xa que, a que se supón que “provoca”…? A unha violación…?) a mesma palabra fai que as adolescente que pensan que van vestidas como eles din ,“incitando ó home”, crean que a violación sexa por culpa diso. Cando non é así, as mulleres son violadas independentemente da súa forma de vestir, e unha non pode deixar de vestir como ela se sinta cómoda por medo á crítica, xa que a culpa é toda del, por moi curta que leve a saia, ningún home ten dereito a levantarlla sen o seu permiso. Un exemplo de como estas xustificacións e defensas ó agresor seguen sendo actuais é caso do xuíz Francisco Javier Paulí Collado, que ante a situación de Latifa Daghdagh, unha marroquí de 22 anos que foi vendida aos 14 ó seu marido e mandada a España para traballar, xustificou en certa medida ó agresor dicindo que non era propio nunha muller que sufrira varios meses o maltrato da súa parella, ir vestida moi “á moda”. Aseguraba que a demandante acudía ao xuízo "non só arreglada, senón vestida cada día diferente, con aneis, pulseiras e curiosos pendentes", o xuíz presentaba a historia da vítima como non crible por simples razóns estéticas. A agredida sufriu dobremente un maltrato machista, o do seu marido e o da sentenza do xuíz.

No caso da violación, tampouco é ningunha xustificación válida que a muller estea drogada, xa que seguiría sendo ter relacións sexuais sen o seu consentimento, polo tanto unha violación. Nin todos os violadores teñen problemas psicolóxicos, non é necesario que unha persoa estea enferma para que intente violar a alguén. Non hai un perfil típico de violador, o violador non sempre é un inmigrante, nin unha persoa pertencente á clase baixa. O agresor pode ser de calquera idade e poder ter calquera aspecto físico. Con respecto á súa forma de ser, non teñen porque ser persoa antipáticas nin desagradables. Que é o que pasa pola súa mente? Con respecto a isto publicouse un articulo en “El Espectador” onde un home que está sendo entrevistado xustificaba ao violador dicindo que o que de verdade sentía o violador era unha fantasía, só pensa no morbo que en realidade ten satisfacerse sexualmente a conta do sometemento da súa vítima. Nese momento non sente remordemento, o entrevistado dicía: "Vouche dar un exemplo que pode soar forte, pero é coma se estivésemos unha dieta, coidando da nosa figura, e chegas a un sitio e non pode soportar a tentación de comer unha bandexa prohibida. Cando estás comendo e apreciando o seu sabor, non estás a pensar en que vas perder a liña, en se vas engordar, ou se che pode dar indixestión. Simplemente gozas. O mesmo acontece con delincuentes sexuais: están pensando só en satisfacer a súa fantasía " É dicir, escusa ó violador dicindo que está dominado por esa necesidade de satisfacer a súa fantasía, pero máis que levar a cabo esa fantasía tamén pode ser que se aproveite da menor forza da muller ou da súa soidade, pensando que está por encima dela e que pode empregala para satisfacerse, esa satisfacción e ese morbo colócaos por diante do consentimento da muller, pero porque pensa que pode facelo, porque se cre superior, isto é violencia machista, non é só un problema psicolóxico dos seres humanos como aquí o describe, xa que se así fose, as mulleres tamén sufriríamos ese problema a miúdo e violaríamos tan frecuentemente como o fan os homes (xa que a desigualdade de forza non sempre se cumpre).

Moitas veces se escriben relatos nos xornais que son comprensivos cos agresores e mostran o maltrato como resultado da paixón e do amor. Cando o maltrato machista se dá nunha relación nunca debe ser xustificado con motivos de infidelidade, por parte da muller, nin dos ciúmes do home. Unha alianza non fai que a muller pase a ser da súa parella, ela segue sendo libre de facer o que queira e con quen queira, aínda que isto estea tan mal visto na nosa sociedade. Baixo ningún concepto a muller pode ser castigada porque o seu home se sinta enganado. Os ciúmes son algo moi perigoso e insán, xa que provocan inseguridade na persoa que pensa que a súa parella é da súa propiedade e se ve ameazada cando esta “propiedade” corre perigo, estes ciúmes son moitas veces paranoias creadas por alguén que ten moitos complexos de inferioridade. Nunca son unha manifestación do amor nin de cariño, xa que o amor non é crer que alguén che pertence, non hai amor se non hai liberdade. E parece que Salvador Sostres non pensa do mesmo xeito. En 2011 o xornalista escribiu o artigo “Un chico normal” para o xornal “El Mundo”, esta publicación foi retirada posteriormente polo mesmo director do xornal. No artigo de opinión, Salvador escribía sobre o caso dunha parella romanesa, o home mataba a súa muller embarazada despois de saber que esta lle fora infiel. El defendía ó agresor dicindo que “era normal que un rapaz de 21 anos que está namorado da súa moza embarazada, perda o corazón e a cabeza, o sentido e o mundo da visión, se un día chega a casa e a moza lle di que se vai e que ademais, o feto non é del”. De seguido dicía que: “Hai moitas formas de violencia, e é atroz a violencia que o mozo recibiu ao saber que ían a deixalo e que o neno que cría esperar non era seu. Non che causa a morte física, pero mátate por dentro e aquel día algo de ti morre para sempre” continuaba dicindo: “É un rapaz normal disparado ao centro do seu amor, arrincándolle ó mesmo tempo á noiva e o seu neno, sometido a unha violencia brutal que como non é física nunca se considera, pero que sufoca e esmaga o mesmo que calquera outro tipo de violencia.” O periodista describía a violencia como un acto de amor pola súa noiva, que ó esta serlle infiel el sentiuse moi enganado e desilusionado, a noticia fíxolle tanto dano que o rapaz “tivo” que matala. Se tan mal se sentise e tanto sufrimento lle causase a noticia recorrería ó suicidio, pero o que sentiu o rapaz foi rabia, de que a rapaza que pensaba que era da súa “propiedade” o enganase con outro e que agora xa non o quixese, sentiu ciúmes e impotencia. O único que podía facer para aliviar a súa rabia era acabar con ela (agora que xa non lle pertencía) e co feto que levaba no seu interior, despois de descubrir que non era o seu fillo. Cabe destacar que o escritor deste artigo sentiu compaixón polo agresor porque el mesmo é un machista e seguro que tería actuado do mesmo xeito. Salvador Sostres participou nun programa televisado, chamado “Alto y claro”, durante a pausa publicitaria, bromeou sobre o desfile de lencería de Victoria's Secret . A partir de aí, comezou a comparar ás mulleres maduras coas mozas e dixo: “as rapazas de 17, 18 y 19 aínda non olen a ácido úrico, están limpas, teñen un olor a santidade". Entón, a presentadora advirte a Sostres de que hai nenos no plató, el pregunta ao público de que colexios veñen, e eles contestan que son de Marrocos, Cataluña e Cádiz. O periodista segue falando e di "o punto máxico desas rapazas está nos 17, 18 y 19 anos, coa tensión da carne. Esta carne que rebota, xove. E ese entusiasmo que teñen, que che queren ensinar que están liberadas, que xa son maiores"o periodista non para de facer comentarios pedófilos cara elas. Despois engade que "o matrimonio é o sexo por obriga o sexo á forza: agora fódese". Por último, Isabel insiste coa frase "hai nenos, Salvador" o que el contesta: "Son de Rabat, non te preocupes, aí levan todo solto". Actualmente este xornalista segue publicando no xornal “El mundo”.
Neste mesmo xornal, tratouse en 2012 o caso de Mercedes M.G de xeito critico e sen darlle importancia, exculpando de todo ao acosador. A vítima, que vivía en Almería, chamou o día da súa morte ás 03.30 ao 112 para informar de que se atopaba perdida e desorientada entre a prisión e a localidade de Cuevas dos Medina, e que un home alto cun vehículo de empresa todoterreo de cor branca intentará violala. A frase “intentara violala” está escrita entre comas na publicación do artigo, é dicir, trata a vítima de mentireira. Finalmente o cadáver de Mercedes foi atopado aos pés dun precipicio de 40 metros de altura. O día que se publicou a noticia aínda non estaban realizadas as probas para asegurar se a agresión sexual fora certa ou non pero o título que recibiu no xornal foi “A muller morta caeu por un barranco de forma accidental”. É dicir, negando calquera tipo de actitude machista como se fose inexistente.

Este feito de tratar a violencia machista e de escusar os feminicidios nos medios de comunicación fai que se lle deixe de dar importancia á súa gravidade, atrasándonos na loita con este tipo de atentados contra a muller. Hai que acabar con este xornalismo machista e despreocupado pola situación, que trata os casos de violencia como se trataban hai 30 anos. Tamén hai que deixar de tolerar os comentarios sexistas e ofensivos nas redes sociais, denuncialos e conseguir acabar con eles.



Alicia Caamaño Vázquez
4ºESO

Ningún comentario:

Publicar un comentario